Esta semana os Codex Cinema estrea os filmes “ANTES DE NÓS” e “UNHA FUNCIÓN INESPERADA”.
“ANTES DE NÓS”, dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, cóntanos unha parte da vida de Castelao, unha das figuras máis importantes da cultura galega. O filme protagonizado polo lucense Xoán Fórneas, descúbrenos ao Castelao máis intimo, tanto como artista como persoa, profundizando nas súas emocións e as circunstancias que deron forma á figura que todos coñecemos hoxe.
Sinopse: unha parella, dous momentos. Un baile continuo de separación e reencontros. Dúas historias entrelazadas. 1918, Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar como médico en Rianxo durante a gripe española. Un heroe para o pobo, un home ausente para a súa dona, Virxinia. 1929, O matrimonio percorre Bretaña poucos meses despois da perda do seu único fillo. Dous seres rotos e un vínculo que xa non se entende. Unha viaxe que os unirá para sempre. Castelao antes de ser Castelao, Galicia antes da “xeración Nós”, Castelao e Virxinia antes de ser “nós”.
Os Codex Cinema contarán coa presencia de Pepe Coira, guionista do filme, o venres 23 de maio, ás 20:15h, no segundo pase da película, que fará unha breve presentación e ao remate da proxección haberá un coloquio.
O domingo, 25 de maio, tamén ás 20:15h será o actor protagonista, o lucense Xoán Fórneas que fará unha pequena presentación e ao remate do proxección haberá un breve coloquio.
A outra estrea da semana nos Codex Cinema é o filme “UNHA FUNCIÓN INESPERADA”, unha mestura de comedia e drama que resalta o valor da familia, cunha visión conmovedora, divertida e emotiva sobre o amor, a paternidade e a aceptación do que nos fai diferentes.
Sinopse: Ezra é un neno de once anos, agudo e carismático, ten un diagnóstico de autismo que enfronta aos seus pais, Max e Jenna, que están separados, pola maneira de afrontar determinadas dificultades. Max, que arriscara a súa exitosa carreira como escritor para converterse en monologuista, vive agora co seu pai. Sen éxito na segunda profesión e preocupado en extremo por Ezra, despois dunha discusión coa ex-cónxuxe decide marchar unha madrugada levando ao fillo nunha viaxe por todo o país.