Novas

O viveiro de empresas do Concello na Tinería renóvase con artesanía, moda e servizos especializados

Un taller de artesanía, outro de deseño e confección de traxes de noiva, un laboratorio de análisis de augas, un estudo de uñas, unha tenda de produtos personalizados e un establecemento especializado en bicicletas ocuparán os seis locais comerciais de titularidade pública que o Concello de Lugo puxo a disposición doutros tantos beneficiarios en réxime de aluguer no viveiro municipal da Tinería. Trátase da segunda edición desta iniciativa, posta en marcha por primeira vez no 2018.

“O obxectivo é contribuír a dinamizar social e economicamente o barrio da Tinería, do mesmo xeito que tamén pulamos pola rexeneración urbanística do Centro Histórico coas obras de peonalización e humanización, para que xuntas estas intervencións teñan un caracter transformador na contorna”, explicou a alcaldesa.

Para a selección dos negocios valoráronse, entre outros aspectos, a adecuación da actividade proposta ás características do local ou a súa contribución á dinamización comercial e á xeración de afluencia de público na zona da Tinería.

Unha vez publicada a resolución definitiva de beneficiarios, estes disporán dun prazo máximo de dous meses para acondicionar o espazo de acordo coas características do establecemento comercial que se pretenda abrir, tendo en conta a normativa urbanística que opera na zona de actuación, tanto para a actividade comercial e/ou de negocio a desenvolver, como para o acondicionamento interior e exterior, e abrir as portas dos seus negocios, debendo manter o seu obxecto e finalidade ata a conclusión do contrato, que será de seis anos.

Como novidade, dende o Concello introduciron a obrigatoriedade de contar cun horario comercial de apertura, que deberá respectarse durante todo o período contractual.

Para a cesión destes locais en condicións vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos emprendedores da cidade.

O consistorio reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a cota a satisfacer polos arrendatarios destes locais será o 30% do importe total que o Concello pagará a Xunta de Galicia. Ademais a administración local asumirá o importe do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios. Deste xeito, as rendas oscilarán entre os 18,59 euros mensuais do aluguer máis baixo e os 133,82 euros do máis caro.

 

A Xunta entrega unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro no lugar de Mazoi, en Lugo

A Xunta de Galicia entregou hoxe unha vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro no lugar de Mazoi, no concello de Lugo. Ten unha superficie de 61 metros cadrados e conta con dous dormitorios.

O delegado territorial, Javier Arias, participou na entrega das chaves á persoa beneficiaria. Lembrou que tan pronto como un inmoble queda dispoñible, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) inicia de inmediato o procedemento para volver adxudicalo entre os solicitantes de vivenda protexida de cada concello, previo sorteo ante notario.

Para formar parte das listaxes é preciso inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo para presentar solicitudes está sempre aberto, tanto en liña como de forma presencial nas oficinas do IGVS.

O Concello de Cervo pon en marcha varios actos para o Día Contra as Violencias Machistas

O Concello de Cervo programa, xunto coa asociación Saúde Mental A Mariña, diferentes actos con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que ten lugar cada 25 de novembro. No programa colaboran tamén a asociación Mulleres en Igualdade de Cervo (CERMEI), Airiños do Xunco, o CEIP de Cervo, e o CEIP Península da Paz.

Así, o venres 24 de novembro ás 12.00 horas está prevista un concentración na Praza Nardo Martínez “pola igualdade e en contra da violencia de xénero” na que se gardará un minuto de silencio en recordo das vítimas, con lectura de manifesto a cargo dun representante do alumnado do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, e tamén da asociación Saúde Mental A Mariña.

A continuación, ás 12.30 horas, o grupo de teatro A Mariña, representará no auditorio da Casa da Cultura a obra ‘Duelo ó Amencer’ dentro do circuíto de teatro afeccionado 2023.

O sábado 25 de novembro, as Escolas Vellas de Cervo acollerán, coa colaboración da asociación Airiños do Xunco, a actividade para toda a familia que leva por título ‘Os contos do avó: mulleres galegas’. Xa pola tarde, ás 17.30 horas, na Casa da Cultura, terá lugar o espectáculo de Mere Clown, Circo na Casa.

Ademais, Miguel Ángel Rojo Darriba impartirá uns talleres de defensa persoal, os días 28 e 30 de novembro, no edificio dos xulgados en Cervo e na Casa da Cultura en San Ciprián, respectivamente, ás 20.30 horas. As persoas interesadas poden anotarse na Casa da Cultura.

