O Concello de Lugo porá en marcha a partir deste mércores, 18 de febreiro, un plan especial de tráfico con motivo das obras de reparación urxente do pavimento na rúa San Fernando, nas inmediacións da Porta de San Fernando. A actuación terá unha duración prevista de cinco días e obrigará á ocupación da calzada, polo que se interromperá temporalmente o tránsito rodado tanto de entrada como de saída ao recinto amurallado por esta vía.
Os traballos responden á necesidade de corrixir danos puntuais detectados no pavimento e realizaranse con cargo á garantía da obra, ao atoparse aínda dentro do período establecido para este tipo de actuacións, sen custo para as arcas municipais.
Durante o tempo que duren as obras, o acceso para residentes e usuarios do aparcadoiro da Praza do Ferrol realizarase pola Porta de Bispo Odoario e a rúa Montevideo, mentres que a saída quedará habilitada pola rúa San Froilán e a Porta da Rúa Nova. Esta organización permitirá manter operativos os accesos ao centro histórico para os vehículos autorizados.
O plan inclúe unha sinalización específica en todos os puntos afectados, con limitacións de velocidade, prohibicións de xiro e indicacións de dirección obrigatoria, co obxectivo de garantir a seguridade viaria e ordenar a circulación na contorna. Así mesmo, asegurarase en todo momento o tránsito peonil e o acceso a vivendas, garaxes e locais comerciais, prestando especial atención ás persoas con mobilidade reducida.
En relación co transporte público, a empresa concesionaria adaptará os itinerarios das liñas que circulan pola zona. As liñas 9 e 12 non accederán ao casco histórico durante estes días, mentres que as liñas 7 e 8 modificarán o seu percorrido entrando pola rúa Bispo Odoario e a rúa Montevideo, e saíndo pola Rúa Nova. Ademais, habilitarase unha parada provisional de autobús urbano nas inmediacións da intersección entre a rúa Montevideo e a Rúa Nova.
A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos clave do dispositivo para facilitar o tránsito e garantir o cumprimento das medidas adoptadas. O Concello lembra que o acceso ao centro histórico queda restrinxido a vehículos autorizados, como residentes, usuarios de aparcadoiros, servizos e emerxencias.






