Hoxe manteñense cortadas seis estradas provinciais e ten preto de 90 vías afectadas pola neve na comarca da Montaña, como consecuencia das condicións meteorolóxicas adversas rexistradas nas últimas horas.
As fortes choivas caídas entre a noite e a mañá obrigaron ao peche por asolagamentos de tres estradas: a LU-P-3204 ao seu paso por Monforte de Lemos, a LU-P-4703 na Pobra do Brollón e a LU-P-0901 en Bóveda.
Tamén continúan afectadas dúas pontes situadas nos concellos de Navia de Suarna e Muras, o que impide a circulación polo tramo vello da LU-P-3501 e polo punto quilométrico 22 da LU-P-6502. Ademais, en Pedrafita do Cebreiro permanece interrompido o tráfico na LU-P-1301, que conecta este concello con Seoane do Courel, á altura de Pacios, pola caída dunha árbore. Segundo as previsións, a vía podería quedar reaberta ao longo da tarde.
De acordo coa información facilitada polos técnicos, a circulación está a verse afectada en toda a rede provincial, cun descenso da cota de neve ata os 500 metros. As nevadas están a incidir especialmente na comarca da Montaña, onde se rexistran acumulacións de entre 10 e 20 centímetros de neve en concellos como Baleira, Becerreá, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribas de Sil, Samos e Triacastela. En Cervantes, nalgúns puntos, o espesor alcanza os 25 centímetros.
O operativo invernal da Deputación conta este martes con 48 operarios e 26 máquinas e vehículos, entre eles 10 quitaneves, 8 vehículos tipo pick up con cuña e saleiro e 8 todoterreos, destinados a atender as distintas incidencias rexistradas. Este dispositivo permitiu garantir durante a mañá o transporte escolar e facilitar o acceso ao persoal dos servizos sociais, que en varios casos realizou repartos de comida a domicilio para persoas maiores residentes na Montaña.






