Novas

Detectado un incendio nun inmoble abandonado en Lugo

Ás 9.10 horas de onte, a Sala do 092 recibiu información sobre a existencia de lume nun inmoble abandonado de rúa Pintor Corredoira. Varios axentes da Policía Local se achegaron de inmediato, onde comprobaron que se trataba dunha persoa que pernoitou no lugar e que acendeu unha fogueira. Os axentes extinguiron o lume de inmediato ante o perigo de propagación.

A policía puxo a situación en coñecemento do departamento municipal correspondente para proceder ao peche do inmoble, xa que presenta perigo para calquera persoa que poida acceder ao interior.

Unha muller agrede e cuspe a un axente da Policía Local no mercado da Frigsa

Unha muller agrediu onte a dous axentes da Policía Local mentres interactuaban con vendedores ambulantes do mercado da Frigsa que non tiñan autorización municipal.

Esta muller comezou a increpalos, insultándoos e incluso insinuando que habería que “pegarlles dous tiros”. Os axentes dirixíronse a ela para solicitarlle que cesara con esa actitude e requirirlle a documentación, ao que se negou en todo momento.

A muller acabou propinándolle un forte lapote a un dos axentes no peito e por cuspirlle na cara, polo que foi reducida pola forza para detela e levala a dependencias policiais.

Os axentes declaran que durante o traslado a detida non depuxo a súa actitude, golpeando en repetidas ocasións o interior do vehículo e causando danos no biombo de protección e nunha das portas do vehículo patrulla.

Xa na comisaría, a policía procedeu a tramitar dilixencias por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade.

O Círculo celebrará unha masterclass infantil sobre intelixencia artificial

O Círculo das Artes celebra o mes da ciencia cunha masterclass infantil sobre intelixencia artificial.

Os participantes gozarán dun taller interactivo, con propostas intelixentes e motivadoras que conectan o mundo real coas tecnoloxías de vangarda. A ferramenta de traballo será un mBot2, un robot educativo de última xeración, que lles permitirá experimentar coa súa montaxe, manexo e funcionamento. Un taller dinámico e divertido que reforza a aprendizaxe STEAM.

O taller será o sábado 25 de novembro de 10.30 a 12.30 horas e está orientado a nenas e nenos de 6 a 12 anos.

As prazas son limitadas, polo que hai que facer unha inscrición previa.

O alcalde de O Incio será o cabeza de lista do PP na Asemblea Xeral da Fegamp

Os alcaldes do PP de Galicia optarán hoxe por presentar unha lista propia na Asamblea Xeral da Fegamp que estará encabezada polo alcalde do Incio, Héctor Corujo.

Nunha reunión celebrada esta mañá na sede autonómica do partido en Santiago de Compostela, o líder da candidatura dos populares galegos quixo agradecer aos seus compañeiros a confianza depositada nel para esta responsabilidade.

Corujo quixo poñer en valor o compromiso “incuestionable” da súa formación, cos 313 concellos de Galicia gobernados polos populares.

Tamén aproveitou a oportunidade para pedir ao PSOE galego que apoie a reivindicación de que o Goberno central asuma a reforma do sistema de financiación local. “A lei que regula este sistema data dos anos 80 e desde entón as condicións dos concellos variaron enormemente en termos económicos e poboacionais”, explicou.

Ademais criticou que “o PSOE galego, á imaxe e semellanza de Pedro Sánchez en Madrid, quere politizar as institucións, facendo un uso partidista con absoluto descaro”. “Se ese é o modelo de municipalismo que quere o PSOE, asaltando as institucións, que non conten coa nosa colaboración”, remarcan os populares ao tempo que defenden o seu modelo. Un modelo “claro” e baseado en “reivindicar o interese dos 313 concellos de Galicia e non o interese duns poucos que só buscan aferrarse a un sillón”.

Pese a todo, os alcaldes do PPdeG tenden a man ao presidente da Fegamp “para volver unir o municipalismo”.

Comezan os traballos de renovación das pasarelas peonís da estrada de Ombreiro

A Deputación de Lugo vén de comezar os traballos de renovación das pasarelas peonís da estrada de Ombreiro, en Lugo. Unhas obras que realiza a empresa pública Tragsa, e que teñen un prazo de execución de dous meses.

