Seis anos despois do pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a comunidade universitaria e filosófica galega rendirá homenaxe á súa figura cun Memorial Académico que se celebrará os días 23 e 24 de outubro de 2025 en Santiago de Compostela e Lugo. O encontro, aberto ao público, leva por título “Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e Lingua” e reunirá destacados especialistas das áreas de filosofía, filoloxía e educación.
Dous días de reflexión e homenaxe A xornada inaugural terá lugar o xoves 23 de outubro, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC (Campus de Santiago). O acto abrirase ás 16:15 h e incluirá a conferencia inaugural do profesor Helio Carpintero Capell (Catedrático de Psicoloxía na UCM e presidente da Academia de Psicoloxía), titulada “Lingua e razón vital. Notas sobre unha lingüística orteguiana en homenaxe a Manuel Regueiro”.
A continuación, desenvolveranse dous paneis temáticos:
Panel 1: Regueiro e a Filosofía, con intervencións de Marcelino Agís Villaverde, Carlos Baliñas Fernández e Ángel González Fernández
(USC).
Panel 2: Regueiro e a Lingua Galega. O Centro Ramón Piñeiro, con Mercedes Brea López, J. Ramón López Vázquez e Isabel González,
moderados por Armando Requeixo.
O venres 24 de outubro, o Memorial trasladarase ao Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado da USC (Campus de Lugo). As
sesións abordarán a dimensión docente e persoal de Regueiro:
Panel 3: Regueiro, Profesor, con Jaime Santoalla Varela e Manuela López Besteiro, moderados por Miguel Ángel Martínez Quintanar.
Panel 4: Regueiro e o Compromiso coa Fe, con Pedro Rubal Pardeiro, José Huerta e Xesús Ferro Ruibal, moderados por Xulio Xiz.
O evento pecharase coa conferencia de clausura a cargo de Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, titulada “Regueiro e a lingua hoxe”. O Memorial está coordinado por Marcelino Agís Villaverde (USC, Campus de Santiago) e Miguel Ángel Martínez Quintanar (USC, Campus de Lugo).
A organización corre a cargo da Sociedad Interuniversitaria de Filosofía de Santiago e Egeria / Brandán Comunicación, coa colaboración da Facultade de Filosofía da USC, a Facultade de Formación do Profesorado da USC e o Centro Ramón Piñeiro, e co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia.