Novas

Vilalba recibirá á oficina móbil do programa ‘Acelera peme’

O Concello de Vilalba contará coa presenza da oficina móbil do programa Acelera PEME o vindeiro martes día 7 de novembro, a partir das 12.30 horas na praza da Constitución. Os autónomos e as pemes do concello poderán beneficiarse dos diversos servizos gratuítos que ofrece esta oficina móbil.

“Os interesados contarán co asesoramento dos dinamizadores dixitais do programa, podendo programar as citas presenciais ou telemáticas que sexan necesarias para unha consulta individualizada”, explicou a alcaldesa, Marta Rouco.

Os servizos ofertados inclúen o acompañamento dixital individual e personalizado, a análise do estado de dixitalización da empresa, o apoio na implantación de novas solución dixitais no negocio, a consultoría en marketing dixital e o apoio e acompañamento na solicitude do Kit Dixital.

Un home identificado pola Policía Local despois de causar problemas nun establecemento da rúa da Raíña

A Policía Local de Lugo identificou onte a unha persoa que estaba causando problemas dentro dun local comercial. Os feitos ocurriron nun dos establecementos da rúa da Raíña. Os axentes falaron coa encargada do local, que informou de que un home estaba sentado sen comprar nada e increpando aos clientes que se atopaban no interior, causándolles malestar e provocando que finalmente marcharan da tenda.

Os axentes tentaron falar con esta persoa, que se expresaba de forma incoherente, para proceder á súa identificación, pero o home negouse en redondo, polo que foi trasladado a dependencias policiais onde si que se puido levar a cabo unha plena identificación.

Os axentes abríronlle dilixencias de prevención e levantaron acta por infracción grave á Lei de Seguridade Cidadá, propoñendo unha sanción que podería chegar aos 30.000 euros.

Tino Grandío

O Museo de Lugo ven de abrir unha sala dedicada ao pintor Tino Grandío, sendo importante noticia polo que o pintor significa para os lucenses, e polos cadros que se expoñen.

Tino naceu en Lousada de Guntín en 1924, e morreu en Madrid aos 53 anos. Como pintor gozou moi axiña de sona e acadou lugar de honra no panorama artístico de Madrid e de toda España. Foron triunfais as súas exposicións en Madrid, Barcelona, Lisboa, París, Alexandría, Munich ou Nova Iork, e foi pintor querido e cotizado. Referencia especial en tempos foi o retrato que lle fixo a Franco, onde se apreciaba a importante decrepitude do dictador nun tempo no que un realismo así podería terlle creado problemas.

Se é importante a nova sala en si, tamén o é porque os cadros foron cedidos pola familia Figueroa, sendo Rosendo Figueroa, viuvo de Ana Codesal, o que entregou ao Museo 8 cadros e 8 debuxos do pintor, que de Pura Grandío, irmá de Tino, pasaron á súa filla Ana, e falecida esta o pasado ano, o viuvo cumpríu o desexo da súa dona de que as obras estivesen no Museo Provincial, nunha sala que honrase ao pintor.

Que un acontecemento coma este se produza, fainos pensar na grandeza das institucións que democratizan a cultura, posibilitando que a arte chegue a todos nós directamente ou a través da súa difusión. E tamén na responsabilidade dos posuidores de obras de arte que forman parte da nosa cultura para buscar xeito de compartilas con toda a sociedade.

Conxuntando eses dous elementos – servizo divulgativo á cultura e compartir con todos o patrimonio cultural privado – conséguese algo grande, do que na sala Tino Grandío do Museo temos boa proba.

Unha condutora, ferida despois de saírse da vía en Cospeito

Unha condutora resultou ferida tras saírse da vía co seu coche en Cospeito, á altura do quilómetro 6 da LU-P-6501. O accidente ocurriu arredor das 15.00 horas desta tarde e foros os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia os que deron aviso ao 112, indicando que a condutora parecía incapaz de saír polos seus propios medios.

Ata lugar do accidente achegáronse os Bombeiros de Vilalba e a Garda Civil, onde puideron comprobar que non era necesario empregar o material de excarceración. Iso si, os bombeiros foron os que retiraron á persoa en padiola que, posteriormente, foi evacuada ao centro hospitalario na ambulancia.

Nace a plataforma Lugo por Palestina

O Salón de Actos de Sindicatos acollerá o vindeiro luns ás 12.00 horas a presentación da plataforma Lugo por Palestina.

Segundo a organización, esta plataforma xorde a raíz do movemento cidadán en Lugo en favor de Palestina “que une a moitos dos colectivos do tecido social de Lugo, sindicatos e partidos, e tamén voces individuais da cidadanía, que non podemos quedar impasibles ante semellantes actos”.

O BNG de Outeiro de Rei celebrará un coloquio sobre a nova Lei de benestar animal

O BNG de Outeiro de Rei impartirá mañá unha charla sobre a nova Lei de benestar animal que entrou en vigor o pasado 29 de setembro.

