Medo ao lume

O lume fóra de control arrepíanos. O meu primeiro incendio vino en Vilalba, nos anos cincuenta, nunha zapatería que ardeu durante un par de días, e o terceiro aínda fumeaba. En tempos só había bombeiros en Lugo, así que para sofocar incendios na maior parte da provincia estaban os veciños e a divina providencia. Por iso cando abriron as portas de Portugal hai medio século, foi sorpresa grande ver que en calquera pobo existían bombeiros voluntarios para loitar contra o lume.

Este agosto o lume entrou nos fogares e nas almas, transmitido polas canles da televisión, queimando montes e casas, vidas e tranquilidades, evidenciando a nosa fraxilidade diante da natureza desbocada. E todo cambiou para nos. Xa non poden seguir tranquilos os urbanitas nin os do rural; xa non vale que para o campo se contraten temporeiros; xa non parecen valer os cortalumes, os avións, os traballadores esforzados, e mesmo o Exército, que ten en causas coma esta a sua máis humana aplicación.

Agora mesmo, os gobernos cavilan axudas para as traxedias valuables, os afectados lamben as feridas, os que salvaron aprenderon a deconfiar do verán, e todos tememos que o ceo caia sobre as nosas cabezas por calquera das catástrofes coñecidas mentras algúns políticos buscan o mellor xeito de aproveitar o noso desconcerto.

E asi estamos, pedindo auga ou árnica. Se a solución son os bombeiros, teñámolos todo o ano no rural. Pero a solución verdadeira é que non se prenda lume, que se coide o monte, que reviva o rural, que se faga prevención. Se fai falla un pacto de estado, que se faga. Porque hai moito que facer, moito que razoar, moito que traballar. E a cousa está que arde.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com