Novas

O PP propón a creación da marca ‘Lugo, Cidade Universitaria’

O PP de Lugo propón a creación dun plan encamiñado a facer da capital un referente das cidades universitarias. “Facer de Lugo unha ‘Cidade Universitaria’, cunha ampla dotación de servicios é fundamental para atraer a novos estudantes e conquerir que as novas xeneracións optén por Lugo para desenvolver os seus estudos e iniciar o seu proxecto de vida”, aseguraron os populares.

Tamén afirman que é preciso que o Concello de Lugo lidere esta proposta para a que é necesario o traballo de diferentes administracións, para o que os populares ofrecen “toda a colaboración”.

“O Campus de Lugo é un referente en moitos aspectos. É por isto que se fai precisa a colaboración das diferentes administración e a Universidade, de forma que se poña en valor o alto nivel formativo que se imparte e se potencien as fortalezas das que dispón o campus”, manifestou o PP.

CIG asegura que GTT despediu persoal despois de ter subcontratado parte do servizo que presta para o Concello de Lugo

A CIG afirma que a empresa GTT, que se encarga do servizo de xestión da recadación do Concello de Lugo, vén de despedir unha traballadora alegando unha baixada da actividade. A representación da CIG denuncia que este despedimento se produciu porque a empresa subcontratou parte do servizo a outra compañía e por iso lle reclama ao Concello que revise se GTT cumpre co estabelecido nos pregos de condicións e actúe en consecuencia.

Dende o sindicato aseguran que neste intres a empresa non cumpre co requisitivo de ter un mínimo de dous notificadores que marcan os pregos, e que estes despedimentos se producen porque GTT subcontratou parte do servizo de notificacións en setembro de 2020 e agora utiliza esta diminución da actividade para xustificar a rescisión do contrato da traballadora.

A CIG considera moi grave que unha empresa que presta servizos para a administración pública actúe desta maneira, ofertando o persoal necesario para obter a maior puntuación e despois externalizando o servizo noutra empresa cunhas condicións que non están reguladas no prego en canto ao convenio de aplicación, salarios e outras condicións laborais.

Diante disto, a delegada da CIG dirixiuse por escrito á Concellaría de Economía e Recursos Humanos e aos departamentos de Tesoureiría e Contratación para que revisen a actuación da empresa, xa que non está a cumprir co requisito mínimo de axentes notificadores, e ademais porque non consta que realizara a obrigada comunicación ao Concello cando procedeu a subcontratar parte do traballo.

O Concello de Rábade convoca un concurso de postais de Nadal

O Concello de Rábade convoca un concurso de postais de Nadal para nenos e nenas de entre 3 e 14 anos en tres categorías segundo as idades.

Os debuxos gañadores serán elixidos como postal para felicitar o Nadal a todos e todas os veciños, pero todas as obras serán expostas no Concello durante as festas.

A data límite para entregar os traballos será o 30 de novembro no colexio ou no Concello de Rábade.

Os premios deberán ser canxeados no comercio local.

 

Os concellos de Rábade e Monterroso poñen en marcha campañas polo 25N

Os concellos de Rábade e Monterroso están poñendo en marcha sendas campañas para participar no 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Monterroso

O Concello de Monterroso difundiu hoxe unha campaña contra a violencia de xénero baixo o lema ‘O futuro necesítanos libres. Monterroso contra a violencia’. Trátase, segundo explican desde o equipo de goberno, de seguir visibilizando a importancia deste tipo de iniciativas que pretenden concienciar desde todos os ámbitos sociais.

O cartel que protagoniza esta iniciativa foi elaborado polo alumnado de 1° da ESO do IES de Monterroso e vaise colocar en todos os espazos públicos municipais, así como en todos os comercios e establecementos da vila. O Goberno local agradece a colaboración dos escolares, así como de todos os negocios que van axudar coa súa difusión.

Rábade

O Concello de Rábade pide colaboración á cidadanía para a posta en marcha dunha actividade contra a violencia machista. Dende o consistorio precisan 52 mulleres voluntarias para o acto central que terá lugar o 24 de novembro en contra da violencia de xénero coa fin de dar visibilidade ás vítimas desta lacra social.

Para apuntarse hai que chamar ao departamento de Servizos Sociais no teléfono 982 39 00 62.

 

Praza de Santo Domingo

Un home agrede a outro por unha praza de aparcamento en Lugo

Onte pola mañá unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo foi comisionada pola Sala do 092 para acudir á Rolda dá Muralla xa que ao parecer estaba a producirse unha discusión entre dous condutores.

Un home, que sangraba polo nariz, manifestou que momentos antes discutira con outro condutor por unha praza de estacionamento e que lle propinara unha puñada na cara. Despois de achegar unha descrición desta persoa, foi localizada na Praza de Santo Domingo, afirmando que efectivamente tivera unha discusión cun condutor, pero negando a agresión.

Os axentes requeriron a presenza dunha ambulancia cuxa dotación prestara asistencia ao condutor ferido e elaboraron o correspondente parte de intervención á espera da presentación de denuncias.

