Comunicado de Interior Galego Vivo (IGV) sobre os lumes

O movemento cidadán Interior Galego Vivo (IGV) dirixiuse á Consellaría do Medio Rural para reclamar medidas urxentes que permitan o pastoreo anticipado nas áreas arrasadas polos incendios e o mantemento da súa consideración como superficie primábel para efectos da PAC en 2025.

IGV lembra que, segundo datos da axencia europea Copernicus (EFFIS), os incendios de agosto devastaron 158.000 hectáreas en Galiza, o que supón o 43,6 % da superficie queimada en todo o Estado neste período, a pesar de que o territorio galego só representa arredor do 6 % da superficie estatal. A entidade subliña que se trata dun récord histórico, con lumes de sexta xeración xa vistos no 2023 en zonas como o Courel ou Valdeorras sen que desde a Xunta se teñan adoptado as medidas de prevención e reforzo dos medios.

Igualmente, o Estado español renuncia á súa soberanía e aceita gastar 5% do PIB en gasto militar, unha cantidade que permitiría adquirir por volta de 1.300 hidroaviós ou máis de 3.400 helicópteros de extinción de incendios ao tempo que se podería pagar ben a pilotos, persoal auxiliar, brigadas o ano inteiro… é aínda sobrarían cartos para brigadas de reforestación e rozado e para contratar pastores que mantiveran o gando en extensivo nas serras. Daquela, o gasto militar e o exército non deben absorber recursos para loitar contra inimigos imaxinarios, mais para prepararse a mitigar os inevitábeis e cada vez máis frecuentes episodios críticos provocados pola mudanza climática.

Canto á Xunta, segundo o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga) 2025, asignou un orzamento de 200 millóns de euros ao dispositivo contra incendios forestais dos que uns 50 millós se destinan a medios aéreos privados, xa que unicamente Euskadi e Cataluña contan con medios públicos.

«Estamos ante a maior catástrofe ecolóxica desde o Prestige, mais a diferenza é que esta queima o noso corazón verde e condena á morte o interior do país», denuncian desde IGV.
«Non é só lume, é abandono institucional, é falta de política forestal, é un modelo suicida que leva décadas sen máis ordenación do territorio ca o “ti vai facendo” mais o caciquismo», engaden.

A normativa galega e estatal, a través da Lei 7/2012 de Montes da Galiza (modificada pola Lei 9/2021) e da Lei 43/2003 de Montes, prohíbe o pastoreo durante dous anos prorrogábeis a tres nos terreos queimados, agás autorización expresa que, porén, exclúe parroquias de alta actividade incendiaria. Dada a magnitude do desastre debe modificarse a norma e «Se a Xunta non actúa xa, estará empurrando ao feche definitivo centos de explotacións, condenando o territorio á desfeita e aumentando o risco de incendios aínda máis devastadores antes do 2030», alerta IGV.

«A gandería extensiva non é culpábel, é a nosa mellor ferramenta para frear o lume. Prohibila é suicida e irresponsábel e apenas se explica porque, a diferenza da agro-industria, os pastores e a agricultura familiar non teñen capacidade de lobbing, pois o PP converteu a Xunta nun apéndice do Consello de administración das multinacionais», insisten.

A entidade critica que a actual regulación exclúe automaticamente da excepcionalidade parroquias catalogadas como de alta actividade incendiaria, cando a propia Lei estatal deixa esta cuestión a criterio das comunidades autónomas. «Non hai ningunha obrigatoriedade legal que impida á Xunta introducir esta excepción, só falta vontade política e responsabilidade cos que viven do territorio», engaden.

En consecuencia, IGV solicitou á Consellaría de Medio Rural a modificación normativa inmediata para permitir o pastoreo anticipado, mediante autorización expresa, nas zonas ardidas dos concellos declarados zona de desastre natural polo Goberno do Estado (o vindeiro 26 de agosto), incluíndo aquelas parroquias sinaladas como de alto risco e que se manteña a consideración como superficies primábeis na PAC 2025 para aquelas parcelas queimadas que foron incluídas nas solicitudes deste ano.

Amais, o Goberno de Vilardevós, do que participa Interior Galego Vivo, fixo as súas tarefas ao ter  o Plan de prevención de incendios en vigor e as comunicacións enviadas, tanto a parroquias priorizadas como non priorizadas. Porén, é claro que «O lume non é só unha traxedia ambiental: é unha bomba social e económica que arrasa a vida rural. Sen gando, sen xente e sen política ao servizo das persoas e do territorio, a Galiza arde cada vez máis e máis rápido», conclúe IGV. «A Xunta leva 15 anos gobernando o monte a golpe de improvisación e propaganda e o resultado é unha paisaxe arrasada, aldeas baleiras e fumo cubrindo o ceo cada verao».

No interior galego a 24 de agosto de 2025.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com