Novas

A Federación Veciñal Lucense e a UNED celebrarán unha conferencia sobre o cambio climático

O vindeiro luns 27 de Novembro de 2023 a Federación Veciñal Lucense, en colaboración coa Uned-Lugo, realizará unha Conferencia sobre Emerxencia Climática dentro do Programa Ambiental que está a desenvolver a Federación Veciñal Lucense coa Deputación Provincial de Lugo. A cita terá lugar ás 19.00 horas no Local Social da rúa Luis Ameijide, número 10 Entrechán C, e a entrada será libre e gratuíta.

Esta iniciativa, recollida baixo o nome de ‘Emerxencia Climática. Educación para o Desenvolvemento Sostible’ e amparada dentro do proxecto Lugo NaturalMente, xorde co obxectivo de concienciar á sociedade lucense sobre a crise climática actual mediante a divulgación ambiental. Trátase dunha conferencia impartida por Ana Traseira, directora da Uned-Lugo, e por Paula Fernández, bióloga ambiental, onde se fai un repaso histórico sobre o cambio climático, dende a súa orixe, seguindo polas súas causas e consecuencias.

Ademais, comentarase cos asistentes sobre como poden participar na causa a través do activismo social e  ofreceranlles recursos tanto bibliográficos (que poderán atopar na súa maioría na biblioteca de UNED) como visuais para afondar no tema tratado.

O PP de Foz denuncia que o Concello pretende subir as taxas ás terrazas dos locais hostaleiros

O PP de Foz denuncia que o Concello pretende aprobar os orzamentos para o vindeiro ano cun aumento da recadación a través da suba das cotas das terrazas dos locais de hostalería.

O voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira, afirma que “os hostaleiros non merecen este maltrato”. Castiñeira evoca ademais os problemas que sufriu este sector durante o verán, a época do ano na que máis traballan e na que tiveron que facer fronte aos constantes problemas co abastecemento de auga.

Os populares explican esta suba a través dun exemplo práctico: “Un hostaleiro que tiña unha terraza duns 10m2 pagaba, aproximadamente, 350€/ano, pero segundo a previsión do señor Cajoto para 2024 pasaría a pagar entre 1.200 e 1.300€/ano”, afirman.

Castiñeira afirma que estamos ante “un agravio máis” para os traballadores e para as empresas, polo que os concelleiros populares “votaremos non” á suba da cota que tributan as terrazas dos locais de hostalería por ocupación de vía pública. “Non podemos apoiar este ataque a todo o sector hostaleiro”, sinalou.

Falta de diálogo 

O voceiro popular tamén critica a falta de diálogo amosada por Cajoto. “O alcalde non abordou a situación cos sectores afectados, como tampouco buscou consenso coa oposición para mellorar os orzamentos de Foz para o vindeiro ano”, sentenciou.

Un coche choca contra un farol na Ronda de Fingoi resultando unha persoa ferida

Esta madrugada un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprazouse á confluencia da Rolda de Fingoi coa rúa Alfonso X o Sabio por mor dun accidente de circulación. Un vehículo chocou contra un farol, debido ao parecer á mala visibilidade no parabrisas dianteiro. O resultado do choque foi un ferido leve, que foi trasladado por unha ambulancia ao HULA.

Delitos contra a seguridade viaria

No día de onte, por parte de efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, levouse a cabo un dispositivo de seguridade viaria no que se estableceron diferentes controis integrais de alcoholemia, drogas e velocidade.

Na rúa Ramiro Rueda a policía detectou a circulación irregular dun vehículo, cuxo condutor presentaba signos de embriaguez. Cando lle requeriron facer as probas de alcoholemia o home negouse, a pesar de ser advertido que esta conduta é constitutiva dun delito contra a seguridade viaria. Ante a súa reiterada negativa, fóronlle instruídas dilixencias como investigado deste delito, na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo. O coche, ademais, estaba dado de baixa temporal e carecía de Seguro Obrigatorio.

O condutor dunha furgoneta foi localizado na rúa Marina Española sen permiso de conducir por unha condena xudicial e con evidentes signos de embriaguez. A policía, tras facerlle as pertinentes probas, comprobou que conducía cunha taxa de alcol de 0,33 mg/l, polo que se lle instruíron dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Tamén deron positivo en alcol outros tres condutores na Avenida de Fabio Paulo Máximo, na rúa Galicia e na rúa Montirón. Tras sometelos ás probas reglamentarias lanzaron un resultado de 0,47 mg/l, 0,35 mg/l e 0,42 mg/l respectivamente, polo que a policía abriulles aos tres un expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizando os seus vehículos.

