Novas

O Concello de Vilalba pon á venda seis parcelas do polígono Sete Pontes

O vicealcalde de Vilalba anunciou esta mañá a posta en venda das seis parcelas de titularidade municipal que formaban parte do plan de ampliación de Entrepinares. En conxunto, as leiras suman 5.600 metros cadrados e poranse á venda mediante subasta, sendo a máis grande de 1.052 metros cadrados e as dúas máis pequenas de 860,80. O prezo do metro cadrado partirá dos 48,8 euros máis IVE.

O vicealcalde tamén anunciou que os trámites no prego de bases do concurso foron simplificados para favorecer a implantación de empresas. No anterior concurso, os interesados, para poder formar parte da poxa, debían acreditar a constitución dunha garantía por valor do 5% do importe do prezo inicial (excluído o IVE) e no caso de concorrer á poxa por máis dunha parcela, estes debían constituír a correspondente por cada unha delas. “Eliminando a garantía, buscamos unha maior participación e evitar que este concurso quede deserto nun contexto de evidente demanda de chan industrial”, declarou.

As ofertas polas parcelas deberán presentarse “dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación do anuncio de licitación no Perfil do Contratante do Concello de Vilalba”, comunicou o vicealcalde.

Os veciños da Milagrosa tachan de “insuficiente” os cartos que a Xunta quere destinar ao centro de saúde

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias da Milagrosa remitiu esta mañá un escrito ao Conselleiro de Sanidade da Xunta reclamando unha inversión maior da prevista nos orzamentos do 2024 para a reforma do centro de saúde do barrio.

Nos presupostos da Xunta de Galicia para Lugo en 2024, a Consellería de Sanidade prevía unha inversión de 700.000 euros para as obras de dito centro de saúde, pero dende a agrupación veciñal da Milagrosa declaran que esta cantidade “parécenos totalmente insatisfactoria e insuficiente”. Segundo a asociación, o orzamento estimado para a reforma integral do centro é de 2,5 millóns de euros, polo que cunha inversión de 700.00 euros sería necesario agardar arredor de cinco anos anos para que as obras estiveran finalizadas.

A asociación considera que esta situación é insostible no barrio máis poboado da cidade de Lugo, posto que na Milagrosa “predomina a xente maior” e para que todos os veciños poidan acudir ao médico precisan desplazarse varios quilómetros.

Tamén comparan a súa situación coa do centro de saúde do barrio do Sagrado Corazón plantexándolle varias dúbidas ao conselleiro. “Estima o Señor Conselleiro que os veciños da Milagrosa somos uns cidadáns de segunda? Cre o Señor Conselleiro que os veciños da Milagrosa non temos os mesmos dereitos que os demais veciños da cidade? Cre o Señor Conselleiro que é xusto e prudente que o barrio coa cuarta parte da poboación de Lugo espere catro ou cinco anos para unha reforma do seu Centro de Saúde?”

O Concello de Lugo recibe a información referente ao PXOM que lle pediu á Xunta

O Concello de Lugo anuncia que esta mañá recibiu a documentación que fora pedida á Xunta de Galicia trala solicitude de inscrición do PXOM no Rexistro de Planeamento de Galicia o pasado mes de xullo.

Tamén comunican que dende a concellería de Urbanismo trasladaron unha petición para concertar unha reunión conxunta na que abordar a entrada en vigor do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo.

O Concello volve efectuar cortes de auga en varias rúas de Lugo

O Concello de Lugo ten planeado cortar durante esta tarde o servizo na Rede Municipal de Subninistración da Auga. Desta volta, as rúas afectadas son a marxe dereita da Rúa San Fernando, a marxe dereita da Rúa Montevideo e a Praza de Ferrol.

Ao igual que vén sucedendo nestes días, a Brigada de Augas conta con que o servizo quede restablecido ao remate desta xornada.

Tres anos e nove meses de cárcere para o acusado de atropelar a un axente e fugarse dun control

Un home foi condenado a tres anos e nove meses de cadea polos delitos que cometeu en 2021 despois de fugarse dun control policial e levar por diante a un dos axentes que lle dera o alto.

Os feitos aconteceron o 8 de outubro de 2021, cando o acusado conducía pola N-6 sen ter carné de conducir. Arredor do kilómetro 550, unha patrulla da Garda Civil de Lugo deulle o alto para sometelo a un control preventivo de alcol e drogas. O home non só no parou, senon que levou por diante a un dos axentes, provocándolle varias feridas nunha perna. Na súa fuxida, ademais, cometeu varias infraccións moi graves, poñendo nun ran risco ao resto de condutores.

