Novas

A Xunta ofrece axudas de ata 30.000 euros para restaurar vivendas e edificios residenciais na área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra

A Xunta pon a disposición de propietarios particulares e comunidades de veciños con vivendas e edificios residenciais localizados na Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra axudas de ata 30.000 euros destinadas a acometer obras de reforma, mantemento e mellora nos seus inmobles. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 30 de novembro.

O orzamento reservado este ano ás axudas para a ARI da Ribeira Sacra ascende a 1,13 millóns de euros, unha dotación que duplica á de 2022. Nas dúas convocatorias anteriores xa se rehabilitaron preto de 100 inmobles nesta zona, cunha achega por parte da Xunta de 900.000 euros en total, e o próximo ano está previsto publicar unha nova convocatoria, a cuarta desde a súa posta en marcha.

Para poder acollerse a estas subvencións, é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén unha vez executadas e xustificadas as obras de rehabilitación nos inmobles.

A contía, cun límite de 30.000 euros por vivenda, non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite increméntase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia que promove a actuación e reside na vivenda son inferiores a tres veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen persoas con algún tipo de discapacidade ou maiores de 65 anos.

O Concello de Lugo creará tres novos espazos deportivos nos terreos municipais de San Fiz

O Concello de Lugo, a través da concellería de Deportes, ultima a posta en marcha de tres novas instalacións deportivas na contorna de San Fiz.

Na actualidade este espazo conta cun campo de rugby e outro de fútbol que serán acondicionados por parte do Concello para que poidan acoller a práctica deportiva. Ademais, existe un terceiro espazo no que a concellería de Deportes plantexa habilitar un campo de béisbol e softball.

O primeiro será  dotar de infraestrutura sanitaria aos campos para a correcta práctica deportiva e fomentar o bo uso dos recintos. Segundo a Concellería de Deportes, instalaranse módulos prefabricados que funcionarán como vestiarios e aseos para dar servizo aos tres espazos. Tamén se acondicionará os accesos para garantir a seguridade.

A idea do Concello é ceder a explotación  do campo de rugby ao Muralla RC. Esta decisión vén determinada pola traxectoria deste clube. O concelleiro de Deportes matizou que o proxecto deportivo presentado pola entidade motivou a decisión do goberno municipal de apoiar esta disciplina para promocionar a súa expansión a nivel autonómico e nacional.

A mesma fórmula será utilizada coa futura instalación de béisbol e softball. De feito,  xa se mantivo un encontro con menbros do club de beisbol CBS Marineros de Lugo para analizar a posibilidade de adaptar este espazo ao uso regular desta disciplina.

O Concello de Cervo convoca un concurso de postais de Nadal para a infancia do municipio

O Concello de Cervo convoca un concurso de postais de Nadal dirixido ao alumnado de infantil e primaria do municipio.

Os traballos terán que presentarse na Casa da Cultura de San Ciprián ou no Consistorio e o prazo remata o 11 de decembro

Entre as tres postais finalistas o xurado elixirá unha coa que o Concello felicitará o Nadal a outros organismos e institucións.

Bases:

 

O Concello tumba as propostas do PP sobre as obras do centro no Pleno Extraordinario

Esta mañá celebrouse no Concello de Lugo o Pleno Extraordinario que propuxo o PP municipal o pasado 7 de novembro para tratar os problemas que a raíz das obras do casco histórico.

Este pleno deu como resultado o rexeitamento do goberno local das propostas realizadas polos populares grazas ao voto de calidade da alcaldesa.

Lara Méndez afirmou no pleno que o PP non empregou a asemblea para facer ningunha achega positiva, e que os cambios que se producen nas obras do centro entran dentro do esperado. “Os estudos de carga, que estaban recollidos nos pliegos, condicionaban algúnha modificación, máis alá da escoita activa que temos coa veciñanza e dentro das posibilidades”, sinalou a alcaldesa. Tamén defendeu que foron as imposicións de Europa -que ampliou o prazo das obras, tal e como pedía o Concello- as que levaron a realizar as tres obras do centro á vez, e que é lóxico que os traballos sexan incómodos pero que entran dentro do “razonable”.

Paula Alvarellos, voceira municipal, culpou ao PP de buscar “rédito político” e afirmou que o Concello está a escoitar as peticións e queixas que trasladan os veciños do centro. “Imos seguir traballando na peatonalización man a man cos veciños, aos que temos que agradecerlles a súa colaboración”, sinalou durante o pleno. “Todo o que pide [o PP] xa se está facendo”, engadiu.

