A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, informou hoxe do lanzamento dunha nova campaña especial de vixilancia e control da velocidade, promovida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que se desenvolverá entre os días 4 e 10 de agosto en todo o territorio, coa participación activa da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
A campaña terá unha especial incidencia nas estradas convencionais, onde se concentra o maior número de sinistros graves, e nas zonas urbanas con máis risco, e busca reducir a sinistralidade derivada do exceso de velocidade, un comportamento que está presente en 1 de cada 5 accidentes mortais. “A velocidade segue a ser o terceiro factor de risco máis frecuente nos sinistros con vítimas, e a súa percepción social como un perigo non está ao nivel doutras condutas de risco como o consumo de alcohol ou o uso do cinto de seguridade”, advertiu Rodríguez.
Segundo os datos máis recentes da DXT, en 2023 faleceron 1.806 persoas nas estradas do Estado, e a velocidade inadecuada estivo presente en 291 deses falecementos. A subdelegada insistiu en que reducir a velocidade media en tan só 1 km/h podería evitar máis de 2.200 mortes ao ano, segundo cálculos do Consello Europeo de Seguridade no Transporte.
Para esta campaña, os controis realizaranse con todos os medios humanos e materiais dispoñibles, tanto de forma visible como con controis aéreos e paneis de advertencia variable, co fin de disuadir condutas perigosas antes de que se produzan infraccións. A anterior campaña de abril deste ano permitiu controlar máis de 1,6 millóns de vehículos, dos cales case 94.000 foron denunciados por superar os límites legais.
A subdelegada tamén lembrou que dende 2022 xa non está permitido superar en 20 km/h o límite para adiantamentos en vías convencionais, e que circular a velocidades moi por riba do permitido pode constituír un delito penal, con penas de prisión e retirada do carné de conducir.