Novas

O Soundsystem no Camiño achegará a Lugo música reggae na súa segunda edición

O Concello de Lugo anunciou a segunda edición do ciclo Soundsystem no Camiño, que traerá á capital o mellor da música reggae do noroeste peninsular.

Os colectivos participantes desta edición son Pintega Sistema de Son, Dub Mono Hi-Fi, North Patrol,Sank-Fu Hi-Fi e Soundkilla Soundsystem.

A música reggae ven de ser recoñecida no ano 2018 como Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola Unesco. Comparte co Camiño primitivo un valor cultural e social moi importante. A súa aportación á reflexión internacional sobre cuestións como a inxustiza, a resistencia, o amor e a condición humana revela a forza intelectual, sociopolítica, espiritual e sensual deste elemento do patrimonio cultural.

Este encontro busca crear unha alternativa de ocio para a xente da cidade e das persoas que se acheguen a Lugo, dinamizando a contorna e facéndoa máis atractiva e activa, visible e participativa, introducindo novas propostas culturais.

 

O Concello de Vilalba ilumina as dársenas da estación de autobuses e denuncia a inacción da Xunta

O Concello de Vilalba tomou a decisión de iluminar as dársenas da estación de autobuses “como solución provisional ante a inacción da Xunta de Galicia”.

“Desde hai días é perigoso acceder e camiñar pola zona da parada dos autobuses a partir das seis da tarde porque non hai luz na estación. As competencias das instalacións son da Xunta, pero temos que darlle unha solución aos veciños e veciñas”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco,.

Rouco remitiulle o luns unha carta ao director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio Maestro, na que lle informaba de que a estación de autobuses está sen luz e do perigo desta situación, polo que lle reclamaba que as instalacións teñan “unhas condicións normais de uso”.

Ante a falta de resposta por parte do goberno autonómico, o concello tomou a decisión de dotar de iluminación a zona da dársena da estación, á espera da actuación da Xunta.

Ameijide pide “igualdade de trato” para o arranxo de vías provinciais en concellos gobernados polo PP

Antonio Ameijide esíxelle “responsabilidade” a José Tomé e á Deputación de Lugo en materia de conservación de estradas provinciais despois de comprobar o estado do pavimento da maioría das vías da súa titularidade no municipio do Corgo.

“O Concello do Corgo renovou o 80% das estradas da súa titularidade nun único mandato. E, delas, o 30% con aglomerado”, afirmou Ameijide. Pola contra, segundo os populares as vías provinciais son obxecto habitual de queixas por parte dos veciños debido ás “importantes fochancas existentes na LU-P-1603” que comunica Gomeán con Maceda ou na LU-P-1606 entre Adai e Queizán que é preciso ampliar. Tamén chama a atención de Ameijide o “absolutamente desfeito” que está o pavimento da LU-P-1610, unha vía estreita que comunica Escoureda con Abragán, e por onde pasa a diario o transporte escolar.

Os populares reivindican tamén o ancheamento da estrada que vai dende Cabreiros a Arxemil, a LU-P-1605. Así mesmo, insisten na necesidade de mellorar o coñecido como ‘cinturón comarcal’ poñendo como exemplo “o asfalto totalmente desgastado da LU-P-1611 ao seu paso por Adai”. Sen embargo, Ameijide subliña que “o estado do pavimento cambia no límite con Castroverde”.

Esta situación repítese, segundo afirma o PP, no caso da LU-P-2904, que no termo municipal de Lugo presenta mellor estado “evidenciando o trato desigual entre concellos dependendo de quen goberne”.

É por iso polo que Ameijide denuncia “o sectarismo que rexe na Deputación, que supón o apoio aos Concellos gobernados por alcaldes do PSOE ou do BNG e discriminación para os gobernados por alcaldes do PP”.

A carreira Lugo Monumental celebrarase o 17 de decembro en conmemoración do seu 20 aniversario

O Concello anunciou esta mañá a data de celebración da vixésima edición da carreira popular Lugo Monumental. Será o vindeiro domingo 17 de decembro, data do vixésimo aniversario desta cita deportiva.

“A proba, que contará cunha distancia aproximada de 10 quilómetros, terá tanto a saída como a meta na Avenida de Ramon Ferreiro, coa Praza Horta do Seminario como centro de operacións da organización, como en edicións anteriores”, explicou o concelleiro de Deportes, quen subliñou que “o percorrido seguirá sendo en parte circular ao redor da Muralla, cunha última volta por encima do adarve, mantendo o espírito de todas as edicións anteriores”.

Para celebrar o 20 aniversario da carreira Lugo Monumental, obsequiarase a todos os participantes adultos cunha camiseta conmemorativa. Ademais, para as categorias inferiores haberá entrega de medallas ao finalizar as súas carreiras.

A carreira estará limitada a 1.200 adultos e toda a información do evento atópase dispoñible na páxina web: www.10klugomonumental.com As inscricións abrirán esta media noite (a partir das 00.00 horas) ata o vindeiro 10 de decembro. Serán totalmente de balde para as categorías menores.

O Concello de Viveiro recibe 200.000 euros da Deputación para servizos públicos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, asinaron un acordo a través do que a institución provincial destinará 200.000 euros para que Concello de Viveiro ofreza máis servizos públicos.

Os fondos servirán para a dinamización da estratexia turística de Viveiro, con accións como o reforzo da información e a potenciación das rutas turísticas. Tamén para a contratación de concertos para as festas patronais e para o alugueiro de escenarios para as actuacións e eventos culturais e deportivos que de maneira recorrente acolle a localidade.

Así mesmo, con esta axuda o Concello tamén sufragará os labores de mantemento de diversos servizos públicos, como é o caso do cemiterio municipal ou da praza de abastos, ademais da mellora do alumeado público e do servizo de podas.