Estará impartida polo avogado Miguel Vieito e celebrarase na antiga escola de Robra ás 20.00 horas. Nela darase resposta a moitas dúbidas que esta lei está xerando na poboación, como cantos animais se poden ter sen ser unha explotación agraria, se podemos ou non deixar ó noso can só na casa ou se o podemos deixar atado cando imos mercar o pan.

 

Rábade acollerá un curso de autodefensa para mulleres

O concello de Rábade acollerá un curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas con motivo do 25N.

O curso, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, será impartido por un especialista da Federación Galega de Loita e pertencente ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Celebrarase Sociocultural de Rábade os días 27 e 29 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas.

As mulleres que queiran participar teñen que inscribirse previamente no departamento de Servizos Sociais do Concello de Rábade, de xeito presencial ou por teléfono.

O Pazo dos Deportes estreará bancadas no vindeiro partido do Breogán

O Pazo dos Deportes presentará un aspecto renovado para o partido do vindeiro domingo entre o CB Breogán e o FC Barcelona. Os traballos de montaxe dos novos asentos, azuis e con respaldo, no aro inferior das bancadas, avanzou de forma definitiva na última semana.

Unicamente queda pendente a instalación das cadeiras da fila 11, que precisan dun sistema de anclaxe adaptado as dimensións desa bancada, máis estreita que o resto. A empresa adxudicataria habilitará uns bancos provisionais para as persoas que ocupen esas localidades no vindeiro partido.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, explicou que o próximo paso no lavado de cara do Pazo será a posta en marcha dun proxecto para a renovación da cuberta “que resolva de forma definitiva as pingueiras e filtracións que se producen, especialmente en episodios de vento e choiva intensa”.

Adxudicada a obra da nova estación de tren de Lugo por 22,3 millóns de euros

O Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma), a través de Adif, adxudicou dous contratos cun valor de 41 millóns de euros para o desenvolvemento das infraestruturas ferroviarias na provincia de Lugo.

A primeira destas adxudicacións , de 22,3 millóns de euros, estará destinada á construción da nova estación de tren de Lugo e á urbanización da súa contorna na zona da Plaza Conde Fontao-Rúa Alta e o Parque do Sagrado Corazón. Das 20 empresas interesadas en levar a cabo a obra , foi a construtora San José quen se fixo coa licitación.

Este proxecto inclúe un novo edificio de viaxeiros, un novo paso urbano peatonal, adecuación de andéns e contrución de marquesinas, a urbanización do entorno da estación, a demolición do edificio de Correos, un paso inferior entre andéns e a remodelación do viario e accesos rodados da zona da Plaza Conde Fontao.

Prolongación da variante de A Pobra de San Xiao

Dos 41 millóns, os 18,6 millóns restantes estarán destinados para a prolongación de 1,6 quilómetros cara o este da variante de A Pobra de San Xiao. Esta actuación forma parte das obras de modernización do corredor ferroviario Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, que conectará á capital lucense coa alta velocidade.

Segundo o Mitma, esta solución  contribúe a incrementar a seguridade e a permeabilidade da liña -ao suprimir 14 pasos a nivel do anterior trazado- e reducir os tempos de viaxe do percorrido. O trazado conta con dous túneles (As Cortes, de 520 metros, e Torrente, de 1,4 quilómetros) e catro viadutos de entre 145,5 e 630 metros de lonxitude, ademais de catro pasos inferiores e un paso superior na intersección coa estrada LU-546.

O Concello de Lugo enviará hoxe a documentación necesaria á Xunta para poder inscribir o 5% do PXOM pendente

O Concello e a Xunta están cada vez máis preto de aprobar o 5% do PXOM que leva anos pendente. Así quedou constatado esta mañá nunha reunión entre o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, María Encarnación Rivas, a concelleira de sostibilidade urbana, Paula Albarellos, e outros técnicos do Concello de Lugo. Nesta “longa e productiva xuntanza” -tan e como a denominaron dende a Xunta- ambas partes achegaron posturas e determinaron que o Concello enviará nesta mesma xornada a memoria xustificativa coa que se avalaba o cumprimento dos condicionantes sinalados pola Xunta no informe favorable para proceder á aprobación definitiva do 5% do PXOM.

Segundo o Concello, este documento xa formaba parte do expediente municipal, ao que xa se facía referencia tamén no acordo plenario de aprobación definitiva do 5% do planeamento pendente, e que o ente autonómico quería que tamén se integrase no conxunto técnico documental do Plan Xeral de Ordenación do Municipio.

Despois de que a Xunta reciba esta memoria, o seguinte paso sería á inscrición do PXOM no Rexistro de Planeamento de Galicia co obxectivo de que, por fin, poida entrar en vigor.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com