O primeiro síntoma do problema foi que o teléfono quedou sen cobertura. Cortouse a enerxía eléctrica e, nun momento, volvemos a un tempo que a maioría xa non coñeceu. Os que sabemos o que é vivir no rural sen enerxía eléctrica a mediados do pasado século, volvemos ao illamento que ás veces tememos pero nunca prevemos que poida ocorrer.
Cando un colapso como o deste luns se produce, lamentamos a absoluta dependencia da enerxía eléctrica para a nosa vida. Un corte de enerxía afecta a bancos e hospitais, aeroportos e supermercados, ascensores e garaxes, pagos con tarxeta, gasolineiras, televisión, internet… quedounos a radio, único auxilio, o que nos fai lembrar a longa noite dos transistores do 23 F,
Soubemos, a contagotas, da recuperación do servizo pola provincia: Cospeito, Castro de Rei, Burela, O Vicedo… e mesmo a rúa Ourense na capital. E sorprendémonos da parcelación do subministro por rúas cando maxinabamos automatización total e garantía de subministro, pero diante das hipóteses dun atentado ou ataque informático, se nos explica que o acontecido é como cando nunha casa saltan os plomos.
Pandemias, inundacións, colapsos de causa coñecida ou estimada, son probas de esforzo á sociedade moderna, conectada pero dependente de imponderables fóra de control. E se algo temos que subliñar é a normalidade absoluta no exterior, a modélica condución nas estradas e rúas e a xubilosa e paulatina volta á normalidade.
Se foi unha proba, o resultado foi perfecto. Se non foi proba, agardemos sexa lección para os gobernantes do inerme da sociedade nun sistema que nos fai dependentes, e que cando falla nos deixa xordos e cegos.