En concreto, a actuación consiste na retirada do antigo pavimento, a reposición dos elementos de suxeición da estrutura e as táboas das pasarelas en dous tramos dun total de 150 metros, para a que se usará madeira de pino tratada. O investimento nestes traballos ascende a 18.000 euros.

Esta infraestrutura dá servizo ao paseo do río Miño, unha ruta periurbana que descorre á marxe esquerda do río ao seu paso por Lugo e que vai tamén paralela á estrada de Ombreiro. Trátase dunha ruta moi transitada pola veciñanza e a actuación servirá para mellorar a seguridade nesta zona, moi empregada por ciclistas, afeccionados ao atletismo e persoas que se achegan a pasear.

O PP de Vilalba critica ao Concello por invertir preto dun millón de euros na rúa da Pravia e abandonar outras rúas do rural

O Pleno de Vilalba sacou adiante a proposta de arranxar as pistas da parroquia de Samarugo. Dende o PP municipal sinalaron que “consideramos prioritario o arranxo das vías de titularidade do Concello tanto para Samarugo, coma para calquera parroquia de Vilalba”.

Os concelleiros populares incidiron en lembran que “é de vital importancia arranxar a Ponte da Ribeira”. A portavoz, Sandra López, subliñou que “a súa situación é sumamente grave: un piar está no aire, os coches tocan abaixo, etc. Esa ponte, no estado no que está, é un auténtico perigo”. Nese sentido, instan ao responsable das infraestruturas do rural, o señor Renda, a actuar “con urxencia e celeridade”.

Por outra banda, en relación á transferencia de crédito das contas municipais, os populares condenan que “ao goberno local lle preocupe máis a estética da rúa da Pravia cando Vilalba ten outros problemas máis urxentes”. De feito, os concelleiros do PP votaron en contra desta proposta porque consideran prioritario “resolver antes os problemas que se crearon coa obra da rúa da Pravia” como son “o atasco e caos circulatorio, entrada de auga na planta baixa dalgunhas vivendas, inseguridade para peóns por diferencias de nivel no pavimento, sinalización deficiente e con baixa visibilidade”.

A popular considera “unha mostra de improvisación” o feito de que “o goberno local xa gastou en agosto preto de 13.000 euros en plantas e xardineiras para a rúa da Pravia e agora “pretenden gastar outros 85.000 euros, principalmente tamén nesta rúa”. Para os populares “ademais de gastar preto de un millón na rúa da Pravia, seguen gastando máis e máis mentres que noutras rúas e no rural non se anda polas estradas”.

Máis de 300 alumnos lucenses asistiron a unha charla de Cata Pollini no ciclo Luz ao deporte

Arredor de 320 alumnos dos IES lucenses Nosa Señora dos Ollos Grandes, Xoán Montes, Ánxel Fole e do CIFP Politécnico asistiron hoxe á charla ofrecida por Cata Pollini, Team Manager do Ensino, dentro do ciclo Luz ao deporte, que organiza por segundo ano a Fundación Breogán coa colaboración da Xunta.

Cata Pollini, que brillou no baloncesto internacional e xogou no Ensino, falou na Delegación Territorial da Xunta da súa traxectoria profesional e das súas vivencias persoais.

O ciclo Luz ao deporte busca achegar á mocidade a deportistas de primeiro nivel que lles poidan transmitir valores e actitudes que teñan un impacto positivo na súa educación. Esta edición xa contou coas intervencións do ex-xogador de baloncesto Sergi Grimau e o adestrador do CD Lugo, Pedro Munitis. Completarase coa participación de Veljko Mrsic, adestrador do Breogán.

Volve a campaña ‘O noso Mercado é un agasallo’ á Praza de Abastos e ao Mercado Municipal de Lugo

O Concello de Lugo retomará a campaña ‘O noso mercado é un agasallo’ para incentivar o consumo na Praza de Abastos e o Mercado Municipal e destacar a importancia de consumir produtos de proximidade no comercio local, especialmente durante a campaña de Nadal. Unha campaña que, na praza e no Mercado, comezará mañá, 15 de novembro a partir das 18.30 horas co acto de acendido das luces de Nadal da instalación.