A asociación veciñal Lucus Augusti impulsa a marca ‘Campus Lucense’ para defender os intereses do campus de Lugo

A Comisión Permanente da Federación de AA.VV. de Lugo ‘Lucus Augusti’ tomou por unanimidade a decisión de impulsar un movemento cidadán en apoio do Campus de Lugo na súa reunión do pasado martes 14 de novembro.

Baixo a marca ‘Campus Lucense’, a asociación pretende impulsar todo tipo de iniciativas. “Nos próximos días convocaremos ao tecido asociativo de Lugo e provincia (asociacións veciñais, culturais, educativas,
sindicatos, colexios profesionais, entidades sociais, deportivas…) para tratar conseguir apoios institucionais”, sinalan. De feito, nos vindeiros días solicitarán unha entrevista co Reitor da Universidade para coñecer claramente os seus proxectos cara ao Campus Lucense.

“Unha vez máis reiteramos que o Campus de Lugo foi e é fundamental para transformar as nosas estruturas agrarias, forestais, etc. e mesmo a propia sociedade lucense, poñendo en valor os coñecementos adquiridos nun Campus especializado en materia Agro-forestal”, afirman.

No comunicado tamén critican algúns dos motivos que, segundo a asociación, están mermando o campus lucense, como a necesidade de 45 alumnos para manter un grao universitario, compartir o Grao de Forestais con outros campus, ou que os dous primeiros cursos non sexan presenciais, entre outros.

“Para nós é imprescindible a colaboración coa Universidade (Docentes e Alumnado), por iso poñerémonos en contacto con eles para escoitar as súas demandas e articular respostas conxuntas”, tamén sinalan dende a asociación.

Falece un nonaxenario en Abadín tras caer nun pozo de xurro

Os bombeiros de Vilalba rescataronn dun pozo de esterco en Abadín o corpo sen vida dun nonaxenario. De momento, descoñécense as causas da caída.

Os feitos aconteceron nunha explotación agrícola situada no lugar do Castiñeiro, en Baroncelle arredor das 12.30 horas, cando os axentes da Garda Civil solicitaron a colaboración dos medios de rescate a través do 112.

Co rescate do corpo xa sen vida da vítima, os efectivos do parque comarcal de bombeiros deron por finalizada a súa intervención, pois corresponde ás forzas da orde a identificación das causas.

Inauguradas as XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se celebrarán entre hoxe e mañá

A Seragro Sociedade Cooperativa Galega organiza as XX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se desenvolverán entre hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, coa participación como poñentes de máis dunha decena de expertos no sector lácteo e vacún.

O encontro inclúe un conxunto de relatorios que se centrarán en temas de actualidade e de interese para o sector, como a microbiota mamaria da vaca, o rendemento do millo, a calidade da herba, o caderno dixital, a fiscalidade, os sistemas de monitorización das granxas, o deseño e manexo das instalacións, a saúde podal ou o uso das tecnoloxías nas granxas, entre outros.

Ao acto inaugural acudiron o presidente de Seragro, Víctor Manrique; o Decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández; e o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández.

O PP de Láncara denuncia estradas en mal estado nas zoans de montaña do municipio

O PP de Láncara denuncia o mal estado no que se atopan algunhas estradas do municipio, concretamente aquelas que dan servizo aos núcleos de poboación máis pequenos do concello -moitos deles nas zonas da montaña da localidade.

A voceira popular, Olga Capón, explicou que os veciños destas zonas “non aguantan máis” e teñen medo de que polo mal estado das estradas “os condutores dunha ambulancia non poidan chegar ás casas, ou que os camións que levan o pienso para os animais ou recollen o leite se neguen a pasar por medo a avariar os vehículos”.

“As estradas perderon en moitos puntos as diferentes capas de asfalto que tiñan, sendo as fochancas e as pedras soltas un perigo para os condutores”, afirman os populares, asegurando que se chegou a este punto “por un abandono constante e de varios anos”, polo que esixen “unha reacción” ao alcalde do Concello.

Dende o grupo popular prestan especial atención á estrada que vai de Saa (Cedrón) a O Furco e que pasa por Villarín, Seara e A Cortella; a que vai de O Busto a O Furco, pasando por Armada e Casablanca; e a estrada que vai dende O Busto a Saa (Cedrón). Segundo o PP, estas son as vías municipais que presentan un peor estado.

A VIII edición da Foliada da Fonsagrada celebrarase os días 7, 8 e 9 de decembro

A Asociación Cultural Petapouco e a Destempo ten posta en marcha unha nova edición da Foliada da Fonsagrada, que se celebrará os días 7, 8 e 9 de decembro. Este ano o festival porá en valor a todas as bailadoras que seguen a conservar o legado e a tradición do baile da terra da Fonsagrada.

O festival, que este ano celebrará a súa oitava edición, comezou no 2015 non só para procurar manter unha tradición que estaba comezando a descarrilar e inculcala nos máis novos, senón tamén para reivindicar as características propias da zona, a idiosincrasia dunha peculiar terra que sempre contou con grandísimos artistas que foron, en xeral, infravalorados. Cos anos este festival foi facéndose cada vez máis relevante, e incluso foi galardoado co Premio ao Mellor Festival 2023 nos Premios Martin Códax da Música, celebrados o pasado mes de xuño.

A Asociación Cultural Petapouco e a Destempo está formada por un grupo de rapaces e rapazas que busca achegar a cultura, sobre todo aquela propia das Terras de Burón (A Fonsagrada), aos máis novos e poñelos en contacto, á súa vez, con grandes mestres e mestras aínda vivas que promovan a conservación da propia tradición oral e musical.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com