Novas

O PP de Castroverde pedirá ao Concello o arranxo de camiños en mal estado e o remate da instalación da fibra óptica

Os concelleiros do PP de Castroverde están a manter contacto directos cos veciños de todo o municipio polo mal estado dos camiños, “unha queixa xeneralizada en todo o concello”, subliñan.

Os populares explican que estes camiños municipais están “cheos de fochancas” e atópanse “sen rozar” e, polo tanto, causan prexuízos aos residentes nos labores do seu día a día.

Nese sentido, convidan ao alcalde a “atender as necesidades dos veciños” e a xestionar “debidamente” os camiños e pistas do municipio para favorecer as comunicacións dos habitantes.

Segundo o PP, outra das queixas que lles trasladaron os veciños, concretamente os da parroquia de San Andrés de Barredo, é a relacionada coa instalación da fibra óptica: “quedou abandonada sen rematar causando un gran trastorno para autónomos, empresas e estudantes”.

Chega ao IES Gregorio Fernández unha exhibición de vehículos da Ruta 4×4 Comarca de Sarria

A Asociación Os Carro x Catro organizou esta mañá unha actividade no IES Gregorio Fernández de Sarria como antesala á XI Ruta 4×4 da Comarca de Sarria que se celebrará esta fin de semana.

Ademais da ruta turística, a organización realiza estas actividades, a modo de exhibición, dirixidas especialmente á mocidade. No caso do IES Gregorio Fernández, pensando especialmente no alumnado dos ciclos de fabricación mecánica, mecanizado ou mantemento industrial, que se imparten no centro.

Esta ruta turística con vehículos 4×4, na que colabora a Vicepresidencia da Deputación deLugo, terá como punto de referencia Sarria -que será saída e meta e centrará parte do itinerario- e percorrerá tamén os concellos de Láncara, Baralla, Becerreá, Triacastela e Samos, servindo de escaparate para as paisaxes e recursos turísticos da comarca e xerando unha importante actividade na hostelería e restauración. A ruta conta xa con máis de 370 participantes inscritos.

O PP de Xermade pídelle ao Concello que realice o mantemento de pistas e camiños

O PP de Xermade pediulle ao Concello realizar periodicamente os traballos de mantemento das pistas e camiños. Os concelleiros defenden que “os camiños públicos facilitan a vida da veciñanza e favorecen o traballo no rural” e, polo tanto, “non se poden deixar abandonar”. Así o manifestaron no último pleno, poñendo como exemplo algúns camiños da parroquia de Burgás que comunican As Testas, Os Cucos ou Xemaré.

O portavoz, Antonio Riveira, explica que “os accesos ás fincas agrícolas son de vital importancia para as explotacións gandeiras do municipio e, no caso das zonas onde impera o minifundismo, máis aínda”. De feito, na parroquia de Burgás “os veciños téñennos trasladado o seu malestar porque as pistas de acceso ás fincas son intransitables e provocan atrasos no traballo diario dos gandeiros”. E isto débese ao seu “estado de abandono”; xa que “fai anos que non se lles realiza un mantemento”.

Segundo os populares, o camiño das Testas atópase abandonado nos últimos anos e resulta “intransitable”, ao igual que o camiño dos Cucos. Do camiño Xemaré, en dirección a Castiñeiras, sinalan que “ademais dun mal estado no primeiro treito chega un punto no que non se pode transitar por el”.

Reabren as rutas en catamarán polo Miño tras rematar o mantemento no encoro dos Peares

A Deputación de Lugo reabre as rutas en catamarán polo Miño, unha vez que a empresa Naturgy lle comunicou o fin dos labores de mantemento que estaba realizando no encoro dos Peares. Estes traballos reduciron o caudal do río, o que imposibilitaba a navegación dos barcos. Agora, volverán a navegar ata a fin de temporada por este itinerario, que parte de Belesar (O Saviñao), e que se veu interrompido no mes de outubro.

Neste mes de novembro funcionarán as dúas rutas, tanto a do Sil como a do Miño durante as fins de semana, tanto os sábados coma os domingos, con saídas ás 11.30 e ás 16.00 horas. No caso do mes de decembro, os barcos navegarán dende o 2 ao 10 de decembro todos os días, con motivo da Ponte da Constitución, tamén con dúas saídas diarias en horario de mañá e de tarde.

Para información e reservas, as persoas interesadas poden dirixirse á web https://reservas.rutasembalses.es ou chamando ao 982 26 01 96 en horario de 9.00 a 20.00 horas de luns a domingo.

O PP de Lugo propón personalizar as lonas das obras de peatonalización que tapan os establecementos do centro

O PP presentou hoxe unha proposta para contribuir a minimizar o impacto dos perxuizos das obras do casco histórico no comercio local solicitando que “as lonas oscuras que cubren as vallas que colocaron as empresas construtoras, e que ocultan os negocios, se customicen cos logotipos ou imaxes corporativas dos establecementos afectados”.

