Novas

Ribadeo contará con pista de xeo entre o 3 de decembro e o 7 de xaneiro

Ribadeo contará con pista de xeo este Nadal. Estará instalada nunha carpa na Avenida Rosalía de Castro entre o 3 de decembro e o 7 de xaneiro. O prezo da entrada será de 5 euros, pero as persoas que merquen no comercio de Ribadeo ou consuman na hostalería local e presenten un tícket por un importe mínimo de 10 euros gozarán dun desconto de 2 euros no prezo da entrada á pista de xeo

As empresas que queiran facerse cos vales de desconto deben adherirse entre o 20 de novembro e o 1 de decembro. Poden facelo de xeito presencial na Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo, enviando un email á dirección de correo electrónico adl2@ribadeo.gal ou na oficina de Acisa en horario de 9.30 a 14.30 horas.

O horario da pista durante o mes de decembro será de 16.30 a 21.00 horas e do 2 ao 7 de xaneiro de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 21.00 horas. Iso si, os días de Noiteboa e de Aninovo a instalación estará pechada.

O MIHL acollerá o VI Congreso ‘Nutrición e Sostibilidade’ a vindeira semana

O Concello anunciou a celebración no MIHL do VI Congreso ‘Nutrición e Sostibilidade’ en colaboración coa Asociación de Dietistas-Nutricionistas Universitarios de Galicia. A mostra acolle unha programación variada que se estenderá durante a mañá e a tarde do vindeiro mércores 22 de novembro, a través de faladoiros, exposicións, talleres e debates con profesionais do eido a cerca das distintas formas de alimentación existentes.

Toda aquela persoa que desexe asistir pode conseguir as entradas ao evento no enderezo online eventbrite.es.

Chega a Lugo ‘Un ronsel de futuro: historias soterradas’, a webserie documental da Rede Museística

‘Un ronsel de futuro’ é unha webserie que trata de achegar, através do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, pertencentes á Deputación. Logo de ser presentado o proxecto nos Cines Númax e en Bos Aires -da man da Universidade Nacional Tres de Febrero- a webserie documental será presentada cun formato espectáculo ao longo das diferentes comarcas da provincia de Lugo.

Deste xeito, mañá chegará á Casa da Cultura de Antas de Ulla ás 17.00 horas. O vindeiro domingo 26 de novembro estará en Outeiro de Rei na Casa Museo Manuel María ás 12.30 horas. Posteriormente represenatrase en Barreiros, O Courel, Sarria, Meira, Lugo e outras localidades da provincia.

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a historia e patrimonio da provincia.

Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

A produtora O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, levan a cabo este proxecto no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e importantes persoas como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez. Tamén conta coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa, ou o Colexio Público de Antas.

A webserie viaxou a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.

 

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo celebrará o seu 25 aniversario o vindeiro venres

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo cumple un cuarto de século a semana que vén e vaino celebrar por todo o alto. A gran festa terá lugar no recinto o venres 24 a partir das 19.00 horas e contará coa actuación das orquestras París de Noia e Trébol, a Disco Móvil Hermo e o DJ Marcos Peón.

O xerente do Pazo de Feiras, Rubén López, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, presentaron onte o cartel do evento, que será gratuíto e estará aberto a todas as persoas interesadas ata completar aforo. De feito, xa se enviaron invitacións aos centros socioculturais e residencias de maiores para que se acheguen a desfrutar da verbena.

A música porá o broche de ouro aos actos de conmemoración, que inclúen tamén unha mesa redonda sobre o labor dinamizador do Pazo de Feiras nestes 25 anos, ou unha comida coas persoas que ao longo do tempo formaron parte do Padroado que o xestiona.

O Concello de Lugo pedirá á Xunta que arranxe as goteiras do pavillón do Colexio Paradai

A Concellería de Educación do Concello de Lugo reclamará á Xunta de Galicia unha mellor planificación das obras a executar nos colexios públicos da cidade. Segundo a Concellería, o Colexio Paradai, “onde a Xunta vén de investir máis de 900.000€ na rehabilitación integral do centro”, presenta goteiras no pavillón, “un problema notificado pola dirección do centro desde hai anos”.

