Axentes da Policía Local de Lugo despregaron un dispositivo urxente na zona de Frigsa e Monte Faro tras recibir o aviso dunha muller que manifestou ser perseguida e agredida por un home cando se dirixía ao seu centro de traballo. A vítima relatou que logrou fuxir e refuxiarse inicialmente no parque de Frigsa, ata que foi auxiliada por un condutor na Rúa Monte Faro.
Coa descrición facilitada, activouse unha batida na zona, na que participaron varios indicativos, localizando finalmente ao sospeitoso nas inmediacións da rúa Río Narla.
O individuo, visiblemente alterado, foi identificado tras mostrarse pouco colaborador. Mediante a intervención policial, a vítima recoñeceu ao home con claridade, polo que se confeccionou acta relativo á actuación, á espera de que a vítima formalice denuncia polos feitos ocorridos. Este tipo de respostas inmediatas son clave para previr agresións e ofrecer protección ás vítimas.
Asemade a rápida actuación policial evitou unha situación de risco para unha muller duns 60 anos, que foi localizada completamente desorientada e con síntomas evidentes de alteración mental nas inmediacións do Parque de Frigsa.
Foi o vixiante do centro social quen deu o aviso, ao observar que a muller se atopaba falando soa, interactuando con vehículos estacionados e con persoas inexistentes. Vestía roupa inadecuada para a temperatura do día, presentaba lesións visibles no ombreiro e negábase a colaborar ou identificarse.
Ante a situación, os axentes solicitaron a presenza dunha ambulancia medicalizada. A muller opuxo resistencia ao traslado, polo que foi necesario inmobilizala na padiola polo persoal sanitario. Foi acompañada por un dos axentes ata o Hospital Universitario Lucus Augusti, onde quedou a cargo do persoal de seguridade do centro.