Ameijide solicita á Deputación que permita o acceso a residentes dun barrio de Castelo a través dunha ponte do paseo do Rato

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, solicitou ao goberno da Deputación de Lugo que estude a posibilidade de habilitar unha ponte no paseo do río Rato para o paso de vehículos dos residentes de catro vivendas nun núcleo do barrio de Castelo, no Concello de Lugo.

O popular explicou que o único acceso para vehículos do que dispón este núcleo é unha vía de titularidade municipal que, na zona entre as edificacións, é moi estreita para o paso de furgóns e vehículos coma os de emerxencias.

Á vista da existencia da ponte sobre o Rato o suficientemente ampla, o popular pediu á Deputación que estude a viabilidade de habilitala para uso exclusivo dos residentes cando a vía municipal estea cortada ou as súas dimensión non permitan o paso a vehículos de emerxencias.

O Arde Lucus 2024 celebrarase do 13 ao 16 de xuño

A XXIII edición do Arde Lvcvs celebrarase do 13 ao 16 de xuño do vindeiro ano. Así llo comunicou o Concello ás dezanove asociacións que fan posible esta festa de recreación histórica, durante o transcurso da IX cena de confraternización que mantén cos colectivos.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, agradeceu ás asociacións romanas e castrexas que forman parte da organización do Arde Lvcvs “o traballo que realizan durante todo o ano, o seu esforzo e dedicación para recrear con fidelidade as nosas orixes, convertendo esta celebración nunha cita única en España”. O edil lembrou que “xuntamente co Concello, conseguimos este ano o ansiado recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, motivo polo cal queremos rendirlles unha merecida homenaxe distinguíndoas coas Medallas de Ouro da cidade”.

A entrega deste recoñecemento, a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía, terá lugar nunha cerimonia que se desenvolverá o próximo 30 de novembro, no MIHL. As Medallas de Ouro deste 2023 serán outorgadas ás asociacións de recreación histórica da cidade pola súa contribución decisiva para que o Arde Lvcvs fose declarado como Festa de Interese Turístico Internacional.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n’Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.

A Policía Local de Lugo desarticula unha quedada de vehículos

A Policía Local de Lugo desarticulou unha quedada de vehículos esta fin de semana. A través de redes sociais tiveron coñecemento desta ‘KDD’ na zona da Avenida de Infanta Elena, polo que se estableceu un dispositivo especial no que participaron efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, co apoio de equipos da Unidade de Atestados do Corpo. Para a operación empregaron vehículos policiais camuflados e rotulados e un vehículo policial dotado de cinemómetro.

Os axentes formularon 6 denuncias por exceso de velocidade, sendo a velocidade máxima captada de 93 km/h, en vía limitada a 50 km/h. Tamén detectaron e denunciaron a un condutor por condución neglixente, a dous titulares de vehículos por non presentalos a ITV no prazo debido, e interceptaron un vehículo con infracción por iluminación.

Outras intervencións

Así mesmo, nos filtros de seguridade viaria establecidos detectáronse 6 condutores con taxas de alcol superiores ás reglamentariamente establecidas.

Dous deles están sendo investigados por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, un cun resultado positivo de 0,79 mg/l e outro con 0,72 mg/l.

Accidente de circulación con alcoholemia

Na noite do sábado un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprazouse ao polígono de As Gándaras por un accidente de circulación. Os axentes comprobaron que o condutor dun camión-portavehículos se desprazou da súa traxectoria, impactando contra dous turismos estacionados e rexistrándose danos materiais. A policía observou que presentaba signos de embriaguez, polo que o condutor foi sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado positivo de 0,64 mg/l.

Un coche choca contra catro cabalos en Begonte

Un turismo bateu contra catro cabalos que interceptaron na vía no concello lucense de Begonte, na LU-541, á altura do punto quilométrico 6, ao paso por Trobo. Como consecuencia do impacto, unha persoa tivo que recibir asistencia médica e varios exemplares acabaron mortos.

A información sobre este sinistro chegou ao 112 Galicia contra as 2:20 horas da pasada madrugada a través da chamada de alerta dunha persoa particular. Durante a comunicación cos xestores de emerxencia, informaba que malia que os dous ocupantes do vehículo podían abandonalo polos seus propios medios, un deles presentaba lesións na cabeza, o que implicaba a necesidade de atención sanitaria.

Co fin de prestar apoio aos implicados e efectuar as labores de limpeza da vía, desde o 112 púxose a situación en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, do GES de Friol-Palas, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Un incendio provoca danos materiais nunha vivenda de Palas de Rei

Un lume orixinado no motor dun conxelador obrigou a intervir aos equipos de emerxencia no concello lucense de Palas de Reis. O incendio consumiu dous de eses electrodomésticos, unha neveira, unha bicicleta e tamén algúns xoguetes. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao recibir a chamada dun veciño ás 16:00 horas do sábado. No seu relato, indicaba que ardía a planta baixa dunha vivenda do lugar da Leboreira, na parroquia de Augas Santas. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Chantada, dos membros do GES de Friol-Palas e dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar, o GES informou ao 112 que a rápida actuación dos particulares facilitou o control da situación. De feito, malia que o incendio afectara toda a planta baixa do inmoble, ninguén resultou afectado e a súa intervención cinguiuse a refrixerar e ventilar o espazo.

Desde o 112 avisouse tamén aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com