Este Día das Letras, gocei dunha conversa brevísima, cun galego falante ao que lle deixei nota no parabrisas pedindo que me chamase, para facerme cargo dun rascón que vise no seu coche. chamoume pola tarde, falamos non máis de medio minuto, pola súa parte nun galego co que se nace e é vinculante; eu desculpándome polo rascazo, el agradecendo a nota informativa.
Antes desa conversa, asistimos a un fermoso encontro de baloncesto xuvenil en fase de ascenso, do Cidade de Lugo, onde a nosa neta Laura desfruta da mocidade con entusiasmo, que se ao comezo tiñan dúbidas do resultado, acabaron gañando por goleada.
Non debía ser o meu mellor día como piloto, e ao chegar á explanada do “Fogar de Breogán” que loce un magnífico mural de Diego As, despois de aparcar docemente con presunta total mestría, unha rapaza me recrimina seriamente: “Me has tocado el coche”. Baixo, observo parachoches acariñando parachoques, pido desculpas, e retrocedo os precisos centímetros dunha respectuosa distancia. A altaneira condutora, cal Cervantes dixo, conseguida a miña rendición como condutor en fase de descenso, “miró al soslayo, fuese, y no hubo nada”. A conversa co condutor por min involuntariamente agredido alegroume o Día das Letras cun idioma agarimante, fronte ao distante, impertinente, que só merece como recordo o roce leve cantado por Georgie Dann de “cachete con cachete / pechito con pechito”.
Comprobo no dicionario que os coches seguen levando “parachoques” para amortiguar lances agarimosos. Ata os roces, mellor en galego. Felices letras e conversas, en galego tranquiliño, para o que resta do ano.