Lugo queda un ano máis sen zona de baño pública no Miño

Tal e como ían as cousas e se podía escoitar nas conversas de rúa ou café, moitas das veciñas e veciños de Lugo, non xogaban a pelica  no tema da zona de baño e parece que os que se inclinaban porque quedarían un ano máis sen este lugar de lecer, acertaron. Así as cousas, as luguesas e luguesas que tiñan previsto gozar destas instalacións este ano, terán que agardar ao próximo para poder facelo. E van…

Dende o Concello e dende a delegación da Xunta en Lugo emitían canda seu comunicado, onde daban a súa versión dos feitos. Dende o Concello de Lugo anunciaba o alcalde  que “se ve obrigado a renunciar este verán á instalación do punto de acceso ao baño no río Miño debido ás trabas administrativas impostas pola Xunta de Galicia, malia que a infraestrutura está lista e os socorristas contratados”.

O alcalde, cualificaba a situación de “inadmisible” e explicaba os motivos que lle fixeron tomar desta drástica decisión: “diante das dificultades e atrancos que nos está a poñer a Xunta de Galicia á hora de instalar a zona de baño este verán, temos que dicirlles aos veciños e ás veciñas que temos que renunciar, porque a pesar de que solicitamos todo en tempo e forma, que presentamos os informes que nos indicaron, que temos a infraestrutura preparada e os socorristas contratados, agora se descolgan cun informe, con múltiples solicitudes de informes que podiamos ter previamente realizados, cunha serie de actuacións que na práctica o que están a facer é impedir que se poida abrir a zona de baños polo menos ata o mes de setembro”.

O primeiro edil, asegurou que “non se trata dunha cuestión técnica ou puntual, senón dunha estratexia dilatoria para impedir que Lugo conte cun espazo de baño seguro como o resto de cidades galegas. E isto non é casual, esta é unha manobra de dilación clara para impedir que se abra a zona de baño en Lugo”.

Pola súa banda. o delegado territorial da Xunta, achaca ao ”deixamento e a xestión ineficaz por parte do Concello de Lugo o anuncio feito hoxe polo alcalde de que renuncian este ano á instalación da rampla de acceso á zona de baño no río Miño. Considera, o delegado, que o goberno local “tenta agochar a súa falta de traballo e previsión botando balóns fóra e culpando á Administración autonómica da súa propia inutilidade” e asegura que “non deixa de sorprender que, nun procedemento que é todos os anos o mesmo para instalar esta estrutura nos meses de verán, non fagan nada ata unhas semanas antes”.

Dende a delegación da Xunta , o Delegado explicaba que “a Xunta actuou en todo momento coa máxima dilixencia, dando resposta practicamente dun día para outro ás solicitudes das diferentes autorizacións que se nos foron requirindo para a instalación da rampla”. Neste senso, insiste ademais en que se segue un “procedemento regulado” que debe seguir os trámites habituais, “e que o Concello coñecía xa perfectamente do ano pasado”. Para o delegado, “todo semella un plan premeditado para dilatar no tempo a instalación da rampla”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com