Pasadas as dez desta mañá, o 112 Galicia recibiu moitas chamadas de condutores que advertían dun accidente na A-8, no punto quilométrico 547, en sentido Begonte, e ao paso por Mondoñedo.
Tamén advertían das malas condicións climáticas na vía debido a néboa intensa, que reducía considerablemente a visibilidade.
Posiblemente por esta causa foi difícil descifrar cantos vehículos había implicados no accidente, xa que había moitos coches parados. Finalmente, e segundo a información facilitada polos recursos de emerxencias, houbo dúas colisións por alcance con dous vehículos implicados en cada unha. Como resultado do impacto, houbo dúas persoas atendidas e trasladadas por Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que as lesións eran leves.
Pola súa parte, e debido á intensa néboa, a Garda Civil de Tráfico foi regulando o tráfico para evitar novas colisións, de tal xeito que, tras unha interrupción, volveuse activar a circulación, pero conducionada e con velocidade reducida. Sen embargo, estas medidas tómanse por causa das climatoloxía, pero non polos accidentes porque os vehículos sinistrados xa foron retirados.
Ademais de sanitarios e axentes de seguridade, ao lugar do accidente acudiron os Bombeiros de Barreiros.