O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, adiantou hoxe que o proxecto industrial de Altri quedará excluído da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030, o que suporía, nas súas palabras, “o terceiro e definitivo non do Goberno á macrocelulosa”, lembrando que a propia Xunta vinculou a viabilidade desta iniciativa ao seu “enganche” á rede. “Se non se inclúe na planificación, o proxecto non poderá poñerse en pé”, dixo.
Besteiro lembrou que o proxecto xa fora rexeitado en dúas ocasións anteriores: primeiro, ao quedar fóra das axudas do Plan de Descarbonización, e despois ao non acceder aos 250 millóns extraordinarios solicitados á Unión Europea. Agora, engadiu, a súa exclusión da planificación da rede eléctrica confirma que Altri “non ten futuro en Galicia”.
O líder socialista insistiu en que o PSdeG será “a garantía de que non se financie con cartos públicos ningún proxecto que poña en risco o futuro ambiental e social do país”. E concluíu: “Galicia non pode hipotecar o seu desenvolvemento cunha macrocelulosa que non encaixa nin na normativa europea nin na planificación enerxética do Estado”.
“Cómpre lembrar -apuntou Besteiro. que Altri naceu baixo a escuridade, convertido no proxecto estrela de Alfonso Rueda, pero sen transparencia nin diálogo coa cidadanía: “Un proxecto imposto, que sempre estivo rodeado de incógnitas, de ocultismo e de falsas promesas como a súa actividade central ou o número de postos de traballo”.