Novas

O PP reuniuse coa Xunta de Persoal do Concello para coñecer as súas reclamacións

O PP de Lugo mantivo onte un encontro coa Xunta de Persoal do Concello para coñecer as súas necesidades. Entre as propostas que fixeron os representantes dos traballadores están a aprobación dun regulamento do horario, carreira profesional, a posta en marcha de medidas para a conciliación en todos os departamentos, regular o teletraballo, e modificar regulamento de produtividade.

Trala reunión, os populares denunciaron que as reinvidicacións dos traballadores municipais levan anos sen resolver e sen un calendario de prazos. A concelleira Mar Carballas destacou “a importancia dunha xestión eficaz dos recursos humanos na administración máis próxima ao cidadán” xa que “senón se cubren as vacantes, non funcionan os servizos, e iso repercute na atención final ao cidadán”

Na mesa de traballo explicaron que as súas son “peticións xa históricas, as mesmas que nos trasladaron na reunión celebrada o pasado mes de febreiro”, lamentando que “para a alcaldesa e o seu socio nacionalista a xestión dos recursos humanos é unha asignatura esquecida”. “Botamos en falla un maior compromiso deste goberno á hora de axilizar a cobertura de vacantes”, engadiu Carballas.

 

O BNG de Castro de Rei denuncia o estado de “abandono” da Casa da Cultura

O BNG de Castro de Rei denunciou onte “a situación de abandono” na que se atopa Casa da Cultura situada en Castro Ribeiras de Lea despois dunha visita ao edificio.

Segundo o BNG, o espazo presenta humidades e goteiras por toda a instalación, incluíndo o despacho da traballadora da biblioteca municipal. “Tendo en conta que pasa moitas horas nel e as paredes están cheas de fungos provocados polas humidades, o que fai que non sexa un local apto para traballar”, sinalou a concelleira Olga García.

Tamén denunciou “ a precaridade na que se atopan as instalacións e a imaxe que se dá a todas aquelas persoas que se acercan a esta instalación” pois os desperfectos, humidades e goteiras obsérvanse a simple vista. “Ademais do perigo que supón para as crianzas que alí realizan actividades, pois teñen que ir sorteando os cubos que están colocados para as goteiras”, engadiu.

O BNG pedirá que se busque unha solución para todos estes desperfectos e que a Casa da Cultura sexa un lugar apacíbel para quen a visite, xa que “precisamos un concello con actividade cultural e para iso temos que ter un lugar adecuado” reclamaou a concelleira.

A Xunta e o Concello de Outeiro de Rei reúnense para avaliar as obras de Augas de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, mantiveron onte unha xuntanza para avaliar o avance dos diferentes proxectos que o Goberno galego ten en marcha no municipio, e singularmente as obras de Augas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar obras de mellora do abastecemento e está en proceso de contratación o proxecto construtivo da mellora do sistema de saneamento e a nova estación depuradora de augas residuais, licitado por un importe de 242.000 euros.

Unha área de servizo de Navia de Suarna resulta beneficiada dun programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

A área de servizo Salgado, en Navia de Suarna, vén de incorporar un taller de recambio de pneumáticos e mantemento básico de vehículos.

As instalacións están en mans dun emprendedor mozo, Juan Rodríguez, que diversificou o negocio para dar un servizo máis completo e gañar en competitividade. A axuda concedida pola Xunta ascendeu a 25.100 euros e corresponde ao programa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -que depende da Consellería do Medio Rural- para impulsar investimentos en actividades non agrícolas no rural.

O obxectivo desta convocatoria é reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais, facilitando a adquisición de bens de equipamento que permitan ás empresas existentes mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e servizos.

O Concello de Monterroso recibe novo material tecnolóxico para a Aula Cemit

O Concello de Monterroso recibiu hoxe novo material tecnolóxico para a Aula Cemit, que se compón de 18 ordenadores, 10 tablets, 1 webcam, 1 Usb, 1 Trípode con anel de luz e 1 Panel Croma.

Estes dispositivos serán instalados polos técnicos da Xunta os vindeiros días e estarán a disposición do veciños e veciñas da vila en datas próximas, a través do programa de actividades para o 2024 no que xa traballa o Goberno local. Todo o material estará a disposición na Aula Cemit no Centro Sociocultural de Xuventude e Terceira Idade.

Esta foi a segunda entrega de material para a Aula Cemit, xa que tras a adhesión ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede Cemit por parte do Concello, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia realizou unha entrega de material no mes de marzo (Impresora 3D, 1 xogo de robótica composto por 6 robots educativos e 6 xogos de construción, 5 unidades de drons, 2 unidades de gafas de realidade virtual e 2 controladores e 1 xogo de placas de comunicación e programación , composto por 4 placas tipo Arduino e raspberry Pi 4 Model Quad-core 64 bits).

 

O premio Menina recae no proxecto ‘Mulleres de Lugo’, impulsado polos IES Ánxel Fole e Virxe dos Ollos Grandes

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco anunciou hoxe a lista de persoas e entidades recoñecidas en Galicia coa Menina pola súa loita pola igualdade. Estes recoñecementos entréganse anualmente con motivo da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, para remarcar o férreo compromiso fronte á violencia machista nas catro provincias galegas. Este ano acadan a súa sexta edición consecutiva.

