No rural

En tempos, todo estaba en Lugo. En Lugo había un xornal e unha emisora de radio. En Vilalba, o xornal tiña un corresponsal, que mandaba crónicas que falaban dos temas que entón eran noticiables. Parecíanos que non habia nada no rural, e sen embargo en cada parroquia había un crego, un colexio con alomenos un mestre, e nalgunhas un médico. Formaban unha infraestructura social e cultural, que daban vida ao conxunto dos veciños. Pero seguiamos pensando que toda a cultura quedaba lonxe.

Tempo despois, en Lugo había a idea de que non pasaba nada de interese. Non era verdade, pero posiblemente os intereses non coincidian coas realidades. E en Lugo comezaron a brotar libros e conferencias, películas e obras teatrais, musica e folclore… E moitas aldeas quedaron a bravo, orfas de xentes que emigraron ás cidades. E, curiosamente, baleirada boa parte do rural, parece chegado o momento de que a vida cultural floreza en lugares inéditos… e unha imprenta pode instalarse nunha aldea do Courel, un estudo de gravación nunha esquina da Terra Chá, ou unha exposición de serígrafía galega en Muras, no Mesón de Vázquez, un lugar que ata deixou de ser camiño cara a Viveiro cando se reformou a estrada que vai desde Vilalba.

Pode ser unha especial forma de xustiza distributiva, para levar ao rural a forza cultural que nas cidades ten vida difícil; equilibrio social buscando humanizar os ambientes ou, simplemente, que os humanos urbanitas por fin nos convencemos de que a natureza non é a peor compañía en tempos que se anuncian escuros. Son fabas contadas, pero principio queren as cousas, e ao mellor significa que o rural empeza a ter futuro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com