O Concello de Cervo convida a participar nas diferentes iniciativas programadas “pola igualdade e en contra da violencia de xénero”.

Un proxecto de dixitalización do patrimonio da Xunta reconstrúe o vello Portomarín que desapareceu baixo a auga do encoro de Belesar

A Xunta impulsa un novo proxecto de dixitalización do patrimonio que reconstrúe e permite visitar a antiga vila de Portomarín tal como era antes de quedar asolagada polo río Miño en 1963 coa construción do encoro de Belesar, ofrecendo a posibilidade de coñecer de primeira man como era a aquela vila á beira do vello leito do río.

Esta nova experiencia intégrase dentro do Galiverso na Cidade da Cultura, unha iniciativa que amosa dunha maneira diferente e aberta a riqueza histórica e natural do país mediante o uso da realidade virtual.

Máis de 250 casas cos seus tellados característicos de lousa, as cepas e a vexetación circundante, o río, e edificios emblemáticos como o Hospital de Peregrinos e a igrexa de San Nicolás —trasladada pedra a pedra a unha nova localización antes do asolagamento— foron recreados ao detalle dentro deste Galiverso.

Os profesores de Historia da Arte da USC e membros do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro; os especialistas do Centro Infográfico Avanzado de Galicia, Carlos Paz de Lorenzo e Anxo Miján Maroño, e Carlos Seijo, do estudo dixital Maxina, forman parte do persoal implicado nesta nova andaina do Galiverso.

As máis de 40.000 fotografías que José López, de Foto Pereira, realizou para documentar os traballos de traslado dos edificios e a memoria de cada unha das casas da localidade; as entrevistas cos veciños, así como os filmes conservados na Filmoteca de Galicia foron fundamentais para reconstruír con rigor científico a arquitectura, orografía e paisaxe anegadas polas augas.

‘O Galiverso. O vello Portomarín’  deuse a coñecer esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Estará dispoñible a partir do 21 de novembro, de martes a venres en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas. A visita é gratuíta con reserva de praza a través de Ataquilla.

As persoas visitantes poden elixir, antes de colocar as lentes de realidade virtual, se desexan subirse ao submarino virtual de Galiverso somerxido ou camiñar polo vello Portomarín. A idade mínima para poder acceder ao Galiverso son os 8 anos, e as nenas e nenos menores de 12 anos deberán estar acompañadas dunha persoa adulta responsable.

A sarriana Yolanda Díaz Gallego presentará o seu libro ‘Decidín desvelar o proceso’ este venres

Este 24 de novembro a sarriana Yolanda Díaz Gallego presentará o seu libro ‘Decidín desvelar o proceso’ despois de toda unha vida de activismo galego no Uruguai. O acto terá lugar a partir das 19.15 horas na Casa da Cultura de Sarria.

Yolanda Díaz Gallego, cunha longa traxectoria como Presidenta de O Penedo -entidade galega de grande actividade social e cultural- foi dos anos cincuenta aos setenta singular protagonista (muller nun mundo masculino) da acción e evolución galeguista no Uruguai, sendo resumo este libro daquel longo proceso, que segue vivo na privilexiada memoria da autora, publicándose agora como testemuño dos acontecementos vividos polos galegos nas terras rioplatenses, completándose as memorias da autora cunha profusa documentación sobre os temas e un elevado número de fotografías.

O libro, auténtica lección de historia do labor cultural e social dos galegos en Uruguai, certifica que “na galeguidade asentouse o compromiso”, e nel Yolanda deixa constancia de todo o acontecido para que en Galicia se saiba da ilusión, o traballo e os resultados conseguidos, e non quede no esquecemento todo que ali aconteceu. Está editado por Egeria, coa coordinación de Antonio Giz e Xulio Xiz, e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na presentación van intervir Cesar No, Concelleiro de Cultura de Sarria; Xulio Xiz, polo colectivo Egeria; Suevia Rodríguez Díaz, filla da autora; Yolanda Díaz Gallego, e – en representación da Xunta de Galicia – Sagrario Sánchez Ramil, Xefa territorial de Cultura, Educación, F.P. e Universidades en Lugo.

