Carmela López Moreno, nova Presidenta da Deputación de Lugo

A Deputada provincial e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, foi elixida Presidenta da Deputación de Lugo nun Pleno celebrado na mañá deste mércores no Pazo de San Marcos, tras ser a candidata con máis votos na votación en urna. A sesión plenaria tivo lugar na sede da institución provincial, culminando coa proclamación oficial da nova Presidenta, que asume o cargo “coa responsabilidade de representar a toda a provincia e de traballar polo interese xeral das veciñas e veciños dos 67 concellos de Lugo”, sinlaou.

A nova presidenta da Deputación de Lugo declarou na súa intervención que “Comparezo hoxe aquí con serenidade e convicción. Serenidade porque creo nunha política con cabeza, diálogo e estabilidade. E convicción porque sei moi ben para que estou aquí”.

Asemade sinalou que “asume esta Presidencia desde a igualdade. Son muller, e chego aquí grazas ao camiño aberto por moitas mulleres e tamén por moitos homes que nos acompañaron para que hoxe haxa cada vez máis mulleres na política”.

Quixo facer un recoñecemento explícito “ao goberno en coalición que sostén esta Deputación. Creo firmemente no traballo en equipo e na colaboración entre forzas políticas que, aínda tendo diferenzas, comparten unha mesma responsabilidade coa cidadanía”.

Expresou o seu o agradecemento ao partido socialista por confiar nela, “tanto como alcaldesa e deputada provincial como para presidir a Institución e a súa familia polo seu apoio constante”.

E concluí declarando que “asumo a honra de ser presidenta da Deputación de Lugo con emoción e ilusión, cun claro sentido do servizo público, e comprométome a exercer unha presidencia baseada no diálogo e tamén na decisión, accesible, esixente e honesta, coa vontade de impulsar proxectos para o avance desta provincia”.

Dende o BNG declararon que “consideramos que cumplimos co que viñamos anunciando, traballar para devolver a normalidade a esta institución e agora abrese un tempo de futuro para seguir modernizando a Deputación de Lugo e seguir traballando por todos os Concellos da provincia e por todo o tecido, tanto cultural, deportivo como asociativo e respetar o que saíu nas urnas nas últimas eleccións municipais e o BNG seguirá estando ao lado das vítimas, das mulleres e da loita feminista”.

 O Partido Popular denuncia “que hoxe nace o Goberno da vergoña o que puxo prezo ao feminismo”

Pola súa banda, o PP por boca do seu  deputado provincial, Antonio Ameijide, declarou que “Carmela López converteuse hoxe en nova presidenta da Deputación co apoio do PSOE e do BNG, pero tamén co respaldo explícito do ex presidente José Tomé, acusado de presunto acoso sexual, e da persoa que o encubriu durante meses, Pilar García Porto, hoxe o feminismo non rompe un teito de cristal nesta Deputación, o feminismo lánzase polo precipicio”.

E preguntou a PSOE e BNG “con que cara van a mirar ás mulleres da provincia, ás compañeiras dos seus partidos, como van a defender o feminismo o próximo 8M tras poñerlle prezo a este movemento e á defensa das vítimas. Para eles, o feminismo vale 500.000€”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com