Polo delito de atentado, o delito contra a seguridade vial e o delito leve de lesións, o Ministerio Fiscal pedía unha condena de 6 anos de prisión e outros tantos de retirada de carnet. Sen embargo, o acusado admitiu a súa culpabilidade para poder chegar a un acordo de conformidade entre ambas partes. Ademais, deberá pagar 3.228 euros polas lesións e 2.00 máis polas secuelas que lle provocou ao axente, que precisou de 97 días para recuperarse.

O acusado, un home de 27 anos, declarou por videoconferencia dende a prisión de Bonxe (Lugo), xa que está cumprindo condena por outros delitos contra a seguridade vial.

 

As traballadoras da limpeza en folga ocupan as oficinas de Eulen por un convenio digno

Ao grito de “Eulen, escoita a limpeza está de loita”, as traballadoras do sector da limpeza de Lugo ocupan as oficinas da empresa Eulen na cidade para reclamar un convenio digno e denunciar o bloqueo das negociacións por parte da patronal.

O sector limpeza de Lugo leva en folga dende o pasado 16 de outubro para protestar contra un convenio que aseguran “é dos máis baixos de toda Galiza”, levando a cabo diversas iniciativas para demandar melloras e dar a coñecer a súa situación. Onte as traballadoras fixeron un percorrido dende a Praza de Santo Domingo, onde se atopa a sede da patronal, ata o edificio da Deputación na rúa San Marcos. Tamén lanzaron fregonas ao chan ante o edificio do Concello o pasado luns; e o martes levaron a cabo unha caravana de vehículos por toda a capital lucense.

O PP de Lugo pide ao Concello que arranxe as goteiras do Colexio Paradai

O PP de Lugo denuncia a existencia de goteiras na pista polideportiva do Colexio Paradai produto das constantes chuvias destes últimos días. Segundo os populares, o alumnado ten que facer ximnasia nun pabillón con charcos, obrigándoos a convivir cos cubos onde se recollen as goteiras.

Nun comunicado, o grupo popular  instan a que “se planifiquen estas obras lamentando que non se acometeran durante o verán”, e recordan que as obras de conservación e mantemento dos centros educativos son responsabilidade do Concello.

A xustiza perdoa unha débeda de 44.000 euros a unha lucense

O Xuzgado de Primeira Instancia 2 de Lugo perdoou unha débeda de 43.728 euros a unha lucense que acumulaba varios préstamos pendentes.

A Asociación de Axuda ao Endebedamento, unha entidade sen ánimo de lucro, amparouse na Lei da Segunda Oportunidade, aprobada no ano 2015, para axudar a esta persoa a saír dunha situación límite.

A muller levaba anos arrastrando unha serie de préstamos que contraeu ao efectuar a compra dun coche que precisaba para ir ao traballo. Ao pouco tempo, e para subsanar diferentes problemas mecánicos do vehículo, tivo que solicitar máis préstamos para poder pagar os arranxos.

A situación empeorou debido á que a parella desta muller estaba en situación de desemprego e á chegada do seu bebé recentemente nado, o que multiplicou os gastos. Para intentar pagalos, solicitou máis préstamos, chegando así a acumular unha débeda que rondaba os 44.000 euros, unha cifra inasumible para un único salario.

Desesperada, esta muller acudiu a Asociación Axuda ao Endebedamento, especializada neste tipo de procesos de insolvencia, que en catro meses logrou a exoneración do 100% das súas obrigas de pago.

A policía local de Lugo multa a un conductor que circulaba de forma temeraria

Unha patrulla camuflada da policía local de Lugo logrou interceptar esta madrugada a unha persoa que conducía de forma temeraria pola rúa Paseo dos estudantes. Os axentes tiveron que perseguilo por varias rúas ata que conseguiron deter o vehículo. O conductor foi multado por catro infraccións: condución temeraria -sancionada con 6 puntos e 500 euros-, non respectar ordes e indicacións dos axentes -200 euros e 4 puntos-, non respectar a luz vermella dun semáforo -200 euros e 4 puntos- e non deterse ante un stop -200 euros e 4 puntos-.

Non foi a única intervención da policía local esta madrugada, xa que os axentes detectaron cinco vehículos coa ITV caducada e dous que circulaban sen o seguro obrigatorio.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com