A concelleira Cristina López afirmou que “todas as persoas que realicen compras por valor de 40 euros ou máis nos distintos postos da praza recibirán un agasallo”, e lembrou que “só na primeira mañá desta campaña o ano pasado, os distintos postos da praza facturaron máis de 16.000€”. Este ano, a promoción terá lugar os días 18 e 25 de novembro, 2, 9, 16, 23 e 30 de decembro.

A área de Participación habilitará un posto durante os días de promoción no horario de apertura da Praza para que todas as persoas poidan achegarse cos tiques dos distintos postos da Praza e do Mercado e canxealos polos agasallos que se entreguen ese día, entre os que destacan varios deseños de bolsas reutilizábeis serigrafiadas cos cadros gañadores do certame de Pintura Rápida ou material promocional da Praza e do Mercado.

Turismo no Courel

Folgoso dista da capital 108 km. que leva percorrer alomenos hora e media, polo que este concello lucense nos queda máis lonxe ca calquera cidade galega. Adoitamos criticar o estado de pavimento de autovías e estradas que foron principais, pero non hai mellor xeito de comprobar a situación ca viaxar á montaña do leste e sur da provincia para saber como están as comunicacións con zonas que se quere sexan turìsticas.

Na nosa montaña poñer o Gps e comprobar que os minutos que leva un traxecto son máis ca os kilómetros a percorrer pode estar ben para o viaxeiro turístico do risco e as sorpresas, pero quen vive na zona merece comunicacións decentes.

Estiven no Courel participando nunha acción que patronea José María López Bourio para potenciar o turismo, a empresa e a vida nos tres concellos que conforman a comarca, e atopei xente ilusionada, intelixente, traballadora, consciente… Son a mellor garantía do futuro daquela terra.

O Courel é un paraíso que temos pendente de descubrir, porque alí – tan lonxe e tan preto á vez – hai iniciativas singulares, casas rurais, restaurantes, guías turísticos, festas, feiras, vida en fin, que agarda un turismo selectivo, respetuoso co medio ambiente, que busque natureza en estado puro, e artesanías, e alimentos naturais e xente apegada a unha terra difícil que quere seguir vivindo alí, criando alí aos seus fillos, mantendo vivos os colexios, tendo na montaña axeitada conexión con internet, e mellores vías de comunicación. É un mundo arredado da vida da cidade, pero son moi conscientes do que teñen, e están dispostos a compartilo con todo o que chegue ao Courel.

O BNG presenta unha lista de iniciativas no Parlamento Galego ante a situación do Campus de Lugo

O Grupo Parlamentario do BNG presentou ante o Parlamento galego unha lista de iniciativas ante a situación de crise na que se atopa o Campus Terra de Lugo, logo de compartir opinións nunha xuntanza aberta cos colectivos afectados.

A parlamentaria Olalla Rodil indicou que “materializar estas mudanzas suporía un durísimo golpe para un campus, como o de Lugo, especializado na formación e xeración de coñecemento arredor das ciencias da terra”.

Para a parlamentaria cómpre tamén “ter en conta a realidade demográfica de Lugo e a falta de infraestruturas que lastran, dende hai décadas, o seu desenvolvemento; polo que o Campus debera ser obxecto de medidas de discriminación positiva por parte do Goberno galego e non, como acontece, de esixencias cada vez máis duras para poder manter o seu funcionamento”, explicou Rodil.

Por todo isto, o BNG presentou unha batería de iniciativas nas que pide ao Goberno da Xunta “paralizar calquera intento de recorte no mapa de titulacións e modificar a obriga de contar con 45 estudantes de novo ingreso como esixencia para mantelos, todo isto potenciando campañas públicas encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos graos ofertados”, insistiu Olalla Rodil.

Para o BNG “o campus de Lugo representa un espazo de investigación e innovación de enorme valor para o tecido produtivo da provincia, razón pola que todos os esforzos deben centrarse na súa promoción e na garantía do seu funcionamento”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com