CCOO esixe a dimisión da Concelleira de Persoal do Concello

A Sección Sindical de Comisións Obreiras no Concello de Lugo denuncia a situación de deterioro e descontrol que sofre o Departamento de Persoal municipal, “cuxo funcionamento se atopa nunha crise sen precedentes pola falta de planificación, transparencia e diálogo coa representación sindical”.

Segundo CCOO “nos últimos meses, o servizo vén acumulando decisións arbitrarias e irregularidades que comprometen a legalidade da actuación administrativa e os dereitos do persoal municipal. O último episodio —o cesamento de persoal interino en praza vacante de carácter estrutural— supón un feito de extrema gravidade, xa que se produciu sen causa legal nin informe técnico que o amparase, vulnerando o Estatuto Básico do Empregado Público”. A medida tivo que ser rectificada tras a intervención de CCOO, evidenciando unha actuación improvisada e carente de rigor.

CCOO sinala que “este non é un caso illado. O Departamento de Persoal, baixo a responsabilidade política da Concelleira e a dirección técnica da Xefa de Sección de RRHH, leva tempo acumulando conflitos e deficiencias que paralizan a xestión municipal”

Para CCOO, esta situación “evidencia unha grave perda de capacidade de xestión e responsabilidade política, que deteriora o clima laboral e pon en risco o normal funcionamento da administración local”.

Ante esta situación a central sindical pide a dimisión da Concelleira de Persoal, a apertura dun expediente de responsabilidades á Xefa de Sección de RRHH e a adopción de medidas urxentes para restaurar o normal fucionamento do departamento de persoal.

CCOO fai un chamamento ao Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para que “actúe con responsabilidade institucional e poña fin a esta deriva que está a danar a credibilidade e o bo nome do Concello”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com