O condutor dun camión resultou ferido e quedou atrapado tras unha saída de vía rexistrada na estrada N-120, á altura do quilómetro 512, ao seu paso pola parroquia de Cereixa, no concello da Pobra do Brollón.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso arredor das 11:35 horas, a través dunha alerta emitida polo sistema de emerxencias dun smartphone, que indicaba que o seu propietario sufrira un accidente. Aínda que se intentou establecer comunicación con el, non foi posible nun primeiro momento, polo que se iniciou de inmediato a mobilización dos recursos de emerxencia. Minutos despois, un particular que circulaba pola zona confirmou a saída de vía do camión e indicou que o condutor podería atoparse atrapado.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia deuse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Monforte, ao GES de Quiroga e á Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar, o persoal sanitario decidiu mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense para trasladar ao ferido ao hospital de referencia, tras ser excarcerado polos servizos de emerxencia.






