A Xunta de Galicia reforzou a atención ás mulleres vítimas de violencia sexual cun Centro de Crise 24 horas que funciona desde o pasado mes de decembro no Hospital Universitario Lucus Augusti. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións e explicou que “están sempre abertas, en calquera momento os 365 días do ano, para as usuarias que o precisen”.
Para o acceso aos centros de crise non se necesita denunciar nin estar en disposición de facelo. Está destinado a mulleres maiores de 15 anos,
independentemente de cal sexa a súa situación administrativa, que vivisen un intento ou unha situación de violencia sexual, recentemente ou no pasado, os seus familiares e persoas da sua contorna íntima; o obxectivo é prestar asistencia á vítima en función das súas circunstancias, demandas e necesidades, impedindo a vitimización secundaria.
Ademais da atención presencial, hai un teléfono de garda 24 horas -o número 982 29 67 61- e tamén se pode contactar co servizo mediante o enderezo electrónico centrodecrise.lugo@xunta.gal.
O acceso debe ser voluntario e pode producirse por iniciativa da propia interesada ou por derivación doutros recursos, como os Centros de Información á Muller, servizos comunitarios, xulgados, forzas e corpos de seguridade ou entidades sociais que traballan neste ámbito.