Este sábado abre unha nova edición do circuíto Corre con Nós coa carreira nocturna

A carreira nocturna deste sábado, día 17, abre unha nova edición do Circuíto popular Larsa Corre con Nós, organizado pola área de Deportes do Concello de Lugo, que este ano alcanza a edición vixésimo cuarta e faino ademais cun novo récord, con preto de 2.000 inscricións.

Unha das vantaxes dos circuítos populares como este Corre con Nós é que as e os atletas inscritos xa quedan anotados para as seis carreiras restantes, podendo participar en cada unha delas sen necesidade de ter que renovar a inscrición. Ademais, a participación nestas probas é totalmente gratuíta, xa que se trata dunha iniciativa promovida pola Concellería de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo. Respecto á inscrición, hai que destacar que nesta nova edición hai atletas procedentes de ata 25 municipios diferentes, pertencentes ás catro provincias galegas, cunha porcentaxe de mulleres inscritas dun 35 por cento, e dun 65 por cento de homes.

A primeira das seis probas, a coñecida como carreira nocturna, disputarase este sábado, día 17, cun percorrido polas inmediacións da avenida Ramón Ferreiro, a partir das 18.00 horas, con distancias que abarcan desde os 300 metros das categorías menores aos tres quilómetros para as e os adultos.

A montaxe da proba obrigará a cortar o tramo da avenida Ramón Ferreiro máis próximo á Praza Horta do Seminario entre as 12:00 e as 20:00 horas, desde Salvador de Madariaga ata Anxo López Pérez do mesmo sábado 17.

Así, a categoría mini tomará a saída ás 10.00 horas para percorrer 300 metros; cinco minutos despois será a quenda para as categorías sub10 e sub12, que correrán unha distancia de 800 metros. As 18.15 horas darase a saída á proba de 1.000 metros para as categorías sub14 e sub16, mentres que a carreira de adultos disputarase ás 18.30, cun percorrido de tres quilómetros.

Os horarios e distancias das probas están aloxados con toda a información na páxina web do circuíto: https://correconnos.com.

As vías afectadas pola proba estarán cortadas ao tráfico desde as 17.30 ás 19.30 horas na propia avenida Ramón Ferreiro; desde Anxo López Pérez ata a rotonda que enlaza con Mariña Española, e tamén desde a avenida Rodríguez Mourelo ata a praza de Avilés. Igualmente verase afectado o tramo entre as rúas Vilalba e Anxo López Pérez.

A recollida dos dorsais e chips para esta proba pódese facer na tenda colaboradora  Endorfina Sports (Campo Castelo), durante todo o xoves 15, venres 16 e sábado 17, no seu horario comercial.

As e os corredores que cheguen á liña de meta disporán de abastecemento de bebidas que, un ano máis, correrá a cargo de Cola Cola e do patrocinador principal do circuíto LARSA que con esta tempada xa suma 18 consecutivas apoiando este circuíto.

As persoas interesadas en participar neste circuíto Corre con Nós e que non se apuntaran para esta proba, poderán facelo gratuitamente a partir do seguinte día desta primeira carreira, accedendo á paxina web do circuíto, na dirección: https://correconnos.com.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com