Cutrez

No panorama lucense, o menos que pode facer unha institución que non teña aversión pola cultura, é ter un local posto ao dispor dos culturalmente inquedos, aos que acoller – casa cuberta – para que desenvolvan actividades que merecen respecto e apoio.

Cos trámites pertinentes, a Deputación acolle actividades culturais non organizadas pola entidade no salón de San Marcos ou Santa María, o mesmo que o Concello no Vello Cárcere ou o Gustavo Freire, e a Xunta na Delegación Territorial e na Biblioteca Provincial.

Exemplo paradigmático era a sala Sargadelos, onde Xerús – institución en si mesmo – apadriñaba canta actividade se acollía a aquel refuxio cultural. A súa desaparición – a de Xesús e a da sala – foi unha doble perda para a cidade de Lugo.

Á parte doutras salas vencelladas a centros educativos, quedan no centro da cidade dous salóns de longa traxectoria que parecen renegar da súa vocación, ou matizala – metalizala – pecuniariamente dun xeito que entendo traizoan a intención coa que naceron.

Que o Círculo das Artes, fogar acolledor de cultura, cobre por utllizar o Salón Rexio, intercambio de cousas espirituais por materias, semella un xeito de simonía cultural que pode ser necesaria pero fai renxer o pensamento de quen coida que a cultura é un dereito natural dun pobo.

Que sexa Abanca quen cobra por utilizar un local ao que en tempos a Aula de Cultura de Caixa Galicia deu tanta vida, é unha auténtica cutrez para unha entidade bancaria que por pura visión comercial debera producirlle arcadas utilizar este “Sésamo ábrete” monetario para abrir as portas dun lugar pensado para as letras e a palabra. Que os deuses da cultura lles conserven a vista.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com