No transcurso destes filtros de seguridade viaria establecéronse controis complementarios de velocidade, cun total de 920 vehículos controlados e 60 condutores denunciados.

 

O Vello Cárcere inaugura hoxe a exposición ‘Mil Cores, 10 anos de arte’

O Vello Cárcere acolle hoxe ás 20.00 horas a inauguración da exposición ‘Mil Cores, 10 anos de arte’. A mostra, que se manterá ata o 6 de xaneiro, reflicte a sensibilidade de cada un dos individuos que formaron e forman parte do colectivo Mil cores durante os seus primeros 10 anos de existencia. Dende a asociación sinalan ademais que a mostra está adicada a María del Mar García Piñeiro, “compañeira, artista e persoa como poucas”.

Mil Cores é un colectivo artístico e social formado hai 10 anos na cidade de Lugo, “con ganas de aportar unha peza máis ao puzzle cultural desta cidade tan heteroxénea”, afirman. Artistas de diversas idades e estilos se xuntan baixo o paraugas de Mil Cores para expresar a súa visión plástica e social, para intercambiar puntos de vista e experiencias enriquecedoras.

O Pazo de San Marcos foi escenario da III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais

O Pazo de San Marcos foi escenario a pasada tarde da III Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais, o primeiro dos actos que organiza a Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Reuniu a unha decena de mulleres referentes con distintas profesións e experiencias vitais, vinculadas a institucións, ao mundo da empresa, da cultura, da educación, da xustiza e do feminismo. Todas coincidiron en reivindicar, ante un Salón de Actos cheo, unha sociedade igualitaria e libre de violencias machistas.

Participaron Marisol Morandeira, Deputada de Muller e Igualdade; Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade; Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo; Ana Belén Traseira, directora da UNED de Lugo; Carmen Lence, CEO do Grupo Lence; Dolores Varela, do Foro Feminista de Lugo; Marta Engroba, presidenta de Si, hai saída; Sandra Piñeiro, xuíza; Olga Osorio, directora de cine; e Sheila Patricia, cantautora, quen tamén puxo o toque musical á xornada.

En Camiño contra as Violencias

O Deputación completará a súa programación mañá coa sétima edición da andaina reivindicativa ‘En Camiño contra as Violencias’, que sairá ás 12.30 horas dende o Pazo de San Marcos para rematar no Centro de Formación Audiovisual da Deputación. Arrancará coa lectura da declaración institucional acordada hoxe pola Xunta de Voceiros e continuará polo centro da cidade, co obxectivo de involucrar á sociedade lucense para condenar os feminicidios e calquera tipo de violencia contra as mulleres.

Está organizada polo alumnado do Centro de Formación Audiovisual da Deputación e será encabezada polo Presidente provincial xunto ás Deputadas e Deputados. Percorrerá o centro da cidade facendo varias paradas sinaladas con fume negro. Os estudantes portarán unhas bolsas negras que representan os cadáveres das vítimas da violencia machista.

Concentración de Amnistía Internacional na Praza Maior

Decenas de persoas concentráronse este serán na Praza Maior, diante do consistorio, para esixir  o final do xenocidio que se está a producir en Palestina por parte do exercito israelí.

No acto silencioso e de solidariedade co pobo palestino, convocado por Amnistía Internacional, o cal está o sufrir na Franxa de Gaza os incesantes bombardeos do exército xudio, os participantes no acto prenderon velas e pediron o final dos bombardeos, así como os dereitos territoriais e nacionais do pobo palestino.

 

O PP de Becerreá pide á Deputación que abra a residencia de maiores

O PP de Becerreá amosou a súa sorpresa e indignación ante as palabras da Deputación de Lugo en relación á residencia de Becerreá e anunciou que “reivindicamos a súa apertura”.

Fan así referencia ás declaracións do ente provincial, que compartiu que a de Becerreá non se axusta ao modelo de residencias provinciais.

Para o portavoz popular, José Fernández Carrete, “a residencia de maiores é moi importante tanto para Becerreá como para o resto da comarca: en primeiro lugar polo fin asistencial, algo moi necesario para os nosos maiores que necesitan e teñen dereito a el, e en segundo lugar, como elemento dinamizador da zona”.

