Hai pouco máis dun mes, a concelleira socialista de Lugo María Reigosa daba a coñecer que solicitara a baixa como militante do PSOE, aínda que anunciaba que continuaría formando parte do equipo de goberno como independente. Naquel momento advertía de que podería votar en función das propostas que se levasen ao pleno. Incluso chegaron a circular rumores sobre unha posible moción de censura co PP, extremo que a propia Reigosa se encargou de desmentir.
Polo de agora, esa moción non se produciu, pero na primeira votación tras a súa saída do partido aplicou o criterio de “votar en conciencia” e apoiou unha proposta presentada por Elena Candia para mellorar os servizos aos veciños da rúa Fermín Rivera. Reigosa, que desde un inicio se mostrou crítica con algunhas das formas de traballar dentro do goberno socialista, evidenciou así a súa disposición a non apoiar automaticamente as iniciativas do executivo.
O grupo socialista rexeitou a moción argumentando que chegaba tarde, xa que o proxecto de acondicionamento da zona estaba a ser executado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Porén, estes argumentos non convenceron á concelleira independente, que con este voto marca unha liña vermella e deixa entrever que só apoiará aquelas propostas que considere beneficiosas para a cidadanía.






