A casa en ruínas atópase na Praza do Campo, epicentro da zona dos viños do casco histórico e unha das zonas máis visitadas da cidade, a poucos metros de ambas oficinas de turismo.
Xa en maio de 2022 a Asociación Lugo Monumental rexistrou unha denuncia no Concello de Lugo e a Xunta de Galicia pola situación que se estaba vivindo na Praza do Campo, “cuxo lamentable estado non só prexudica aos edificios lindeiros senón aos locais que están na súa contorna e á zona en xeral”.
Logo de case tres anos “o problema, lonxe de mellorar, agravouse”. Segundo indican dende a asociación “o intolerable estado deste inmoble, situado na Praza do Campo, epicentro da zona dos viños do centro histórico e por iso una das zonas máis visitadas da cidade e a poucos metros de ambas as oficinas de turismo (de feito, a medio camiño de ambas as) supón graves prexuízos para a zona xa que leva máis de tres anos valada por posibles desprendementos. Hai solucións legais, falta vontade”.
Actualmente a lei deixa moita marxe de manobra para evitar estas situacións, podendo acudirse á sanción, a execución subsidiaria ou mesmo a expropiación forzosa para emendar estas cuestións. As leis do Chan de Galicia e de Rehabilitación de Galicia vinculan estas medidas á acción conxunta de Concellos e administración autonómica. É por iso que dende Lugo Monumental diríxense de novo a ambas as administracións para trasladarlles a situación e solicitar solucións.
“Ao Concello polas súas competencias en urbanismo e á Xunta de Galicia por ser a titular de Patrimonio. Lamentablemente non é o único inmoble en mal estado do centro histórico, algo paradoxal se se ten en conta que se busca a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, pero si é, posiblemente, un dos máis emblemáticos pola súa estratéxica situación”, conclúen.




