O sábado estivo en Lugo, para recibir garimosa homenaxe, María Vázquez, a actriz galega que naceu en Vigo, viviu en Lugo, ten raíces en Carballedo, e vive en Chantada. E poidemos ver, de preto, a actriz nosa que leva por bandeira un encanto irrefrenable, un galeguismo irredento, un sorriso permanente.
Desde o primeiro momento en que lle comentamos que queríamos que viñese a Lugo para deixarnos pegada súa no Paseo do Cine, para ver como se pode ser grande e sinxela ao mesmo tempo e facer patria nas pantallas do noso mundo, foi a nosa amiga e estivo connosco.
María fai matria desta terra feminina e familiar; glorificando unba aparente perdedora que resulta ser unha “María das batallas”, como unha nova María Pita; como tantas e tantas mulleres nosas, heroínas sen sabelo, que provocan feminismo irrefrenable en todos os que sexamos capaces de ver dentro delas e dentro de nós mesmos.
Facendo a súa bio-filmograría ata hoxe, que ten por diante medio século, moitas vidas, infinitas historias, Manuel Curiel marca eses dous puntos, agora mesmo definitorios, que comezan pola María menuda, viva, arrebatadora, e fai punto e seguido nesa Matria que nos conquista, nos eleva, nos conmove… libro que moi axiña, sendo verdade, quedará incompleto porque a cada imaxe – verso a verso – fará camiño ao andar, chegando moi lonxe.
No Paseo do Cine de Lugo, María Matria, María Vázquez, ten a súa placa en bronce, que nos lembra os seus ollos chispeantes, o seu sorriso, a súa cercanía… e que de novo demostra que as persoas verdadeiramente grandes son as que seguen a ser as mesmas, por moi lonxe, moi alto e moi forte que se sintan as súas pegadas.