Todos os camiños do Paseo do Río Rato próximos ao río que sufriron graves danos causados pola borrasca Olivier no pasado mes de abril serán restaurados e para elo a Deputación de Lugo deberá empregar 1.429 m3 de xabre e 205m3 de cachote para restaurar a súa estabilidade estrutural. Reporanse ademais cinco pasarelas de madeira, varandas e valados danados pola corrente, un tramo de senda pivotada e un banco de madeira.
Concretamente, a riada levou consigo 44 metros de estruturas da valla de diferentes características, que deberán ser repostas para garantir a seguridade das persoas usuarias do paseo. E empregaranse técnicas de bioenxeñería sobre 87,5 m2 do paseo e 66 metros de escollera que permitan renaturalizar o paseo.
No que ten que ver coas pasarelas melloraranse:
Pasarela das Casetas de madeira. Trátase dunha ponte de 7 metros de longo por 2 de ancho que está situada á altura das casetas empregadas pola Deputación de Lugo para o mantemento das zonas verdes de titularidade provincial. Terá que substituírse a súa varanda de seguridade, que foi afectada na súa totalidade.
Pasarela de Cruce dos camiños. Mide 7 metros de lonxitude e 1,5 de ancho. Está situada nun cruce de camiños do Paseo e deberá ser renovada na súa totalidade.
Pasarela de acceso ao Centro de Permacultura. Contaba con 6 metros de longo por 1,5 de ancho e debe substituírse a estrutura e a varanda.
Pasarela Cascada. Trátase dunha pasarela situada próxima á cascada do Rato. Foi danada na súa estrutura de xeito total e desprazada pola riada varios metros máis abaixo. Deberá ser substituída mediante unha estrutura similar de 5 metros de longo e 1,5 metros de ancho coa súa varanda de seguridade.
Pasarela situada antes da Cascada. Trátase dunha pasarela de madeira de 5,7 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho que foi arrincada dos seus apoios pola riada e que quedou varada río abaixo. Deberá ser substituída na súa totalidade, tanto a estrutura como a varanda.
Senda pivotada Tolda de Castela. Na zona que conduce desde o Paseo do Rato ata a Tolda de Castela, produciuse o deterioro e varios danos estruturais sobre a plataforma de madeira pivotada. Víronse afectados 14 m2 que deberán ser substituídos.