Novas

Cervo acolleu varios actos con motivo do Día Internacional Contra a Violencia da Xénero

Cervo acolleu varios actos que tiveron lugar este mediodía na Praza Nardo Martínez, en San Ciprián, con motivo do Día Internacional Contra a Violencia da Xénero, organizados polo Concello de Cervo e a Asociación Saúde Mental A Mariña. Estes actos contaron coa participación e colaboración do alumnado do CEIP de Cervo e o CEIP Península da Paz, e tamén da asociación Mulleres en Igualdade Cervo.

Leron manifestos Xabi e Mara por parte do CEIP de Cervo, Óscar polo CEIP Península da Paz e Rebeca da asociación  Saúde Mental A Mariña, a continuación gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas.

Os asistentes levaron de agasallo galletas pola Igualdade elaboradas pola Asociación A Mariña, cuxo grupo de teatro interpretou a continuación a obra Duelo ó Amencer no auditorio da Casa da Cultura.

A programación continuará mañá con sendos espectáculos pensados para toda a familia en Cervo e en San Ciprián.

As traballadoras da limpeza acordan instar unha mediación para desbloquear as negociacións

A asemblea de traballadoras da limpeza, celebrada onte, acordou por unanimidade instar unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de desbloquear a negociar colectiva e avanzar nun acordo de convenio que solucione o conflito no servizo de limpeza.

As traballadoras toman esta decisión porque a patronal estatal “ten secuestrada a negociación, negándose a presentar novas propostas e non fixando sequera un calendario de reunións da mesa”, a pesar de que xa transcorreron 40 días dende o inicio da folga indefinida. Neste senso, a CIG denuncia que, malia as consecuencias evidentes que ten o paro, ASPEL mantén unha postura inmobilista dilatando a folga.

A solicitude de mediación xa foi instada polas tres centrais sindicais, e no caso da patronal rexeitar sometese a este mecanismo, “á administración non lle quedará máis remedio que tomar cartas no asunto”, valora Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo.

Castiñeira reitera a inxustiza que supón que as trabalaldoras da limpeza teñan que perder soldos e cotizacións sostendo unha folga indefinida para conseguir un dereito ao que a lexislación xa obriga; cando ademais, a nivel social, se está intentando culpabilizar as traballadoras das consecuencias derivadas dunha folga tan prolongada. “As traballadoras non están en folga por gusto, estano porque é a ferramenta que lles queda para conseguir unhas condicións dignas”, asevera.

Coincidencia das mobilizacións co acto institucional da Deputación

Á espera da resposta patronal, as traballadoras tamén acordaron continuar coas mobilizacións diarias e coa caravana reivindicativa para dar visibilidade á súa loita e pedir a solidariedade da clase traballadora. Este venres tiñan previsto protestar no interior do Concello, pero como non lles permitiron permanecer dentro das dependencias municipais, as traballadoras fixeron unha sentada nos soportais da Casa Consistorial.

Coincidiu que, pouco despois, a Deputación tiña programado na Praza Maior un acto institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. E as traballadoras non quixeron perder a oportunidade de criticar a “hipocrisía” das administracións, que en datas sinaladas da loita feminista como o 25 de Novembro “saen a facer actos institucionais e grandes declaracións mentres consisten que sectores feminizados como o da limpeza (no que o 90% son mulleres) permanezan na absoluta precariedade”.

A Plataforme Sanitaria da Mariña denuncia que algúns cupos do Centro de Saúde de Viveiro bloquearán as citas ata o 2 de xaneiro

A Plataforme Sanitaria da Mariña denuncia unha vez máis a situación de caos que se está a vivir no Centro de Saúde de Viveiro. Segundo este colectivo as citacións dalgúns cupos van ser suspendidas ata o próximo día 2 de xaneiro de 2024, “quedando moitas persoas sen médico de familia , tendo que ser vistas por algún dos otros profesionais”.

A plataforma sinala este feito como “especialmente grave” na Atención primaria. “A maiores da sobrecarga que supón para o resto da plantilla, ao ter que asumir estes pacientes que quedan sen médico, centos de persoas non van poder solicitar una cita médica ao quedar sen facultativo de referencia, asignándoselle outro dos profesionais que pasan consulta ese día”.

Segundo explica Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, “desde a Plataforma Sanitaria da Mariña esiximos á xerencia e ao goberno da Xunta que deixe dunha vez por todas de enganar á xente e comece a solucionar o problemas que ten enriba,” problemas dos que son os únicos responsables”.

