Novas

O PP de Lugo propón trasladar a comisaría da Policía Nacional ao edificio de Obras Públicas

O PP de Lugo propón trasladar o cuartel da Policía Nacional ao edificio de Obras Públicas, situado na Ronda da Muralla. Esta proposta chega despois de que a candidata dos populares por Lugo, Elena Candia, se reunira co Sindicato Unificado da Policía Nacional, que asegurou que “para garantir a seguridade e prestar un mellor
servizo á cidadanía, ademáis de ter efectivos suficientes, é fundamental contar con infraestruturas axeitadas”.

Segundo a voceira do PP, esta proposta cumpriría con varios requisitos que vén reclamando o sindicato policial e a cidadanía. O primeiro deles é a proximidade coa actual comisaría, xa que entre esta e o edificio de Obras Públicas hai 50 metros. Tamén asegura que é un proxecto “máis sostible”, posto que non habería que construír un complexo novo; e que permitiría rescatar os fondos consignados para investir en melloras da actual comisaría da Rúa Chantada. Esta dotación, ademais, quedaría na contorna do barrio da Residencia, algo que viñan reclamando os veciños.

Para levar a cabo este plan, sería necesario chegar a acordos tanto por parte da Xunta como por parte do Goberno central, posto que a Xunta é a propietaria do cuarto e do quinto piso do edificio de Obras Públicas, baleiros dende hai anos. Ademais, o Estado tería que trasladar as oficinas da Confederación Hidrográfica, Costas e Obras Públicas ao edificio onde hoxe está á Comisaría da Policía Nacional na rúa Chantada.

O autor e a ilustradora do libro infantil ‘Novembro’ firmarán exemplares mañá na librería El Faro de los Tres Mundos

A librería El Faro de los Tres Mundos acollerá mañá a partir das 19.00 horas a firma de exemplares de ‘Novembro’, un conto ambientado en Samaín que trata sobre a superación dos medos. Á firma acudirán o autor, Marcos Iglesias, e a ilustradora, Lucía Barrios.

Este libro infantil foi editado tanto en castelán como en galego e todas as súas fases de elaboración -maquetación, impresión e distribución- fixéronse na cidade de Lugo, intentando así colaborar na economía local.

Un home resulta ferido nunha pelexa na Praza Horta do Seminario

A Policía Local de Lugo interviu nunha pelexa na noite de onte tras recibir un aviso da Sala do 092. Os feitos tiveron lugar na Praza Horta do Seminario, onde dúas persoas se estaban agredindo entre elas mentras unha terceira intentaba mediar entre as partes. Foi necesaria a intervención dos axentes para separalas e tamén se requeriu unha ambulancia do 061 para trasladar a un centro médico a un deles, que presentaba feridas na cara. O motivo da discusión foi por temas laborais.

Altercado nun local

Tamén foi precisa a intervención da Policía local nunha liorta que se produciu o pasado día 27 na terraza dun local da Avenida da Coruña. Un grupo de dúas mulleres denunciou que un coñecido se achegou a unha delas e lle propinou unha puñada, ao que ela respondeu a modo de defensa empregando unha cadeira. A policía cre que a motivación desta pelexa foi unha suposta débeda.

Ambas partes tiveron que ser trasladadas en ambulancia a un centro médico, posto que tanto o home coma a muller presentaban feridas leves.

 

Tres vehículos implicados nun accidente na Ronda do Carme

A Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo acudiu á ronda do Carme tras producirse un accidente no que estaban implicados tres vehículos. Os feitos producíronse o pasado día 27, cando un condutor perdeu o control do seu coche resultando nun choque contra un vehículo estacionado, que no seu desplazamento cara adiante, impactou contra outro vehículo aparcado.

A policía local practicoulle ao conductor unha proba de alcoholemia que resultou negativa.