De acordo co fallo do xurado, a Menina concedida este ano na provincia da Lugo é para o proxecto ‘Mulleres de Lugo’, impulsado pola comunidade educativa dos IES Anxel Fole e Virxe dos Ollos Grandes da capital. Ambos centros promoveron un traballo de investigación que se traduciu nun calendario escolar para visibilizar, nos centros de ensino da contorna, o papel de mulleres lucenses en campos como o activismo, a ciencia, a literatura, as artes escénicas ou a política.

Nesta provincia, ademais, o xurado acordou entregar unha mención honorífica á policía nacional Cristina Castro, pola súa traxectoria profesional e dedicación estando destinada na Unidade de Atención á Familia e á Muller (UFAM) da Comisaría de Lugo.

A entrega dos Recoñecementos Meninas terá lugar na tarde do vindeiro martes, día 21 de novembro, no Hostal dos Reis Católicos, na semana do 25N.

O Concello do Incio adquire unha escavadora para a prestación de servizos municipais

O Concello do Incio vén de adquirir unha escavadora para a prestación de servizos municipais. O alcalde , Héctor Corujo, foi o encargado de recibir a máquina, que foi entregada por Fernando José López Méndez, responsable da empresa Fevisa.

Esta actuación, que supón un investimento de 54.450 euros, conta cunha axuda de 29.000 euros da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con cargo ao Fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local..

Grazas a este equipamento o Concello dota á brigada de obras e servizos dunha maquinaria coa que non contaba e que permitirá dar resposta a diferentes tipos de necesidades como reparacións de camiños, da rede de abastecementos ou saneamentos, retirada de neve, acometer pequenas obras, etc., dunha forma máis eficiente e rápida e que en definitiva mellorará os tempos de resposta ante todos tipo de incidencias e a calidade de vida dos veciños e veciñas.

O PP de Monforte defenderá no pleno que os centros para maiores e discapacitados se inclúan dentro dos usos especiais da cota tributaria no cobro da auga

O PP de Monforte defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que os centros para a terceira idade e discapacitados se teñan en conta á hora de tarificar o cobro da auga como un uso especial, ao igual que ocorre co Hospital comarcal ou as industrias do polígono.

A voceira popular Katy varela recorda que, xa se presentou no pleno de outubro, en forma de emenda á modificación da ordenanza reguladora das taxas de abastecemento de auga e recollida de lixo, pero que o goberno local rexeitou nese momento alegando que “necesitaban tempo para valorar a proposta”.

Nesta ordenanza regúlase un uso especial. Katy Varela explica que o apartado C recolle os usos especiais da cota tributaria, unha tarifa especial para determinados centros, como son o Hospital comarcal, os colexios e as industrias do polígono. “Consideramos que dentro deste apartado deben incluírse os centros para a terceira idade e discapacitados por dous motivos, pola importante labor que realizan e porque teñen un gasto de auga importante”, sinalou.

O Concello de Lugo deseñará coa veciñanza do rural a programación sociocultural das parroquias

O Concello de Lugo retoma a dinamización social das parroquias e faino da man da veciñanza coa que, nunha nova ocasión, volve deseñar a programación sociocultural que se desenvolverá a partir de xaneiro nos centros cívicos e nas escolas do rural.

A tenenta de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira e o edil de Impulso Rural, Miguel Fernández, mantiveron onte un encontro con representantes do tecido asociativo para coñecer as súas demandas co fin de coordinar as propostas que se porán en marcha en 2024 nos diferentes núcleos do municipio.

Durante a reunión, Ana González Abelleira explicou que o Concello ofertará actividades de lecer e formativas para impulsar a convivencia interxeracional e fomentar a igualdade e o arraigamento no rural, ao tempo que puxo en valor o labor desenvolvido polo animador municipal Alfonso Darriba, “implicado ano tras ano en artellar a mellor programación posible para conciliar os intereses da veciñanza”.

“Esa é unha das claves que perseguimos e dentro que poden ter cabida dende obradoiros de exercicio físico, como ximnasia ou pilates, ata clases de pintura, manualidades, restauración de obxectos e mesmo talleres de memoria ou de aprendizaxe e mellora de competencias dixitais ou manexo das novas tecnoloxías”, apuntou a concelleira con relación ás propostas solicitadas e desenvolvidas en anos anteriores.

“Tamén intentaremos levar charlas ou coloquios sobre temas que poidan ser de interese como accións formativas para o uso de biocidas ou combater a velutina, moi reclamadas, ao igual que as excursións, as visitas culturais e os xantares e días de convivencia, atendendo ás preferencias que nos fagan chegar”, concluíu a responsable de Cohesión Social.

 

O TSXG rebaixa a pena de prisión a un condenado por agredir sexualmente á filla da súa parella en Lugo porque confesou os feitos

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de once a sete anos e nove meses de cárcere a pena imposta pola Audiencia Provincial de Lugo a un condenado por agredir sexualmente, de forma continuada, á filla da súa parella desde 2013, cando a menor tiña doce anos, ata 2015.

O alto tribunal galego, do mesmo xeito que o órgano de primeira instancia, considerouno autor dun delito continuado de agresión sexual con prevalecemento sobre menor de dezaseis anos, concorrendo a atenuante de reparación do dano, pero, a diferenza da Audiencia Provincial, tamén apreciou a atenuante de confesión tardía. Desta forma, explica na resolución que “o exteriorizado con claridade polo recorrente ao compás do seu coñecemento da denuncia policial e a incoación do procedemento é relevante e eficaz para o esclarecemento dos feitos e a realización da xustiza”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com