Os falecidos por sinistros nas estradas foron recordados nos actos polo Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico celebrados en Lugo

Esta mañá tiveron lugar varios actos ante a Xefatura Provincial de Tráfico con motivo da conmemoración do Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico. No acto fíxose a lectura dun manifesto e gardouse un minuto de silencio para lembrar aos falecidos en sinistros en estradas, que neste ano acabaron coa vida de 18 persoas, segundo datos da DXT.

Ao acto acudiron representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local de Lugo, persoal da Dirección Xeral de Tráfico e asociacións e colectivos sociais, así como varias autoridades entre as que estaban membros da Deputación e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

O Día Mundial en Memoria das Vítimas de Tráfico celébrase o terceiro domingo de novembro e foi proclamada en 1995 polas organizacións europeas de vítimas. Convertida en conmemoración mundial en 2005 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, lembra aos milleiros de persoas que morreron e resultaron gravemente feridos nas estradas e recoñece o sufrimento de todas as vítimas, familias e comunidades afectadas. Este 20 de novembro celébrase baixo o lema ‘Lembra, apoia, actúa’.

A Policía Local de Vilalba informará esta semana na rúa da nova ordenanza sobre a recollida dos excrementos das mascotas

A Policía Local de Vilalba realizará esta semana nas rúas do concello labores de información e divulgación sobre a nova Ordenanza Xeral de Protección do Medio Ambiente Urbano, que entra en vigor o próximo 28 de novembro, e inclúe normas que afectan á recollida dos excrementos dos animais.

Xa nas últimas semanas se repartiron carteis entre os establecementos comerciais e dípticos entre a veciñanza de Vilalba para informar das sancións que prevé a nova ordenanza.

O texto lembra que “a persoa que leva o animal está obrigada a recoller e retirar os excrementos e á limpeza da parte da vía pública afectada, polo que deberá levar obrigatoriamente unhas bolsas para a recollida e limpeza das feces e unha botella con produto desinfectante-desodorizante para minimizar os efectos das miccións dos cans”.

Ademais, os donos deberán procurar que os ouriños non se produzan sobre o mobiliario urbano, edificios e vehículos, tentando que se realicen xunto aos bordos das beirarrúas e o máis próximo posible aos sumidoiros ou a zonas que non sexan de xogo ou tránsito de peóns.

Non recoller os excrementos suporá desde o 28 de novembro unha sanción de 250 euros, e haberá tamén sancións de 150 euros se non se mostran, a requerimento da Policía Local, as bolsas para a recollida ou a botella desinfectante para minimizar o efecto das miccións.

A ordenanza prohíbe tamén alimentar a animais vagabundos ou extraviados sen contar con autorización municipal (500 euros) ou exhibir animais de compañía destinados á venda en escaparates ou a modo de reclamo comercial, tamén con sancións de 500 euros.

O convenio das traballadoras da limpeza segue bloqueado tras a reunión de hoxe entre sindicatos e ASPEL

As negociacións entre o sindicato de limpadoras e ASPEL seguen sen dar resultados. Segundo as traballadoras, na reunión celebrada hoxe ASPEL constatou a súa “absoluta falta de vontade negociadora e o seu desinterese por chegar a un acordo de convenio que permita rematar co conflito”.

Trinta e seis días despois de iniciarse a folga e tras a asemblea de persoal rexeitar por insuficiente a última oferta, os sindicatos acusan á patronal de presentarse na xuntanza “sen unha nova proposta e agardando que fora a parte social quen lles trasladara outra plataforma”.

“Esta actitude manifesta o desprezo da patronal cara ás traballadoras e evidencia que a pretensión de ASPEL é desactivar o conflito dilatando no tempo as negociacións. Unha manobra que as traballadoras xa advertiron que non vai funcionar porque as súas reivindicacións son xustas e totalmente asumíbeis para unhas empresas que gañan beneficios millonarios” aseguran dende a CIG.

Neste contexto, a reunión rematou sen ningún avance e sen fixar data para o seguinte encontro. “A patronal segue na mesma postura, pero se espera que as traballadoras renuncien a loitar está moi equivocada”, asevera Asunción Castiñeira, da CIG.

Castiñeira critica que se lle consinta á patronal estatal ter secuestrada a negociación colectiva e impedir que as traballadoras da provincia de Lugo teñan unhas condicións laborais e salariais dignas. “Só reclamamos unhas táboas salariais que quedarían un pouco por enriba do SMI. Porque para negociar o salario mínimo non hai que sentar nunha mesa, xa o dá a lexislación”, subliña.

