Segundo anunciou hoxe o Conselleiro de Cultura, no vindeiro mes de outubro deste ano, consultores da UNESCO xirarán visita á Ribeira Sacra dentro dos pasos establecidos no tramo final da candidatura a Patrimonio Mundial, que será avaliada en xuño de 2026.
O representante da Xunta trasladou nesta reunión aos alcaldes dos concello da comarca que “a de a Ribeira Sacra xa forma parte das candidaturas admitidas para ser avaliadas polo Comité Mundial da Unesco” e subliñou que a vindeira xira dos representantes da UNESCO é un dos requisitos, xunto con outros procedementos, para a toma da decisión final que dito organismo debe emitir no vindeiro ano.
Ao respecto, fixo fincapé en que a candidatura presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou o máximo responsable de Cultura do Goberno galego.
Folla de ruta iniciada en 2017
Finalmente o conselleiro López Campos, aproveitou a súa intervención para lembrar o “esforzo e intenso traballo por parte do Goberno galego coa candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga. Con este obxecto, sinalou os preto de 8 M€ que a Xunta ten investido na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais deste territorio das provincias de Ourense e Lugo”.
En concreto, ao longo deste período, a Administración autonómica executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, concluíu.