Candidaturas finalistas da vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo

A actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes anunciaron esta mañá as candidaturas finalistas da vixésimo cuarta edición dos Premios Mestre Mateo, nun acto celebrado no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo.

No mesmo evento, a Academia Galega do Audiovisual informou de que a actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez presentarán a gala de entrega dos premios, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo, e que a dirección do espectáculo correrá a cargo da realizadora Marta Arévalo.

As longametraxes Antes de nós, Sirāt e As liñas descontinuas concentran 40 das candidaturas finalistas desta edición. Antes de nós, unha produción centrada na figura de Castelao, é o filme que obtivo un maior número de candidaturas, cun total de 18, entre elas a de Mellor longametraxe, categoría na que compite con As liñas descontinuas, Sirāt e San Simón.

A película Antes de nós é finalista en dirección con Ángeles Huerta e en guión con Pepe Coira, ademais de contar con Cris Iglesias e Xoán Fórneas nas categorías de interpretación protagonista feminina e masculina, respectivamente. En interpretacións de reparto figuran como finalistas Luisa Merelas, Victoria Teijero, Adrián Ríos Rúa, Nancho Novo e Miquel Ínsua López. O filme suma tamén candidaturas nas categorías técnicas de dirección de fotografía, dirección de produción, montaxe, música orixinal, son, vestiario e maquillaxe e perruquería.

As liñas descontinuas reúne 11 candidaturas, incluídas as de dirección para Anxos Fazáns e guión, compartido por Fazáns e Ian de la Rosa, así como as de interpretación protagonista para Mara Sánchez e Adam Prieto. A produción é tamén finalista en diversas categorías técnicas, como dirección de produción, fotografía, montaxe, música orixinal e son.

Pola súa banda, Sirāt obtivo igualmente 11 candidaturas e figura como finalista en dirección e guión con Oliver Laxe e Santiago Fillol. O filme destaca tamén nas categorías técnicas de dirección de fotografía, dirección de produción, montaxe, música orixinal, son, vestiario e maquillaxe e perruquería.

Na categoría de interpretación feminina protagonista compiten Alba Flores por Punto Nemo, Lucía Veiga por Mi Ilustrísimo Amigo, Mara Sánchez por As liñas descontinuas e Cris Iglesias por Antes de nós. En interpretación masculina protagonista son finalistas Xoán Fórneas por Antes de nós, Adam Prieto por As liñas descontinuas, Flako Estévez por San Simón e Luis Tosar por Golpes. En reparto feminino complétanse as candidaturas con Desiré Pillado por O Home Perfecto e Isabel Naveira por Lume, mentres que en reparto masculino figura tamén Tatán por San Simón.

No ámbito televisivo, a serie Weiss e Morales sitúase entre as máis recoñecidas desta edición, con candidaturas para Lucía Estévez en dirección, Jaime Pérez AEC en dirección de fotografía e Gaspar Broullón e Lu Rodríguez en montaxe. Compite na categoría de Mellor serie de televisión con Bibopalula, O Home Perfecto e Punto Nemo. Esta última suma tamén candidaturas en dirección de arte e maquillaxe e perruquería.

Na categoría de Mellor programa son finalistas Cinephilia, Cos Pés na Terra, Raíña-me! e O videoclub. Cinephilia conta ademais con candidaturas a Mellor comunicador/a e Mellor realización. Nesta última categoría compite con Cos Pés na Terra, Historias de Aquí e Raíña-me!. En Mellor comunicador/a figuran tamén como finalistas Lucía Veiga, Miguel Canalejo e Xosé Ramón Gayoso.

En Mellor documental resultaron finalistas 360 Curvas, Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado. As series web finalistas son Alucinema, Bechos, Contando los días e Pipo.

Nas categorías de curtametraxe, en imaxe real compiten Abellón, Adeus, Berta, Algo novo que contar e Curmán, mentres que en animación son finalistas Lucus, Nuno, O Corpo de Cristo e O Mesmo.

Na categoría de Mellor videoclip optan ao premio Ferido, de Xoán Fórneas; Hibernarse – O videofilme, de Fillas de Cassandra; Non cho podo dar, de Sabela e María Escarmiento; e Ontes fun moi malo, de Grande Amore. En Mellor anuncio publicitario son finalistas Ao Noroeste do Oeste, Gadis – Compartimos la vida, Hematofesti 2025 – Festival de Humor e Literatura Infantil e Historia que nos impulsa.

O público de Lugo poderá asistir ás proxeccións das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, con presentación dos equipos das obras. As sesións, que se desenvolverán durante os meses de febreiro e marzo, serán gratuítas e de acceso libre ata completar capacidade. As persoas premiadas daranse a coñecer na gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, que se celebrará o sábado 21 de marzo en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com