CCOO acusa ao Goberno municipal de “vender Lugo ás empresas privadas”

CC.OO ven de emitir un comunicado  no que denuncian que o Goberno municipal  privatiza “mentres recortan persoal e desvían fondos a intereses partidistas”. E pon o acento en que  “ O  BNG pasa de non vender servizos públicos como eslógan electoral a pagar un 71% máis por privatizalos en Lugo.

CCOO denuncia que o Goberno local  aposta pola privatización e polo clientelismo en lugar de reforzar o emprego público. A última mostra é a decisión de entregar a xestión do Vello Cárcere a empresas privadas cun contrato de 560.541,18 € anuais, un 71% máis caro ca o anterior (327.878,55 €). O valor estimado do contrato, con IVE incluído, “ronda a cantidade asombrosa de 3.000.000 de euros, con prórrogas e posibles modificacións engadidas”. O propio servizo de intervención advirte que, “aínda que se acredita a suficiencia de crédito, nada se informa respecto da repercusión do contrato nos principios de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira”. Engade que este incremento “debera facernos reflexionar sobre a capacidade do Concello de Lugo, concretamente da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, de manter a súa estabilidade financeira a longo prazo, cubrindo os seus gastos sen comprometer a súa viabilidade futura”.

Ademais de todo isto, “tamén é motivo de reparo do interventor que están as facturas da empresa adxudicataria actual sin consignar polo Concello desde novembro do 2024. Débense cartos e auméntase o gasto. A contradición é aínda máis grave no caso do BNG, que no seu programa electoral proclamaba defender a capacidade da Administración para prestar servizos públicos, recuperar a xestión directa e loitar contra externalizacións “cuxo único fin é lucrar empresas privilexiadas”. “Prometeron non vender servizos públicos e hoxe avalan un contrato de máis de medio millón de euros anual que a súa propia concellería de Cultura non pode soster”, denuncia CCOO. Ademais, o sindicato lembra que nos dous últimos meses desviáronse preto de 40.000 euros da partida destinada a cubrir vacantes de persoal municipal para financiar actividades accesorias, festexos e mesmo unha escultura en homenaxe á anterior alcaldesa. “É un escándalo quitar diñeiro do cadro de persoal para pagar caprichos partidistas. Lugo precisa traballadores e servizos de calidade, non propaganda nin privatizacións”, afirma o sindicato, que esixe negociación seria sobre xornada, carreira profesional e RPT.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com