Os Codex Cinema estrean hoxe venres, os filmes “ROMERÍA” e “APRIL”.
“ROMERÍA”, a nova película de Carla Simón, rodada integramente en Vigo. Un filme emotivo, claro e onde Carla Simón afronta retos creativos e ofrece un retrato íntimo á vez que político dunha traxedia familiar.
Sinopse: Marina, de dezaoito anos, orfa desde moi nena e adoptada por un tío materno, viaxa a Vigo para coñecer a familia do seu pai biolóxico. A través dos encontros cos tíos e avós intenta reconstruír o relato dos seus pais pero o seu intento trae de volta un pasado xa enterrado. Guiada polo diario da súa nai e a través dunha conexión moi especial co seu novo curmán, Marina descubrirá aas feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais de quen apenas ten recordos.
A outra estrea da semana é “APRIL”, a segunda longametraxe da directora Dea Kulumbegashvili, que aposta pola experimentación cunha película dotada cunha inmensa empatía nun tema que xira en torno ao aborto en Georgia.
Sinopse: Tras a morte dun recén nacido, Nina, a xinecóloga, vese atrapada nunha marea de acusacións de practicar abortos ilegais para quen o precisa e require. A pesar de poñer en risco a súa carreira profesional e alterar a súa vida persoal, Nina, intenta defender os seus principios afrontando unha difícil loita interna ademais da social.