Dende o PP explican que dende que se rexistrou a iniciativa, o 7 de novembro, “o goberno local reaccionou  intensificando contactos coa veciñanza, enviando axentes da policía para mellorar o tráfico na zona centro ou desbloqueando as liñas de autobuses para os centros educativos do recinto amurallado que comprometeran en setembro”. Tamén denunciaron que o pleno transcurriu sen que o Concello “adopte ningún tipo de responsabilidade” e que a alcaldesa vive “fóra da realidade” porque os seus argumentos non se sosteñen.

Arranca o novo obradoiro dual de emprego dos concellos do Incio, A Pobra e Bóveda

O Concello do Incio é o promotor do obradoiro dual de emprego 2023-2024 do que tamén forman parte os concellos de Bóveda e A Pobra do Brollón.

Na nova edición que vén de presentarse participan 20 alumnos; 6 deles do Concello do Incio e 7 por cada un dos outros dous concellos. A maiores hai unha directora, tres monitores e unha administrativa.

A duración do obradoiro dual de emprego é de 12 meses, tempo durante o cal levarán a cabo as especialidades formativas para Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería (13 alumnos) e Instalacións e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes (7 alumnos). Para poñer en marcha os obradoiros, a Xunta de Galicia destinou unha subvención de 532.546,20 euros.

No acto de presentación, ademais do alumnado e os responsables do obradoiro, participaron os alcaldes dos tres concellos, Héctor Corujo, José Luis Maceda e José Manuel Arias.

O Premio ‘Facer País’ recoñeceu a Sés pola defensa da lingua e a cultura galegas

O Premio ‘Facer País’ foi outorgado este fin de semana á cantora María Xosé Silvar “Sés” na antiga casa consistorial de Carracedo, en Láncara.

Sés recibiu o galardón outorgado pola Asociación Cultural Val de Láncara das mans de Luz Fandiño, a penúltima premiada, nun acto no que Xurxo Souto actuou como mestre de cerimonias.

Ao acto acudiron veciños, colectivos culturais da comarca de Sarria, o vicepresidente da Deputación Efrén Castro, e a Deputada de Cultura Iria Castro.

O Premio Facer País, cuxo xurado está formado por unha vintena de asociacións  dos concellos de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes, recoñece a “postura clara de defensa da lingua e cultura galega” de Sés, “dende unha visión nova, rompedora, actual e feminista”.

Desde a súa creación en 2002, recibiron o galardón lsaac Díaz Pardo, Luis Tosar, o grupo Milladoiro, Xosé Manuel Beiras Torrado, Xosé Neira Vilas, o diario A Nosa Terra, Avelino Pousa Antelo, Luz Pozo Garza, a Real Academia Galega, Mini e Mero, Agustín Fernández Paz, a Mesa pola Normalización Lingüística, Marica Campo, Basilio Losada Castro Margarita Ledo Andión, a Asociación Cultural Xermolos, a familia Seivane, Xurxo Souto, Luar na Lubre e Luz Fandiño.

Mitma construirá unha nova conexión entre as estradas N-120A e N-120 en Monforte de Lemos

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) asinou un convenio coa Deputación de Lugo e o Concello de Monforte de Lemos para a execución dun novo vial de conexión entre as estradas N-120A e a N-120 e a mellora da seguridade viaria na contorna. O orzamento estimado das actuacións deste convenio ascende a 7,5 millóns de euros, dos cales o 90% serán aportados por Mitma, o 6,66% a Deputación de Lugo e o 3,34% o Concello Monforte.

Ademais de financiar a maior parte das actuacións, corresponde ao Ministerio redactar e aprobar o anteproxecto, proxecto de trazado e construción do novo vial de conexión entre a estrada N-120A e a nova N-120 e mellora da seguridade viaria na contorna; tramitar o procedemento de avaliación ambiental; tramitar o expediente expropiatorio correspondente; licitar e executar as obras, así como contratar todas as asistencias técnicas necesarias para o correcto desenvolvemento da obra; e formalizar, á finalización das obras, o cambio de titularidade do tramo executado a favor do Concello de Monforte de Lemos.

Doutra parte, corresponderá á Deputación de Lugo a obrigación de financiar parte das actuacións recollidas, e ao Concello de Monforte de Lemos, á parte de financiar tamén parte destas, a de aceptar a cesión do tramo executado polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana

O convenio estará vixente ata a recepción e liquidación das obras e, como máximo, por un prazo de 4 anos desde a data en que sexa eficaz, unha vez inscrito no Rexistro Electrónico estatal de Órganos e Instrumentos de Cooperación do sector público estatal.

