O corazón da Ribeira Sacra chantadina acollerá os vindeiros días 15 e 16 de agosto unha nova edición do Sacra Festival.
O Sacra Festival insírese, así mesmo, no proxecto Sacra Experience de dinamización da vida cultural do rural, que se desenvolve na pequena aldea do Pincelo, no concello de Chantada. Esta iniciativa conta coa apoio da Xunta de Galicia para levar a cabo durante todo o ano a súa ampla proposta de actividades formativas e de residencias artísticas.
No marco do Sacra Festival amosarase o resultado de varias destas accións coas mostras do obradoiro teatral de Alma García Volver a ser nenos, do impartido por Janet Novas baixo o título Danza que atravesa corpo e paisaxe, da residencia artística de Pamen Pereira e Che Marchesi ou do taller inclusivo de danza e teatro a cargo de Experimenta Danza.
O cartel tamén inclúe os concertos de Niño de Elche e Dulzaro, dous artistas da primeira liña estatal que impulsan as súas carreiras co foco posto na innovación a partir da música de raíz, así como do trío Beauty Venera e da banda de rock compostelá La Última Frontera, integrada por músicos adolescentes. Os DJ Steven García e Pascal Kleiman porán o peche ás xornadas do venres e do sábado, respectivamente, con cadansúa sesión de Rural Chill Out.
A programación desenvolverase á beira do río Miño, tanto no Pincelo como no parque temático Carballolandia, e as entradas poden adquirise en liña a través da web do festival.