Detido en Lugo un home por agredir cun coitelo ao seu sobriño

Durante a tarde do pasado luns, 13 de outubro, axentes da Policía Local de Lugo procederon á detención dun home de 68 anos como presunto autor dun delito de tentativa de homicidio, tras agredir ao seu sobriño cunha arma branca no domicilio familiar do barrio de Santa María de Bóveda.

Os feitos producíronse ao redor das 20:45 horas, cando a Sala 092 recibiu unha chamada de urxencia alertando de que un home acababa de causar lesións cun coitelo a un familiar directo. Ao lugar desprazáronse varios indicativos de Policía Local, que atoparon á vítima, un home de 36 anos, cunha hemorraxia evidente e lesións incisas na perna e o brazo esquerdo. Segundo manifestou a propia vítima, a agresión produciuse tras unha discusión familiar iniciada polo cambio dunha bombona de butano, no transcurso da cal o seu tío propinoulle un primeiro corte na coxa e outro no antebrazo cando tentaba protexerse do ataque dirixido ao pescozo.

Mentres unha patrulla prestaba asistencia inmediata á vítima e solicitaba atención sanitaria urxente, concretamente, unha axente do corpo da Policía Local aplicou adecuadamente e de inmediato os primeiros auxilios de forma eficaz e decisiva. A súa rápida actuación permitiu conter a hemorraxia derivada das lesións por arma branca, contribuíndo de forma directa a salvagardar a integridade física do ferido fronte a gravidade das feridas sufridas. Este xesto pon de relevo non só a versatilidade operativa do corpo, senón tamén o valor engadido que achega a experiencia persoal e profesional de cada axente ao servizo da cidadanía.

Outro grupo de axentes accedía ao interior do domicilio, localizando ao presunto agresor sentado fronte a un computador, en actitude aparentemente indiferente. Foi inmediatamente reducido e detido como presunto autor dun delito de tentativa de homicidio, procedéndose ao seu traslado a dependencias policiais.

Durante o traxecto, o detido comezou a presentar síntomas de desmaio e perda de consciencia, polo que foi atendido por persoal sanitario da ambulancia desprazada ao lugar. Por indicación facultativa, foi trasladado de urxencia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), onde quedou ingresado baixo custodia policial.

Pola súa banda, a vítima foi trasladada tamén ao HULA nunha ambulancia medicalizada, onde recibiu atención sanitaria inmediata, o agresor atópase pendente de evolución médica e será posto ao dispor xudicial en canto sexa dado de alta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com