Tres accidentes con feridos esta fin de semana en Lugo

A Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo acudiu na tarde do venres a dous accidentes de circulación nos que se rexistraron feridos.

O primeiro rexístrase nas inmediacións da vella depuradora, no paseo de Ombreiro, onde un turismo e unha motocicleta chocaron. O condutor da moto resultou ferido, polo que foi trasladado por unha ambulancia do 061 ao HULA para a súa valoración, aínda que non revestía gravidade. Os vehículos forton retirados polos guindastres de asistencia, levantado o correspondente atestado o equipo instrutor.

O segundo accidente rexístrouse nas inmediacións do parque infantil da Fonte dos Ranchos, cando unha nena de dous anos, acompañada pola súa nai, soltoulle a man invadindo o carril de circulación. Lamentablemente foi alcanzada por un vehículo que a golpeou nun costado, derrubándoa ao chan, polo que foi trasladada en ambulancia ao HULA para a súa atención médica.

Na tarde do domingo un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprazouse á rúa Santo Grial xa que se producira un accidente de circulación no que un turismo accedeu á vía desde a rúa Madreselva sen respectar a prioridade de paso establecida por un sinal vertical de STOP. O resultado foi un choque contra unha motocicleta, cuxo condutor foi ferido, aínda que en principio con prognóstico leve. Foi trasladado por unha ambulancia a un centro médico da cidade.

Fin de semana de controis

Durante a fin de semana intensificáronse os controis integrais de alcoholemia, drogas e velocidade en diversas vías do centro urbano, no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo.

En total detectáronse nove infraccións por bebidas alcólicas, das cales oito tiveron como resultado multas de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución a cada condutor; e unha acabou coa apertura dun expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Tamén se multou con 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso a tres persoas que conducían con presenza de drogas no seu organismo. Un condutor foi detectado na rúa Santiago, tras presentar signos de consumir substancias estupefacientes. Foi sometido a un test de drogas, lanzando un resultado positivo en cocaína e THC. Outro condutor foi detectado na rúa San Roque, cun resultado positivo en THC. O último, tamén cun positivo en cocaína e THC, foi descuberto na rúa Rei don García.

En canto a controis de velocidade, foron sometidos ao radar 234 vehículos, dos cales foron denunciados 41 por superar os límites legais de velocidade.

Unha muller foi multada por venda ambulante de bebidas alcólicas no Parque da Milagrosa

A mañá do pasado venres, no transcurso dun dispositivo para combater a venda ambulante non autorizada no interior do Parque da Milagrosa, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a unha vendedora ambulante. A muller expoñía para a venda, de maneira ilegal, roupa e varias botellas de alcol sen ningún control sanitario, xa que algunhas delas estaban abertas e consumiran parte do seu contido. Os produtos foron intervidos e quedaron ao dispor de órgano instrutor do expediente.

Tamén se identificou e denunciou a outra vendedora ambulante que ocupaba un espazo público para dedicalo a esta actividade sen autorización ningunha. Os axentes tamén procederon á intervención de toda a mercadoría, quedando ao dispor do órgano instrutor do expediente.

Por outra banda, na rúa Río Narla foi detectada a ocupación da beirarrúa con diversos postos de venda ilegal.  Os vendedores, ao decatarse da presenza policial, fuxiron do lugar deixando abandonada a mercadoría, que foi intervida e depositada na Xefatura da Policía Local.

Un home foi detido por empuxar violentamente á súa parella en Lugo

Un home foi detido por empuxar violentamente á súa parella en Lugo. Os feitos ocorreron na madrugada do sábado, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo pola rúa Soto Freire, observou como un home mantía unha discusión cunha moza. O agresor propinoulle tres fortes empuxóns de forma moi agresiva, chegando a muller a perder o equilibrio.

Inmediatamente interviu a policía separando á parella. A muller contoulles que estaba a discutir co seu mozo por celos, e a súa parella corroborou a versión, xa que defendeu que a moza comezou a bicar a outro home nun pub da cidade. O agresor afirmou que cando marchou da discoteca, ela comezou a perseguilo insistindo en falar con el, pero como el se negaba e “non o deixaba en paz”, comezou a empurrala.

Os axentes procederon á detención do agresor, que tivo que ser inmobilizado despois de mostrar unha actitude moi agresiva cara aos axentes e ofrecer gran resistencia. Os policías que participaron resultaron lesionados polo forcexo.

Cando a patrulla chegou a dependencias policiais, o detido deulle unha patada á porta dianteira dereita do vehículo policial, polo que aos delitos de violencia de xénero e atentando aos axentes da autoridade sumóuselle o de danos en vehículo policial.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com