Este venres os Codex Cinema estrean o filme “Sirat” de Oliver Laxe que ven de recibir o Premio do Xurado no Festival de Cannes e onde Laxe nos sorprende e emociona cun filme brillante que deixa ao espectador impactado. Unha película conmovedora e atrevida.
Sinopse: Un home e o seu fillo chegan a unha rave perdida no medio das montañas do sur de Marrocos. Buscan a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Comparten a súa foto unha vez tras outra rodeados de música electrónica e un tipo de liberdade nova para eles. Alí deciden seguir a un grupo de raveros en busca dunha última festa que se celebrará no deserto, onde agardan atopar á moza desaparecida.
A outra estrea da semana nos cines Codex é “A BOA SORTE”, dirixida por Gracia Querejeta e protagonizada por Hugo Silva e Megan Montaner. O filme baseado na novela homónima de Rosa Montero, basease na idea de que o amor pode xurdir nos lugares máis imprevistos e nas situacións máis desesperadas.
Sinopse: Pablo, un recoñecido arquitecto, decide abandonar a súa vida e baixarse na estación dun pobo esquecido. Merca un piso vello e deteriorado diante da vía do ferrocarril e somérxese no anonimato, tal vez fuxindo de alguén, de algo ou de si mesmo. Neste lugar onde todo semella parado, só Raluca, co seu optimismo, irradia luz; ela aprendeu a confiar na sorte aínda que a vida non sempre é amable.