Carrete subliñou que “resúltame difícil entender que se manteña esta infraestrutura pechada” e instou á Deputación Provincial a facer as xestións precisas para proceder á apertura deste centro de atención a maiores de carácter comarcal porque “os cidadáns non teñen por que pagar as consecuencias dos cambios de criterio por parte do goberno provincial”.

Lugo inaugura a XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

A XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico inaugurouse esta tarde no Vello Cárcere de Lugo, onde se poderá visitar ata o 30 de decembro. Durante a inauguración fíxose entrega dos premios. O primeiro foi para ‘O corpo da paisagem’ de Ricardo de Campos, o segundo para ‘Dactilografia de um sonho’ de Margarida Gomes, e o Premio Novos Talentos foi para ‘Nem Uma Passa?’ de Gonçalo Ribeiro.

Os galardóns, nesta edición, ascenden a 4.000 euros para a mellor obra do certame, 2.000 euros para o 2º premio e 1.500 para o Premio Novos Talentos Luso-galaicos, para mozos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos de idade.

A exposición conta con obras dunha ampla variedade estética e técnica. Das 104 obras presentadas, 25 foron seleccionadas polo xurado formado por Helena Mendes Pereira, que o presidiu, e tamén Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galicia, João Ribeiro da Silva, designado pola Direção Regional de Cultura do Norte, Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude e Tito Senna, gañador da XIII Bienal, secretariado por Marta Ferreira do Eixo Atlántico.

A partir do mes de xaneiro de 2024, a exposición percorrerá, até outubro, as cidades de Braga, Bragança, Maia, Ribeira, Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia, Barcelos e Monforte de Lemos.

 

O Concello de Lugo pedirá á Xunta que execute os investimentos necesarios no Colexio da Ponte

O Concello de Lugo reclamará á Xunta que efectúe os investimentos necesarios no colexio da Ponte. Segundo a Tenencia de Alcaldía, nunha xuntaza da Comisión de Infraestruturas celebrada esta mañá, o PP reclamou unha serie de actuacións no centro, “que requiren de investimentos, e polo tanto corresponden á Xunta”, explicou o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas.

O concelleiro engadiu que “no caso dos colexios públicos, o Concello de Lugo é responsable das pequenas actuacións de mantemento, mais os investimentos e as melloras das instalacións corresponden á Xunta”.

Dende o Concello anuncian que trasladarán as actuacións necesarias neste centro para garantir as mellores condicións para o estudantado e o profesorado. Alexandre Penas declarou que “agardamos que o PP de Lugo reclame tamén ao goberno galego que execute estas actuacións no menor prazo de tempo posible”.

Transportes modifica os desvíos do viaduto do Castro para abordar a última fase das obras da calzada sentido Madrid

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vai comezar unha nova fase nas obras de reconstrución dos viadutos do Castro nos termos municipais de Vega de Valcarce (León) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo) co obxectivo de poñer en servizo a calzada da A-6 con sentido Madrid este ano.

Nesta nova fase de obras, que previsiblemente concluirá a finais de ano, modificaranse os desvíos de tráfico existentes entre os km 428 e 432 para adoptar novas configuracións que permitan avanzar nas actuacións. Polo tanto, a partir de mañá ás 8.00 horas produciranse as seguintes afectacións ao tráfico actual:
– Peche do desvío que comunica de forma directa a A-6 coa N-6 no km 431 para proceder ao seu desmonte. Devandito desvío era utilizado polos vehículos lixeiros para evitar o paso pola travesía de Pedrafita do Cebreiro utilizando un dos túneles de Pedrafita. Así, todo o tráfico con sentido Madrid (tanto vehículos pesados como lixeiros) deberá utilizar a saída 432 para acceder á travesía de Pedrafita do Cebreiro e circular pola N-6 ata o km 428 da
A-6 sentido Madrid.


– Modificación do bypass existente no km 428 da A-6 para permitir o paso directo de vehículos a través da A-6. Iso obrigará a operar con tráfico bidireccional a través da calzada da A-6 sentido A Coruña entre os kms 422 e 428. Por iso, quedará restrinxido o paso de transportes especiais entre os km 428 e 432 da autovía.

Ata a finalización desta fase de obras, seguirá vixente a bonificación de tarifas a través das autoestradas AP-9 e AP-53.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com