Desde a área de Educación reclaman á Xunta que actúe en serio para mellorar o confort do estudantado e profesorado do centro, mellorando tamén as condicións xerais da instalación; e garantindo a boa usabilidade de todas as dependencias do colexio, incluíndo o pavillón, que debido ás goteiras e á acumulación de auga no interior pode sufrir restriccións de uso nas xornadas de choiva.

Dúas plataformas en defensa da sanidade denuncian que a Xunta pretende ceder a xestión da Residencia de Anciáns de Lugo a un ente privado

A Plataforma en Defensa da Sanidade e Especialidades do HULA e a Plataforma Cidadanía e Saúde denuncian que a Xunta e a Consellería de Política Social pretenden ceder a xestión da Residencia da Terceira Idade de Lugo nun ente privado. “Non queremos este tipo de xestores en ningunha Conselleira do Goberno Autonómico”, anunciaron nun comunicado.

Segundo as dúas plataformas, a Xunta e a Consellería están a demostrar que “son uns incapacitados en xestión pública; esperaron a que Amancio Ortega ofrecese a súa construción e agora tampouco son capaces de xestionala”.

Para ambas organizacións, o feito de que a residencia estea baixo o control dunha empresa privada repercutirá sobre “o persoal, os menús en cantidade e calidade e a atención sanitaria”, entre outros, porque “primará o beneficio, aínda que lle poñan limites”.

Tamén denuncian que a residencia e o Centro de Saúde Integral, situados no mesmo espazo, “nacen sen un aparcadoiro público funcionando para a súa inauguración” e que as praza que están habilitando agora non van ser suficientes polo volume de persoas que se achegarán a estes lugares.

Dende as dúas plataformas advirten: “Se isto non se lle dá unha nova solución de xestión e medios, podemos plantarnos un boicot á súa inauguración para resaltar o malestar nos seus acuaciones con Lugo”.

O PSOE Bóveda denuncia que o Concello “está baixo mínimos”

O PSOE Bóveda denuncia que o Concello “está baixo mínimos pola deixadez do goberno local”. A voceira municipal socialista, Carmen Macía, manifesta a preocupación que lle traslada a veciñanza.

Un dos problemas que denuncian os socialistas é a acumulación de basura nos contedores. “Sabemos que o camión que fai a recollida está avariado, pero teñen que buscar alternativas para que as bolsas do lixo non se amoreen, porque a acumulación de residuos provoca malos cheiros e dan unha imaxe lamentable”.

Tamén advirten que o Concello renovou os contadores da auga por uns dixitais, pero só nalgunhas zonas. En concreto, na parroquia de Ver non se cambiaron, e o Concello, detallan os socialistas, leva sen facer lecturas dende o mes de abril. “Os veciños e veciñas amósanse preocupados porque teñen medo de que cando lles chegue a factura sexa desproporcionada, logo de 7 meses sen facer lecturas”, din.

Así mesmo, explicaron que o Concello non cambia as lámpadas do alumeado público que están fundidas. “Hai barrios e casas que están sen luz porque non levan un control nin fan seguimento das necesidades básicas que temos no municipio”, detallan.

“Pedímoslle ao Goberno local que se poña a traballar xa”, instan dende a agrupación socialista.

Boldest, a startup tecnolóxica que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma

O Concello fixo pública esta mañá a quinta das empresas que recibirá financiamento da Estratexia Lugo Transforma. Unha iniciativa que o consistorio puxo en marcha durante a pandemia co obxectivo de impulsar a diversificación industrial do municipio e promover a creación de emprego estable e de calidade.

A firma Boldest é a nova beneficiaria do fondo emprendedor, e naceu no 2020 co cometido de destacar destinos turísticos. É unha startup tecnolóxica que se adica a crear experiencias dixitais relevantes, especialmente no campo da comunicación corporativa e os eventos, co obxectivo de incrementar o atractivo de contidos turísticos. Para iso favorece a adopción de novos modelos de negocio, dentro dunha cultura colaborativa, encamiñada a dar a coñecer os destinos dun xeito moderno, visual e inmediato, empregando mapas interactivos premium, nunha solución multiplataforma apta para tablets, computadoras e apps que permite interactuar coa información en liña dun xeito áxil e intuitivo.

A startup (que formou parte da aceleradora de proxectos Turislab) está integrada por varios enxeñeiros con experiencia na creación de complexos e sofisticados portais dixitais que atoparon na imaxe cartográfica unha potente ferramenta para especializar os seus servizos e diferenciarse dos seus competidores.