Os populares urxen para que o concello facilite estas lonas decorativas en rúas como a do Gran Teatro, onde se están levando a cabo os traballos de peonalización. “Estes elementos fan de pantalla desincentivando a entrada nos establementos, e os comerciantes están preocupados porque empeza a campaña de Nadal, unha das máis importantes do ano”.

“Con esta proposta se melloraría a visibilidade dos negocios xa que se lles identificaría de forma máis doada e ademáis se melloraría a estética da contorna urbana da zona”, sinalan dende o partido.

Continúa pechada ao tráfico a estrada LU-P-3402 en Muras

A Deputación de Lugo informa de que, debido ás inclemencias metorolóxicas das últimas semanas, é preciso ampliar ata o día 1 de decembro o corte ao tráfico da vía LU-P-3402 para acometer as obras enmarcadas no proxecto de humanización do Campo da Feira do Viveiró, en Muras.

Permanecerá habilitado e debidamente sinalizado como desvío alternativo o acceso polas estradas provinciais LU-P-3811 e LU-P-3804.

A Audiencia de Lugo impón dous anos de cárcere a unha muller por vender heroína

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a dous anos de cárcere e ao pagamento dunha multa de 195 euros a unha muller que foi interceptada cando subministraba heroína a un comprador.

O tribunal, que a considerou autora dun delito contra a saúde pública, na modalidade de drogas que causan grave dano á saúde, indica que o 15 de novembro de 2021, sobra as sete da tarde, a acusada vendeulle heroína a unha persoa, a cal tiña un valor no mercado ilícito de 97,77 euros, tras o cal foi detida por un axente da Policía Nacional, quen comprobou que portaba máis droga e cartos procedentes da súa actividade delituosa.

A Audiencia non estima suficientemente acreditado que a acusada viñese dedicándose á venda de substancias estupefacientes en Lugo.

 

Rábade acollerá un curso informativo sobre o uso de caixeiros para maoires

A alcaldesa do Concello de Rábade, Reme González, e o tenente de alcaldesa, Luis Novo, mantiveron hoxe unha reunión de traballo co coordinador institucional de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez Rodríguez, e co director da oficina de Rábade, Julio Folla Rego, para abordar temas de interese para os veciños e veciñas.

A primeira acción que acordaron é a realización dun curso informativo sobre o uso de caixeiros para maiores, que vai ter lugar o martes 21 de novembro ás 11:00 horas no Centro Sociocultural.

Esta acción formativa, enmarcada no Programa de Educación Financeira da entidade, pretende ensinar a usar os caixeiros para aprender a facer as operacións máis habituais, retirada de efectivo, transferencias e outras.

Firmado o convenio para poñer en marcha o Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas no HULA

O Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas arrinca en Lugo. Ramón Ares, xerente do Hospital Lucus Augusti, onde se implementará a iniciativa, e Luis Abelleira Maior, presidente provincial de Cruz Vermella, asinaron hoxe o convenio de colaboración, polo que dous psicólogos atenderán tanto a pacientes como a familiares no marco deste programa da Fundación La Caixa.

O Programa ofrecerá atención ás persoas que se atopan en situación de final de vida e a humanización dos coidados en situacións de cronicidade avanzada e vulnerabilidade socials.

Enmarcado na Estratexia de Coidados Paliativos do Sistema Nacional de Saúde, este Programa consolida a súa misión de complementar o modelo actual de atención ás persoas que se atopan ao final da súa vida para lograr cubrir distintos aspectos psicosociais: tanto a esfera emocional, social e espiritual do paciente e a súa familia como a atención ao duelo e o apoio aos profesionais de coidados paliativos.

 

Os asistentes á xuntanza do proxecto europeo de robótica visitan hoxe as Catedrais e Alcoa

Os asistentes á xuntanza do proxecto europeo de robótica, que se celebra ata venres en Ribadeo organizado por Apaga, visitaron esta mañá a praia das Catedrais e tamén as instalacións de Alcoa en San Cibrao. Este mediodía xantan no IES de Foz e pola tarde achegaranse ata Finca Galea.

O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, sinalou que “estamos a desenvolver unha intensa axenda de traballo e de visitas a centros de ensino e empresas”.

Doural agradece “a colaboración das firmas e dos centros de ensino aos que acudiremos estes días, así como as recepcións ofrecidas polos Concellos de Ribadeo e de Lugo. Son 20 alumnos e profesores de Turquía, Polonia e Italia cos que traballamos neste proxecto de robótica e aos que aproveitamos para ensinarlles os potenciais turísticos da comarca da Mariña e de cidades como Lugo, Santiago e Avilés”.

A expedición viaxará mañá a Santiago de Compostela, onde visitarán o Parlamento de Galicia así como as empresas Televés, Urovesa e Finsa. O venres desprazaranse ata Avilés.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com