Lugo disporá un servizo de transporte a demanda para o rural

O Concello de Lugo realizou hoxe a primeira volta de proba do novo servizo municipal de transporte a demanda dirixido ao rural está pensado para zonas onde non chega o bus urbano nin o metropolitano.

O servizo funcionará de luns a venres e conectará os núcleos de Vilachá, Labio, O Pondelo e As Regas, con catro frecuencias diarias. As rutas permitirán chegar tanto á zona de Sindicatos (8:35, 12:35, 16:25 e 20:55) como ao Hospital Universitario Lucus Augusti (8:25, 12:35, 16:15 e 20:45). O prezo do traxecto será de 0,64 euros, equivalente ao billete do bus urbano, nun sistema que funciona de xeito similar, con liñas, horarios e paradas fixas sempre que exista demanda.

Os responsables explicaron que esta proba piloto se desenvolverá durante os vindeiros meses e servirá para coñecer as necesidades reais da veciñanza e o uso do servizo, co obxectivo de planificar a súa implantación progresiva noutras parroquias do rural. O proceso previo incluíu diversas xuntanzas co movemento veciñal e cos colectivos de taxistas como paso necesario antes de iniciar a experiencia nestes catro núcleos.

O plan piloto conta cun orzamento de 15.000 euros e manterase en funcionamento ata o seu esgotamento. A administración municipal utilizará os datos obtidos nesta fase de proba para anticiparse aos retos que poidan xurdir na posta en marcha definitiva do servizo e para avanzar cara a un modelo de transporte funcional e adaptado ás necesidades do rural.

As persoas residentes nos núcleos nos que se inicia o servizo poderán solicitar o transporte chamando ao teléfono 982 213 377 antes das 22.00 horas do día anterior á viaxe.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com