Na presentación, a alcaldesa explicou que o fondo de capital municipal realizará un acompañamento financieiro á firma – que dispón xa de sede en Lugo (rúa Montero Ríos) – de 360.000 euros. “Un investimento que servirá para que afronte o seu desenvolvemento tecnolóxico pero que tamén contribuirá á súa expansión no estranxeiro, onde actualmente conta con presenza en Portugal, Dinamarca, Irlanda e Alemaña, favorecendo a súa consolidación internacional”, sinalou Méndez.

Parte desta inxección económica destinarase á contratación de persoal cualificado, coa previsión, nun horizonte temporal de catro anos, de sextuplicar o seu cadro actual, composto por 5 traballadores, ata chegar aos 36 empregados en 2027, cunha incidencia especial na búsqueda de perfís en desenvolvemento de software, marketing dixital e vendas.

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo – que mobilizou 12 millóns de euros – e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

A Deputación destinará 115.000 euros en axudas para 21 asociacións de 13 concellos lucenses

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou esta mañá o último trámite administrativo que resta para pagar a 21 asociacións de 13 concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 115.000 euros, beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios.

“Grazas a estas axudas, as entidades asociativas puideron acometer diferentes actuacións, como melloras en locais sociais, na traída de auga, o acondicionamento de camiños, instalacións eléctricas, ou a rehabilitación de escolas veciñais”, detallou a voceira García Porto.

En total, 54 colectivos beneficiáronse do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, ao que a institución provincial destinou un orzamento de 300.000€ coa finalidade de mellorar a calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas do rural.

A Deputación de Lugo anuncia unha inversión de 3,5 millóns de euros para o mantemento das estradas da súa titularidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de anunciar a aprobación dunha partida de 3,5 millóns de euros que se destinará en amañar os tramos en mal estado das estradas da súa titularidade.

Este diñeiro destinaranse na prestación do servizo e mantemento da Rede Provincial de Estradas entre 2024 e 2025. O contrato incluirá os traballos para a conservación, mantemento e a atención de emerxencias derivadas da mala climatoloxía.

Esta partida dividirase en oito lotes, un por cada zona viaria da rede provincial, “co obxectivo de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz, tendo en conta que a de Lugo é a Deputación española con máis quilómetros de estradas”, sinalou a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto.

Tamén se destinarán algo máis de 132.500 euros en obras de mellora da estrada provincial LU-P-0901, que conecta as parroquias de San Xoan de Tor (Monforte) e Martín (Bóveda). Esta obra, que consistirá na reapertura de cunetas, a pavimentación e a sinalización da vía, contará cun plazo de execución de tres meses e afectará a un tramo da estrada de 2,5 quilómetros.

Os concellos de O Corgo e Guntín tamén se verán beneficiados dunhas obras de emerxencia en dous puntos do cinto comarcal. Destinaranse 150.000 euros para arranxar os danos provocados polos temporais das últimas semanas. García Porto sinalou que as obras de Guntín “xa están finalizadas”, e as do Corgo “comezarán a vindeira semana”.

Presuposto para o suministro de material

Na reunión da Xunta de Goberno tamén se aprobou a licitación de dous contratos para o suministro de material para o Parque Móbil por un importe superior ao millón de euros.

Un dos novos contratos destinarase á compra de emulsión asfáltica por case 720.000 euros. Os outros 380.000 euros destinaranse ao suministro de áridos de rego asfáltico con saburra artificial, “necesario para levar a cabo os traballos de acondicionamento nas estradas provinciais e municipais”, sinalou a voceira.

Resposta do PP

Trala comparecencia de García Porto, o grupo popular sinalou que a LU-P-2913, que conecta Lugo e Guntín e que dá servizo a numerosas parroquias do rural lucense, “tamén presenta deficiencias moi importantes”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, lanzou a pregunta de se a relación entre José Tomé e Lara Méndez é a causante de que non se actúe nesta estrada provincial. “Moito nos tememos que como Lara Méndez é alcaldesa de Lugo despois de que a Deputación pagase a súa carreira política, agora Tomé non queira axudala para que non lle faga sombra”, afirmou.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com