Presentáronse formalmente tres cartas dirixidas ó Presidente do Goberno e Secretario Xeral do PSOE -Pedro Sánchez-, á Ministra de Traballo -Yolanda Díaz- e á portavoz nacional do BNG -Ana Pontón-. Isto é un SOS, un chamamento desesperado e documentado ante o desprezo absoluto ó diálogo social, á privatización de servizos públicos e á incoherencia política do Goberno progresista de Lugo.
O Goberno bipartito (PSdeG e BNG) está a aplicar unha política de traizón ós seus propios principios. Presumen de ser de esquerdas e de defender o público, pero a realidade é outra ben distinta: están a vender e privatizar servizos mentres esquecen o cadro de persoal municipal. O seu principal instrumento de xestión é o desvío orzamentario. Están a baleirar a partida económica destinada a cubrir vacantes e reforzar o Capítulo de Persoal para financiar gastos alleos.
A situación límite dos servizos municipais esixe moito máis ca xestos. Non chega con minutos de silencio, hai que falar alto e claro e actuar con contundencia. Mentres se gardan minutos de silencio pola última vítima de violencia machista, no Concello de Lugo deixan caducar unha praza para os pisos de acollida dirixidos ás mulleres vítimas de violencia e aos seus fillos e fillas. A súa incoherencia é inaceptable.
O Concello de Lugo non só está colapsado; converteuse nun buraco negro que devora o público, a igualdade e a xustiza social coa complicidade de quen debería defendelos.
Hoxe movémonos para iluminar ese buraco e pedir amparo.
A nosa loita vai máis aló da xestión: imos quitar a careta a un goberno que se autoproclama progresista, pero que na práctica traizoa os principios da socialdemocracia e aplica medidas propias dun partido neoliberal, baleirando de contido o discurso progresista.
CCOO estará aí para sacar as cores á hipocrisía política e garantir a coherencia ideolóxica.