ADEGA advirte de impactos ambientais do parque eólico Cordal de Ousá

A asociación ecoloxista ADEGA alertou dos posibles impactos ambientais, patrimoniais e sobre a biodiversidade do proxecto do parque eólico Cordal de Ousá, actualmente en fase de exposición pública e presentación de alegacións. A iniciativa, “promovida por Eólica de Cordales S.L., prevé a instalación de cinco aeroxeradores e unha liña de evacuación eléctrica de case 30 quilómetros”.

Segundo a documentación do proxecto, “o parque localizaríase maioritariamente en zonas de exclusión eólica recollidas no Mapa de Zonificación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, ademais de situarse na zona tampón da Reserva da Biosfera Terras do Miño. ADEGA sinala tamén a presenza dun elevado número de xacementos arqueolóxicos na área afectada, cuxo impacto non estaría suficientemente avaliado”.

Un dos puntos máis cuestionados é “a liña de alta tensión, que atravesaría espazos naturais sensibles da Terra Chá e cruzaría en dúas ocasións a ZEC Parga–Ladra–Támoga, incluídas as Ínsuas do Miño, sen que o Estudo de Impacto Ambiental analice alternativas de trazado”. A entidade advirte tamén da proximidade dos aeroxeradores e da liña eléctrica a vivendas e a un punto de abastecemento de auga no concello de Begonte.

A asociación denuncia ademais que o trazado da liña de evacuación afectaría directamente á “área de reprodución do mazarico real (Numenius arquata), especie en perigo crítico de extinción en Galiza. Parte do tendido situaríase preto do Aeródromo de Rozas, onde se localiza a única poboación reprodutora da especie na Península Ibérica, nunha zona considerada clave para a súa conservación. Os ecoloxistas din que “Neste contexto, ADEGA lembra que a Xunta vén desenvolvendo actuacións específicas de conservación do mazarico real neste mesmo ámbito territorial, ao recoñecer o seu valor estratéxico para a supervivencia da especie”. Isto evidencia a necesidade dunha avaliación ambiental rigorosa e coherente cos compromisos de protección asumidos”.

Foto: Mazarico (Adega)

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com