A asociación ecoloxista ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) presentou hoxe no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza 1.415 solicitudes de arquivo do expediente de tramitación da concesión de augas do río Ulla para a macrocelulosa de Altri e Greenalia en Palas de Rei, por incumprir os prazos legais de resolución.
Adega sinala que “este rexistro masivo tivo lugar o día no que se fai un ano desde a data límite legal (30 de maio de 2024) na que Augas de Galicia debera ter arquivado o expediente de solicitude de concesión de Altri por ter excedido o prazo máximo de resolución, entendéndose desestimada. Malia a ter transcorridos os 18 meses de prazo máximo que fixa o Regulamento de Dominio Público Hidráulico para resolver os expedientes de concesión, Augas de Galiza persiste en manter en trámite o procedemento administrativo derivado da solicitude de Altri para a captación de 46.000 m3/día de auga do río Ulla con destino ao uso industrial na macrocelulosa de Palas de Rei”.
ADEGA, PDRA, CIG e os Grupos Vivos reunidos diante do rexistro da Xunta apelaron á cidadanía galega a participar namobilización deste domingo, 1 de xuño, que terá lugar en Pontevedra baixo o lema “Nin Ence na Ría, nin Altri na Ulloa”.