O Concello de Rábade levou a cabo unha performance reivindicativa durante os actos 25N

O Concello de Rábade levou a cabo hoxe varios actos en relación co 25N. Unha das actividades foi a unha lectura dun manifesto en contra da violencia de xénero. De seguido, e grazas ás voluntarias, físoxe unha pequena performance. Estas situáronse entre o público, e cando se foron nomeando unha por unha ás 52 vítimas de violencia de xénero que foron asasinadas no 2023, a muller que tiña adxudicado ese nome saía do medio do público para situarase nun lugar sinalizado na Praza do Concello, de forma que finalmente se visualizou o que implican 52 mulleres asesinadas.

O Concello de Rábade agradece a participación de todas as voluntarias, así como dos negocios, comercios e establecementos que colocaron nos seus locais o material contra a violencia de xénero e que o Goberno local está a compartir nas súas redes sociais co obxectivo de darlle maior visibilidade á campaña.

Vilalba repudia a violencia de xénero nos actos do 25N

Esta mañá tivo lugar en Vilalba un acto de repulsa da violencia de xénero polo 25N. Diante do Concello realizouse a lectura dun manifesto, e posteriormente os nenos e nenas dos colexios de Vilalba formaron un lazo xigante e un cartaz xigante en contra das violencias machistas.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou “a necesidade de seguir combatindo a lacra que supón a violencia machista, co obxectivo de conseguir erradicala por fin da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a concelleira de Ensino, Infancia e Xuventude, Paula Vigo, sinalou “a importancia de sensibilizar aos nenos e nenas, e de visibilizar o que supón a violencia machista para as vítimas e as familias”.

Os veciños de Nadela volven mobilizarse para pedir melloras no Centro de Saúde

Os veciños de Nadela mobilizáronse unha vez máis para reclamar a Sanidade melloras para o seu Centro de Saúde. Na concentración acompañáronos representandes do BNG de Lugo, entre os que estaban o Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, que sinalou que “é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas” e que “en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade”.

O BNG trasladará ao Parlamento de Galiza a situación do barrio de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro. Ademais, esta situación debaterase tamén no vindeiro pleno do Concello de Lugo.

O IX Festival de Jazz & Blues de Ribadeo celebrarase entre o 2 e o 9 de decembro

O IX Festival de Jazz & Blues de Ribadeo terá lugar do 2 ao 9 de decembro. Están programados catro concertos no Auditorio Municipal e dende o Concello anuncian que as entradas están xa á venda en www.ataquilla.com cun prezo que oscila entre os 10 e os 15 euros.

O día 2 estará en Ribadeo Andrea Motis; cantante, trompetista e saxofonista. Con 16 anos tivo a oportunidade de traballar con Quincy Jones. Ten publicados 10 discos e é unha das maiores expoñentes do jazz nacional e internacional.

O 6 de decembro será o turno de Drumless Trío, grupo formado por Marcos Pin, Abe Rábade e Alfonso Morán. Drumless Tríopreséntase como unha formación diferente, interesante e atractiva. Prometen descubrir fórmulas e elaborar novas receitas cargadas de exquisitez no seu son.

The Cinelli Brothers naceu dunha paixón común polo blues eléctrico de Chicago e Texas dos anos 60 e 70. Esta banda apareceu en numerosas revistas de prestixio posicionándose como a máis alternativa europea ás estrellas de USA. Farán acto de presenza en Ribadeo o día 8 de decembro.

O 9 de decembro rematará esta novena edición con All4 Gospel Choir, un dos coros que irrumpiu na escena nacional con maior forza nos últimos tempos. Levan máis de 15 anos sendo un referente da música gospel en España.

O Festival de Jazz & Blues está organizado por Game Over coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.

A Deputación aproba os equipamentos e servizos tecnolóxicos para os 52 concellos adheridos ao programa Impulsa TIC

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC. Esta iniciativa é posible grazas aos 4,5 millóns de euros de fondos europeos que conseguiu a institución a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

En concreto, haberá material destinado á mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital a través da interoperabilidade entre sistemas, para favorecer así as sinerxías e a colaboración entre entidades; tamén á creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais; e finalmente, á apertura, a transparencia e a accesibilidade dos propios concellos a través de diferentes ferramentas dixitais, a implantación dun chat de asistencia para axudar ao cidadán ou a implantación dun módulo de transparencia.