A representante sindical denuncia que ASPEL está castigando as traballadoras pola súa combatividade e por non tragar cunha proposta de miseria que suporía seguir deixando as táboas por debaixo do SMI e ademais recortar o que se cobra pola antigüidade. Por iso demanda a implicación das administracións (que son as principais contratistas dos servizos de limpeza ) neste conflito para frear os abusos da patronal e reverter a precariedade nun sector considerado esencial e altamente feminizado.

Carava reivindicativa

Con este obxectivo, e para dar máis visibilidade á súa loita, as traballadoras instalarán dende mañá unha caravana reivindicativa na explanada do edificio multiusos da Xunta de Galiza. A medida de prostesta iniciarase por volta das 12.00 horas.

O Encontro nacional de mulleres solidarízase coa loita das traballadoras da limpeza

Así mesmo, a CIG celebrará este mércores en Lugo  o Encontro nacional de mulleres no marco da campaña polo Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A central acordou trasladar este acto de debate e formación a Lugo en solidariedade coas compañeiras da limpeza e a loita que están a desenvolver pola mellora das súas condicións de traballo. Ao remate do encontro, ás 12.00 horas, as delegadas da CIG e as traballadoras en folga sairán en manifestación dende o edificio da Deputación ata a sede da CEL.

Arias denuncia que o conflito da limpeza está a causar graves prexuízos nos colexios

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, advertiulle ao Concello de Lugo dos graves prexuízos que está a causar nos colexios a folga do persoal do servizo municipal de limpeza.

Arias dirixiuse por carta á alcaldesa “dado que a situación, lonxe de resolverse parece que se intensifica cada día que pasa”. Neste sentido, lembra que xa se lles comunicou hai case un mes o estado no que se atopaban algunhas instalacións que, “a falta de solución, hoxe están aínda peor”.

O delegado trasládalle a súa preocupación por que se poida producir un problema de saúde público. Por iso solicitou á alcaldesa que tome as medidas adecuadas para asegurar o restablecemento da situación hixiénica dos centros, xa que “dentro das súas funcións, vostede debe garantir o dereito á seguridade e saúde do alumnado e dos demais traballadores dos centros educativos que permanecen neles durante xornadas prolongadas”.

Publicada a resolución das axudas a asociacións e colectivos culturais da Deputación cun importe de 380.000 euros

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns a concesión provisional de axudas de concorrencia competitiva para colectivos e asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación. Aprobáronse 342 axudas para a organización de actividades culturais e para investimentos en equipamento e mellora de locais sociais, cun importe total de 380.000 euros.

Clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, documentais, publicación en papel, certames, xornadas sobre historia ou patrimonio, celebracións populares e outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial reciben financiamento a través desta convocatoria dirixida ao tecido asociativo e cultural de base.

No caso das axudas para investimentos, as achegas concedidas céntranse na compra de moblaxe e materiais de uso técnico ou artístico necesario para o uso social e cultural dos locais das asociacións.

O importe das achegas oscila entre os 500 e os 3.000 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria.

A resolución publicada este luns no BOP ten carácter provisional. As entidades solicitantes teñen un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións.

O PP de Barreiros pide ao Concello que corrixa os problemas de seguridade da depuradora

O PP de Barreiros pide ao Concello que corrixa os problemas de seguridade da depuradora. Segundo os populares, a alcaldesa sinte “desinterese” por corrixir os problemas de seguridade da depuradora municipal, circunstancia que o PP avisa que xa advertiu en xullo deste ano sen que se fixera algo por solucionar os problemas.

Explica o voceiro popular en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, que lonxe de corrixirse esas deficiencias o consistorio permitiu que a situación empeorase “poñendo en risco a seguridade de calquera persoa que poida entrar no recinto”.

Os concelleiros do PP realizaron unha nova revisión das instalacións e comprobaron como segue sen haber porta principal e no seu lugar colocaron un palet ao que agora se engade que o valado exterior está completamente roto.

“Unha infraestrutura que é prioritaria e imprescindible e debe estar protexida por seguridade xa que hai fosos e tomas eléctricas que poden resultar perigosas, ademais de para previr roubos. E de sentido común que un edificio público que cumpre unha función prioritaria estea pechada ao publico”, explicou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com