Os bombeiros de Lugo protestarán polas súas condicións laborais ante a Deputación o vindeiro martes

Os bombeiros de Lugo protestarán ante a Deputación o vindeiro martes 31 de outubro para reclamar melloras nas súas condicións laborais. Esta mobilización é a cuarta en Galicia dende que os brigadistas dos parques comarcais están de folga -que comezou xa en xuño-. Das tres anteriores convocatorias, a máis sonada foi a que se celebrou ante a Deputación de Ourense, na que houbo moitos momentos de tensión e incluso de violencia entre os bombeiros que quería entrar no edificio para reunirse co presidente da Deputación e os policías que o impediron.

Tras a convocatoria de Lugo, os bombeiros galegos farán unha nova manifestación en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de novembro. O día 20 celebrarán unha asemblea na que valoraran o conseguido ata o momento e na que decidirán a posibilidade de emprender novas accións, coma peches dos parques ou unha folga dos case 500 bombeiros de toda a comunidade galega.

As reclamacións que veñen facendo os brigadistas galegos dende o pasado mes de xuño son un convenio unificado para as catro provincias, fixeza no emprego e máis efectivos materiais e humanos. Ata este mes recomendaron non secundar a folga, pero trala asemblea do pasado 9 de outubro, na que a Vicepresidencia da Xunta e as catro Deputacións Provinciais non se presentaron, decidiron comezar cunha serie de mobilizacións que se estenderon por toda a comunidade ao longo deste mes.

 

A memoria fotográfica do pontenovés Edelmiro Méndez, recollida nun libro

A Pontenova acolleu onte pola tarde a presentación do libro ‘Edelmiro Méndez. Da terra que fomos’ unha recompilación de imaxes do fotógrafo pontenovés Edelmiro Méndez publicada pola editorial Canela.

Ao acto acudiron o autor do libro, Xose Manuel Méndez, o editor Pablo Quintana, e familiares e varias das persoas cuxos retratos se recompilan no libro.

‘Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos’ contén 226 fotografías das que 219 foron tiradas en branco e negro por Edelmiro Méndez entre os anos 1957 e 1964 no actual concello lugués da Pontenova, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecible aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.

A través dunha mirada limpa e ordenada, chea de maxia, os suxeitos transcenden o obxectivo da cámara fotográfica mostrando unha profunda complicidade co fotógrafo, con quen mantiñan unha relación próxima propiciada pola súa empatía e por ter exercido anteriormente como zapateiro e gaiteiro, e tamén porque a súa esposa Pilar rexentaba unha taberna en Xinzo.

O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento ata a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etc.

Completan a obra os textos de bos coñecedores do traballo fotográfico de Edelmiro Méndez, como son: Xosé Manuel Méndez, o seu fillo maior; José M. Salgado, fotógrafo profesional e editor gráfico desta obra; Anxo Fernández Ocampo, especializado en antropoloxía visual e docente na Universidade de Vigo, e Xoán Ramiro Cuba, etnógrafo e escritor.

O libro é o cuarto volume da colección Imaxes dun país da editorial Canela.

Fillas de Cassandra e Ruxe Ruxe, entre outros, actuarán no BreaSon de Mondoñedo

A Asociación Xuvenil Xoldra anunciou o regreso do festival BreaSon a Mondoñedo, que se celebrará os días 3 e 4 de novembro.

O cartel inclúe sete concertos de artistas galegos que terán lugar o sábado na praza da Catedral, onde actuarán Catuxa Salom e Grande Osso ás 13.30 horas; Fillas de Cassandra ás 21.30 horas; Ruxe Ruxe ás 23.00 horas; Los Rastreadores ás 00,30 horas; The Skarnivals ás 02.00 horas e de novo Grande Osso ás 03.00 horas. O acceso será gratuíto.

Tamén haberá actividades complementarias para todas as idades, como oferta gastronómica, un magosto tradicional e un espazo infantil con xogos populares para os nenos e nenas.