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os equipamentos e servizos, o seguinte paso será licitar os contratos para adquirilos e logo distribuílos.

Estrada afundida en Ribas de Sil polas choivas

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas de principios deste mes na estrada LU-P-5303, á altura do concello de Ribas de Sil que sufriu un afundimento. Será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Excavaciones Goni SL, a que se encargará dos traballos cun orzamento estimado de 85.000 euros.

Mellorar a mobilidade é tamén o obxectivo do acordo de colaboración aprobado hoxe na Xunta de Goberno, a través do que a Deputación achegará preto de 120.000 euros ao Concello de Láncara para a mellora de vías municipais na parroquia de río. Concretamente, nos lugares de Río, San Martiño e Tourelle.

Parque Móbil e a Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno acordou licitar un contrato para o subministro de material destinado ao Parque Móbil e á Granxa Gayoso Castro da Deputación por un importe conxunto de 100.000 euros. En concreto, trátase de pezas e repostos, aceites, graxas e aditivos para os vehículos que utilizan ambos servizos; ferramenta e materiais de desgaste do Parque Móbil; e material de limpeza para vehículos e maquinaria. A vixencia do contrato é dun ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.

Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Na reunión de hoxe, o Goberno provincial aprobou o último trámite administrativo que resta para pagar a 7 asociacións de cinco concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 40.000 euros, como beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación. As axudas serviron para acometer diferentes actuacións, como acondicionamento de camiños, pistas agroforestais e accesos a fontes; e mellora de depósitos de auga, captacións, abastecementos ou locais sociais.

Equipos de protección e roupa de traballo

Tamén se aprobou a adxudicación da subministración de Equipos de Protección Individual (EPIs) e roupa de traballo para o persoal da Deputación. A adxudicataria do subministro dos EPIs é a empresa Rafitextil DTT 3.8 SL por un importe de 161.021 euros; e Construdeco Norte SL resultou adxudicataria do subministro de roupa de traballo por un importe de 49.718 euros. A duración do contrato en ambos casos é de un ano, prorrogable por outro.

A AEPOCAG organiza a segunda edición de ‘Saber es la caña’ no que tratarán a transformación dixital empresarial

A Asociación de Empresarios de O Ceao – As Gándaras (AEPOCAG) organiza a segunda edición de ‘Saber es la caña’, un evento de networking que persegue o fortalecemento da comunidade empresarial cos polígonos de Lugo. Unha iniciativa que busca o intercambio de experiencias, a formación e o coñecemento entre os participantes dunha forma lúdica e amena.

Nesta edición baixo o título ‘Claves de éxito: El liderazgo digital’ os participantes terán a oportunidade de charlar e debater sobre as novas tendencias no mundo da empresa, a dixitalización dos procesos, a innovación, a transformación dixital, a produtividade, a ciberseguridade, e sobre todo, o coñecemento dos novos cambios que se aveciñan no mundo da empresa.

Poderán participar empresarios, directivos, responsables de equipos, emprendedores, e todas aquelas persoas relacionadas co mundo empresarial en xeral.

Estes eventos celebraranse os últimos xoves de cada mes nun establecemento de hostalería dos polígonos, explorando temas empresariais clave e ofrecendo novas ideas que motivarán aos participantes para alcanzar as súas metas persoais e profesionais.

O evento celebrarase na Cafetería O Pan do País Gándaras este xoves, 30 de novembro, de 13.00 a 14.00 horas e será de acceso libre previa inscrición a través de www.ceaogandaras.org . As prazas son limitadas.

Estudantado de Triacastela visitou o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras

Estudantado do CEIP Eduardo Cela Vila, de Triacastela, coñeceu esta semana o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras, elaboradas pola empresa DaVeiga. Esta visita enmárcase na segunda edición do programa Da Escola á Granxa da área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante o percorrido comprobaron o proceso completo de creación deste “pan sen miga”. Comezaron a visita coñecendo a materia prima empregada para a súa preparación, posteriormente visitaron os distintos obradoiros de amasado e cortado, e fixeron unha parada nos fornos antes de deterse, finalmente, no embolsado. A visita rematou no almacén, onde coñeceron a historia destas galletas e a que deben o seu nome.

Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que Medio Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa e degustaron o produto.

DaVeiga é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa Da Escola á Granxa, entre os que se atopan granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas. Este programa permite que os máis pequenos se acheguen ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com