Tres persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente de tráfico no que se viron implicados un camión e dous turismos na estrada LU-162, ao seu paso pola parroquia de Budián, no Valadouro.
O sinistro produciuse arredor das 8:15 horas, momento no que un particular contactou co 112 Galicia para alertar do ocorrido e advertiu da posible presenza de persoas atrapadas no interior dun dos vehículos.
De inmediato, a central do 112 informou aos Bombeiros de Barreiros, que tiveron que empregar o material de excarceración para liberar a dúas das persoas implicadas. Pola súa parte, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou ás tres vítimas ao hospital de referencia.
Ademais, tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade, que colaboraron no operativo.