Detido un home que conducía un vehículo roubado, sen carnet, por dirección contraria e baixo os efectos do alcol e drogas

Durante a madrugada do pasado 2 de agosto, axentes da Policía Local de Lugo protagonizaron unha intervención especialmente relevante, tanto desde o punto de vista da seguridade viaria como na prevención de condutas delituosas. A actuación culminou coa detención dun home que presuntamente furtou un vehículo, circulou en dirección prohibida, tentou fuxir a pé dos axentes e arroxou resultados positivos en alcol e drogas, todo iso carecendo de permiso de conducir en vigor.

Ás 03:50 horas, axentes do Grupo Nocturno da Policía Local de Lugo solicitaban apoio urxente por emisora tras observar como un turismo accedía a gran velocidade en sentido contrario pola rúa Antonio Rosón, desatendendo os sinais visuais e acústicas do vehículo policial. O condutor, lonxe de deterse, continuou a súa marcha temeraria ata a Praza de Augas Férreas, onde abandonou o turismo de cor azul e emprendeu a fuxida a pé pola zona peonil.

A persecución finalizou na confluencia de Rolda Xosé Castiñeira con Avenida de Madrid, onde o individuo foi interceptado tras ocultarse entre uns sebes. Alí precedeuse á súa detención debido á súa actitude, mostrándose alterado, desobediente e en evidente estado de resistencia activa cara aos axentes.

Unha vez identificado, un veciño de Lugo e de 24 anos de idade, os axentes comprobaron que carecía de permiso de condución en vigor, ao non realizar o curso de reeducación esixido tras unha perda xudicial previa. Ademais, instruíronselle dilixencias por un presunto delito de resistencia e desobediencia, ao opoñerse de forma activa á intervención policial.

Segundo as primeiras investigacións, o vehículo fora subtraído instantes antes do suceso, cando a súa propietaria, tras estacionalo nas inmediacións da Praza de Augas Férreas, descendeu do mesmo momentaneamente deixando as chaves postas. Foi entón cando o agora detido, aproveitando o descoido e a ausencia de vixilancia directa, accedeu ao interior do turismo e emprendeu a marcha de forma inmediata. Este “modus operandi”, baseado no aproveitamento do descoido alleo, é característico de furtos rápidos e oportunistas que poden derivar en situacións de alto risco, desde a Policía Local de Lugo lémbrase a importancia de non deixar nunca as chaves postas no vehículo, nin sequera durante paradas breves ou aparentemente seguras. Este tipo de descoidos, que poden parecer inofensivos, facilitan furtos rápidos e poden poñer en perigo aos usuarios da vía pública.

Xa na Xefatura da Policía Local, tras ser debidamente informado dos seus dereitos, foi sometido ás probas legalmente establecidas, arroxando resultados POSITIVOS de 0,64 e 0,62 mg/l en alcol, e tamén positivo en cocaína, cannabis (THC) e anfetaminas (AMP). Os datos constataron que se trataba dun caso de condución temeraria con múltiples agravantes.

Este resultado foi posible grazas á rápida actuación dos axentes de patrulla e a eficaz coordinación coas unidades de apoio que se desprazaron de inmediato. Grazas a esta actuación evitouse que unha condución claramente perigosa derivase nun sinistro viario de consecuencias graves para terceiros, e detívose a unha persoa que circulaba sen permiso, en estado de intoxicación múltiple e con actitude agresiva.

A Policía Local de Lugo destaca a importancia deste tipo de servizos non só como actuacións illadas, senón como parte dunha estratexia preventiva continua, dirixida a garantir a seguridade cidadá e a convivencia, especialmente durante as noites de verán, onde o risco de comportamentos delituosos ou imprudentes ao volante tenden a manterse.

Imaxe: foto control nocturno Policía Local de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com