Volve a Lugo o concurso de tapas na que xa será a súa décimo oitava edición

O Concello de Lugo, xunto coa Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), presentaron a XVIII edición do Concurso de Tapas de Lugo, que terá lugar entre o 3 e o 19 de novembro.

Os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as 12 finalistas. O encargado de escoller o gañador entre estes 12 será un xurado profesional.

As persoas que o desexen poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios. Ademais, aqueles cupóns participantes cun mínimo de 10 establecementos visitados participarán no sorteo dunha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo; e os selados por 20 establecementos participarán no sorteo dunha viaxe dunha semana para dúas persoas a Ámsterdam.

A edición 2023 do concurso de tapas de Lugo conta con 37 locales de hostalería participantes distribuídos por toda a cidade: 3 pés, Anda, Antas, Ave César, Barros Cervecería, Bulló Xantar, Casa D’Auga, Desnivel Tapas e Copas, Eduri, El Boni, El Dotmas Bar, El Santuario de Magnus, España, Galo, Gran Café, Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, Karrusel, La Cosechera de 1977, La Terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Legends Café, Manuel Manuel, Mesón El Castillo, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado Casa de Comidas, Orixe do Campo, Paprica, Parada 33, Portal 36, Pulpería O Castelo, Prebe by Bret, Quimera, San Marcos Café, Santeiro’s Terraza, Taberna Daniel e Tapería o Peque.

Na edición anterior, celebrada en 2022, o gañador foi a parrillada El Boni, que se fixo co primeiro premio coa tapa ‘A leira do mar’, sendo esta a cuarta victoria consecutiva para o local. A tapa consistía nunha gyoza de pulpo, langostino, rodaballo á brasa, salsa teriyaki, crocante de xenxibre e algas e plancton, todo gardado nunha caixa de madeira que ao abrila revelaba o contido entre brétema e luz.

O cuarteto vocal Son de Corda estrea o ciclo de concertos ‘Na casa deles’

O Salón de Actos do Pazo de San Marco acolleu onte á tarde o primeiro concerto do ciclo ‘Na casa deles’ co que o cuarteto vocal Son de corda homenaxea os poetas lucenses Manuel María, Álvaro Cunqueiro, Uxío Novoneyra, Lorenzo Varela, Luis Pimentel e Darío Xohan Cabana.

A formación, coas voces de Esperanza Iglesias, Carmen Prendes, Fernando G. Jácome e Antón Castro, contou co acompañamento de Raúl Rodríguez (piano), María Pichín (danza) e Aldara Palmeiro (violín), que interpretaron un repertorio de composicións musicais baseadas en poemas dos escritores mencionados.

Para este proxecto, Son de Corda gravou pezas musicais en diferentes espazos ligados a biografía e á obra dos seis poetas lucenses. As gravacións rexistráronse en curtametraxes realizadas por Manuel Lucas Mariño.

O ciclo continuará con concertos na Casa Museo Uxío Novoneyra -en Parada do Courel- e no Centro Sociocultural de Monterroso o 28 de outubro;  na Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei o 18 de novembro e no Auditorio de Mondoñedo o 22 de decembro.

Unha muller resulta ferida no incendio dunha casa en Cervo

Unha muller resultou ferida tras declararse un incendio nunha casa do lugar da Fionza, en Cervo, obrigando a trasladala ao hospital de Burela.

O incendio comezou preto das 16.45 horas desta tarde, cando un particular fixo unha chamada ao 112 avisando dun lume que se iniciara no salón da vivenda a causa dunha cheminea.  Ata o lugar trasladáronse os Bombeiros de Viveiro, o GES de Cervo, a Garda Civil, axentes da Policía Local, unha ambulancia do 061 e varios membros de Protección Civil de Cervo.

Tras levar a cabo as tarefas de extinción, os bombeiros informaron de que ardera a cheminea por completo, polo que se viron afectadas dúas estancias da planta superior da vivenda, así como todo o teito, do que só quedaron as vigas.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com